Opinión

Soberanía, democracia, traballo

Fronte á crise sistémica desatada no 2008, e para facer fronte ao efecto combinado desta coas políticas antisociais e antigalegas despregadas polos sucesivos gobernos españois e a Xunta de Feixoo, o nacionalismo galego sintetizara daquela na tríade que intitula esta tribuna a súa alternativa: soberanía, democracia e traballo.

Aquela crise inda non está superada, e a situación de emerxencia social, laboral e produtiva que atravesa Galiza vén de se agravar nos últimos tempos, coa guerra na Ucraína como factor acelerante e agudizador.

O actual contexto verifica de maneira tan gráfica como contundente a estrutural submisión da Unión Europea aos intereses do grande capital, limitándose a asir o ditado da batuta de Washington. Antepoñendo os intereses "atlantistas" por encima mesmo dos seus intereses continentais. En pleno conflito armado na Europa, o comandante en xefe é o presidente dos EUA. Unha Unión Europea pusilánime e axeonllada perante o Tío Sam, que clama a súa impotencia pedíndolle á China que asuma o papel que lle debera corresponder á propia UE: axilizar a fin da guerra, promovendo con determinación unha saída acordada que garanta a seguridade e a paz.

Aliás, o recente Consello Europeo exemplificou até que punto o denominado proceso de construción europea tornouse nun corpiño, apertado con firmeza polas mans das grandes potencias centrais (nomeadamente Alemaña), que impide que mesmo nun momento crítico e extraordinario os estados membro poidan decidir sobre cuestións estratéxicas e centrais como a tarificación enerxética. A "illa enerxética" que logrou Pedro Sánchez é na práctica apenas unha concesión temporal cuxas peaxes posteriores inda non coñecemos.

Coa UE espida diante do espello tórnase máis evidente do que nunca a importancia da soberanía. De termos plena capacidade de decidirmos, nomeadamente sobre aquelas cuestións que teñen un alcance directo nas condicións materiais de vida da nosa poboación. Galiza ten dobremente negada a súa soberanía. Dunha banda polo seu encaixe nun Estado español que nega o seu carácter plurinacional e que ten avanzado nunha agudísima recentralización. Doutra, pola "transferencia" de soberanía de Madrid a Bruxelas, que inda tendo máis de confesional que de forzosa, non deixa de ser tal.

Vemos ademais como esa centralización e 'deslocamento' da toma de decisións encerra en si propia unha natureza abertamente antidemocrática. A vontade popular en nada conta nos chalaneos comunitarios en Bruxelas. Como tamén se ignora por parte do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos, ao non someter a consideración do Congreso a participación, formalmente indirecta, no conflito armado na Ucraína, a través da entrega de armas e da mobilización de tropas e unidades ofensivas do exército español.

A carestía da vida que xa está a atinxir niveis insoportábeis para a maioría social non está a recibir tampouco unha resposta firme por parte dos gobernos galego e español. A Xunta do telepresidente Feixoo fica conxelada á espera da súa entronización como líder do PP español. E o executivo de Pedro Sánchez e Yolanda Díaz teima en xestionar este momento de enormes dificultades para as familias traballadoras en chave de comunicación política: propaganda e só propaganda. Declaracións, anuncios, vontades. Pero nada de BOE. Ningunha medida de calado para frear a escalada inflacionista que está a engulir os xa empobrecidos salarios. Ningunha decisión para despregar unha enérxica intervención pública na economía que protexa o pobo e o emprego. Mentres os prezos de alimentos, produtos e subministracións básicos suben de maneira descontrolada cada día, o Goberno español anuncia que vai aumentar o presuposto militar para contentar os xefes da OTAN. Comeremos fusís, metralladoras e avións de combate, pois.

Por contra, o nacionalismo galego, tanto no político desde o BNG, como no sindical desde a CIG, teñen fornecido alternativas concretas, posíbeis e verificábeis, que evitarían que a agudización desta crise se volva converter nun desapiadado saqueo contra as clases populares e traballadoras. Con soberanía, democracia e traballo.

Comentarios