Opinión

Soberanía fronte a devastación

Devastadores. Só así cabe describirmos os efectos concretos e palpábeis da crise que enfrontamos e –sobre todo-- das políticas que o poder impón a través dos seus gobernos, quer do PSOE quer do PP.

Devastadores. Só así cabe describirmos os efectos concretos e palpábeis da crise que enfrontamos e –sobre todo-- das políticas que o poder impón a través dos seus gobernos, quer do PSOE quer do PP. Non se trata só da raiceira de causas que a provocan, que teñen a ver coa natureza mesma do capitalismo como sistema fallido, senón sobre todo das consecuencias recentes da radicalización da loita de clases que o capital está a provocar coa súa feroz ofensiva contra as clases populares.

“Non é unha estafa, é o sistema!” berramos milleiros de persoas días atrás ao nos mobilizar contra do xenocidio hipotecario dos desafiuzamentos. Un drama ao que se vén de engadir unha nova faciana, máis un exemplo concreto. O rostro inocente dunha octoxenaria coruñesa, Aurelia Rey, a quen a mobilización social, consciente e organizada, impediu –polo momento-- que fora expulsada da súa vivenda. Demostrando as potencialidades reais da mobilización e da acción social.

 A forza incontestábel dos feitos ofrece cada vez maior resistencia ao discurso dominante

A forza da realidade material comeza a se impor ao medo que alentan os poderosos para nos desmobilizar. Ao tempo, a forza incontestábel dos feitos ofrece cada vez maior resistencia ao discurso dominante, co que o poder pretende sementar parálise e resignación facéndonos crer que non hai saída.

Feitos incontestábeis como os máis de 350.000 paradas e parados, os 90.000 fogares galegos sen ningunha fonte de ingresos e outros moitos que malviven con menos dun salario mínimo, os 70.000 mozas e mozos expulsados pola emigración forzosa nos últimos cinco anos, o desmantelamento a velocidade cruceiro de servizos sociais fundamentais como a sanidade ou o ensino, o empobrecemento masivo de salarios e pensións ao tempo que os prezos da cesta de compra --a de verdade, non a artificiosa das estatísticas oficiais-- seguen a subir, a cativada que arestora xa vai sen almorzar ao colexio, o vertixinoso número de persoas –coma ti, coma min-- que se vén forzadas a pedir alimentos ou aos procurar nas bolsas do lixo, ou o retorno a condicións laborais de hai máis de 30 anos coa precariedade como norma xeral. E todo namentres unha minúscula, mais poderosa, minoría segue a cebar o seu lucro, mesmo a costa dos nosos impostos.

O pobo traballador galego somos vítima tamén dunha devastación engadida: a inxusta relación de dependencia colonial á que a clase dominante española (e españolista) condena á nosa nación

Amais desa realidade crúa e insoportábel, o pobo traballador galego somos vítima tamén dunha devastación engadida: a resultante da inxusta relación de dependencia colonial á que a clase dominante española (e españolista) condena á nosa nación. Devastación en forma de demolición deliberada dos nosos sectores produtivos, ou inda peor, dos poucos sectores produtivos que inda non demoleran. Devastación mediante políticas que afogan até a asfixia a nosa cultura, e singularmente o noso idioma, como medio para dinamitar a nosa identidade como pobo.

E como corolario do drama, engádese a perda de dereitos civís e liberdades, a corrupción que amosa a podremia das entrañas do franquismo legalizado coa transición e máis a submisión do poder político en mans de forzas sistémicas aos ditados do poder real, da oligarquía financeira e empresarial que representa a Troika. Un sistema en crise e o seu réxime político convulsionando. Mais errará quen acredite en que as convulsións son síntoma da súa caída inminente. A democracia burguesa española convulsiona si, pero como proceso dunha mutación. Estamos a piques de pasar dunha democracia aparente a unha incipiente ditadura. O fascismo axexa, e tamén o fai con discursos antipolíticos, que mesmo se atreven a equiparar a quen é cómplice deste infame saqueo e a quen é mallado canda o pobo nas rúas.

A urxente emancipación social e nacional do noso pobo só poderá acadarse pola vía da ruptura

Fronte quen nos explota, fronte quen nos nega como nación, fronte quen nos quere privar da política, o camiño é empoderarnos, disputar o poder. O poder real. En todas as frontes e tamén creando espazos de contrapoder que fendan o réxime e agudicen as súas contradicións. Non caben pactos nin reformas. A urxente emancipación social e nacional do noso pobo só poderá acadarse pola vía da ruptura, do confronto, atendendo a relación de interdependencia que no caso galego presentan ambos planos. Ruptura que no plano nacional pasa por dotarnos como pobo de plena soberanía, a través da constitución dun Estado Galego, como medio para devolver ás clases populares o poder político que a burguesía española (e europea) lles furta. Ruptura que no plano social exixe, como tarefa inmediata e non postergábel, avanzar sen medo na correlación de forzas que permita a construción dun novo sistema económico e social xusto, ao servizo do pobo; sumar conciencia e vontade organizada para avanzar cara á construción do socialismo en Galiza.

Non por casual é a esquerda soberanista galega (política, sindical, agraria, xuvenil ou estudantil) quen chama de maneira unitaria, por vez primeira en moito tempo, a nos mobilizar hoxe nas principais cidades do país contra a devastación que padecemos e reclamando a mudanza radical que precisamos como pobo para que non acaben con nós.

Comentarios