Opinión

Talante, diferenzas e unidade do nacionalismo

Ao fío da rolda de contactos emprendida polo BNG coas diferentes organizacións do nacionalismo e o independentismo, tense avivado unha certa fumarada interesada a respecto da pretendida recuperación da unidade do nacionalismo. Aos encontros formais e orgánicos, engadíuselle sorpresivamente tamén algún outro informal e de iniciativa persoal.  A súa combinación baixo o prisma antinacionalista dos mass media, teima en deformar os feitos, as intencións e mesmo as propostas, para alén das intoxicacións ao respecto destas disfrazadas de presuntas filtracións de parte, que non se poden -loxicamente- corroborar.

Ao fío da rolda de contactos emprendida polo BNG coas diferentes organizacións do nacionalismo e o independentismo, tense avivado unha certa fumarada interesada a respecto da pretendida recuperación da unidade do nacionalismo. Aos encontros formais e orgánicos, engadíuselle sorpresivamente tamén algún outro informal e de iniciativa persoal.  A súa combinación baixo o prisma antinacionalista dos mass media, teima en deformar os feitos, as intencións e mesmo as propostas, para alén das intoxicacións ao respecto destas disfrazadas de presuntas filtracións de parte, que non se poden -loxicamente- corroborar.

A procura de unidade exixe de moito máis que dunha declaración de principio

A derradeira Asemblea Nacional do BNG definiu con clareza que malia os procesos escisionarios, e a súa escenificación traumática e nalgúns casos dolosa (a mantenta), a vocación inclusiva e integradora da Fronte, como “casa común” do nacionalismo galego, mantíñase igualmente ergueita. Aliás, por mor do contexto de emerxencia social e nacional, esa vocación tería que substanciarse na vontade proactiva de procurar a maior unidade de acción entre as diferentes organizacións que subscriben a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, e nomeadamente aquelas que o fan desde unha inequívoca óptica de esquerdas ao servizo da clases populares.

As xuntanzas desenvolvidas até agora con Compromiso por Galicia, Causa Galiza ou Nós-Unidade Popular, e o convite formal a Anova, son xa que logo apenas a aplicación concreta dunha vontade referendada en forma de resolución do máximo órgano de dirección do Bloque. Nada menos, pero máis nada.

Os resultados desiguais e nada uniformes dos contactos formais, que cómpre resaltar se desenvolven de maneira pública e transparente, amosan que a procura de unidade exixe de moito máis que dunha declaración de principios. Como apuntei hai xa algún tempo a unidade ou se cimenta sobre propósitos, posicións e obxectivos (concretos) partillados ou non será. De aí a dificultade da tarefa. Porque boas vontades a parte, nisto tamén median as diverxencias ideolóxicas  (algunhas de calado) que existen entre as diversas referencias do soberanismo e o independentismo. 

As escisións no BNG debéronse fundamentalmente a agudas diferenzas ideolóxicas. O problema non era de talante.

Neste senso, cómpre non perdermos de vista que os procesos escisionarios no seo do BNG que deron lugar por unha banda a CxG e por outra ao cerne da actual Anova, debéronse fundamentalmente --e de maneira ben obxectivábel, sobre todo a posteriori-- a agudas diferenzas ideolóxicas, senón tanto nos principios xerais si desde logo na súa aplicación propositiva e programática, na definición da liña política e do discurso que a sostiña. Lembro isto, porque ao escoitar algúns encoraxados chamados á restitución case inmediata da unidade orgánica do nacionalismo, semella que o problema fose apenas de acomodo, de convivencia ou de clima interno, como de maneira bastante cínica se escusou desde algúns sectores, faltando á verdade.

O problema non era de talante. Inxustamente nunca se recoñecerán abondo os grandes e honestos esforzos emprendidos por Guillerme Vázquez desde a portavocía nacional por tentar parar a bomba de tempo que se instalara xa ben antes da súa elección, nin a súa inconmensurábel xenerosidade e paciencia --mesmo excesivas-- con actitudes que incorrían xa non na discrepancia senón no deliberado boicot. Nin o problema era o talante de antes, nin a solución pasa só por unha mudanza no estilo e no tono na cabeza da fronte.

Así o demostran feitos como a participación do propio Beiras como impulsor denominadas Mesas de Converxencia a nivel estatal, precedente ou se se quer xermolo da actual “Syriza española” da que AGE é franquicia en Galiza, un ano antes da saída do Encontro Irmandiño do BNG.

Cuestións que se deron con anterioridade á Asemblea Nacional de Amio, na que lembremos tamén Beiras e o seu grupo aspiraron a liderar o BNG da man dunha estraña parcería coa corrente daquela denominada Máis Galiza, liderada por Carlos Aymerich, e que maioritariamente abandonaría tamén o Bloque para constituír Compromiso por Galicia. 

As posicións de Anova e CxG amosan que as diferenzas no nacionalismo existen e non son apenas de matiz

Con todo, apenas sería preciso repasar as posicións políticas expresadas tanto por Anova como por CxG nestes meses, en relación por exemplo ao reclamo de plena soberanía nacional para Galiza, sobre a crítica á Unión Europea, ou en relación ao papel central que debe ter o principio de auto-organización para un proceso realmente transformador en Galiza, para comprobarmos empiricamente, no concreto e de maneira obxectiva, que as diferenzas existen e non son apenas de matiz, como ás veces se quere presentar. Diferenzas por outra banda absolutamente lexítimas e merecentes de todo respecto. Mais ao cabo diferenzas que colidan, arestora, coa converxencia nos propósitos que puidera cristalizar nunha eventual reunificación do nacionalismo nun único referente.

Tendo en conta o anterior, para alén de propiciarmos no posíbel o máximo grao de unidade na acción --con base na concordancia nas diagnoses e tamén (sobre todo) nas propostas-- e de tentar alargar as sinerxías que poidan desenvolverse, a tarefa fulcral segue ser socializar para sumar o maior apoio popular a proposta política que cada referente sostén, e no caso concreto do BNG teimar a través do enraizamento social, nos procesos mobilizadores e nos movementos sociais, en aumentar a referencialidade da fronte patriótica como expresión emancipadora dun proxecto soberanista que ten as camadas populares (nomeadamente as clases traballadoras) como suxeito e destinatario, edificado sobre a autoorganización sen dependencias (nin electorais, nin ideolóxicas) de proxectos foráneos e que pule por unha ruptura democrática que permita a mudanza radical (en chave nacional e de clase) que o noso pobo precisa con urxencia.

(*) Artigo editado ás 11:56h sobre a publicación orixinal. Nota do autor: 

Decidín eliminar deste texto unha referencia inluída orixinalmente a respecto dunha mención que Pepe Árias facía nun recente artigo de opinión, na que sinalaba que en 2009 existiran conversas a tres bandas entre o EI, a FPG e o MpB para argallaren unha candidatura ás eleccións galegas de 2009 alternativa á do BNG. Fágoo toda vez se sinala nun comentario a este artigo que o acrónimo EI non se refire, como eu aseguraba ao "Encontro Irmandiño" de Beiras senón ao "Espaço Irmandinho", precedente da OLN.

Ao non ter elementos suficientes que poidan clarexar unha ou outra interpretación (no web do Espaço Irmandinho non figura nada ao respecto) e a pesar de ter constancia de conversas informais que cadrarían coa outra lectura, entendo necesario por rigor e para non xerar ningunha caste de confusión prescindir desa referencia (que unicamente empreguei a modo de exemplo das diferenzas latexantes no seo do nacionalismo xa antes da ruptura do BNG), sen que isto supoña mudanza algunha no fío argumental do artigo.

Comentarios