Opinión

Rumo propio cara á soberanía


 

A ofensiva do españolismo, nunha vaga de brutal recentralización e de violenta represión contra quen desafíe o statu quo da Transición e a súa “España una”, obriga o soberanismo a definir con maior precisión a súa folla de ruta. Ocorre non só na Catalunya, onde as forzas soberanistas teñen por diante o repto de efectivizar os resultados do pasado 21 de decembro. Tamén en Euskal Herria, cunha esquerda abertzale decidida a impulsar un proceso de acumulación que volva colocar no centro do debate a necesaria construción dun Estado vasco. Trátase, pois, de reaccionar en chave de contraofensiva contra o cada vez máis claro intento das clases dominantes españolas de rececentralizar o Estado.


Na  Galiza, sen perdermos de vista as condicións concretas, e especialmente o nivel de conciencia nacional e social e a correlación de forzas na que se expresa, era tamén necesario definirmos, ou se se quixer actualizarmos, unha folla de rota concreta sob a que avanzar desde o aquí e agora con rumo ao obxectivo estratéxico da plena soberanía nacional e popular. Trátase pois de conectarmos a acción política, social e institucional, que o nacionalismo galego desempeña no cotiá, no conxuntural e inmediato, co horizonte da República galega. Por complexa que xulguemos vaia ser a travesía ate lá, ou distante a situemos na cartografía política do presente.

Nesa dirección, mais sob perspectivas diferenciadas, teñen converxido nos últimos días dúas iniciativas de grande calado. Dunha banda a aprobación polo BNG da denominada “Estratexia Avanza Galiza”, coa vocación de ser un ambicioso plano de traballo que, sobardando os ciclos electorais, permita á fronte patriótica contribuír de xeito decisivo a sumar máis vontades conscientes a prol da causa dunha Galiza dona de si propia. Un documento que se desenvolve dentro do marco político delimitado na última Asemblea Nacional do Bloque, que supuxo o maior esforzo recente de actualización e reforzamento do proxecto nacionalista para Galiza. Pola súa parte, no ámbito social, corenta entidades do campo popular (sindical, cultural, deportivo, rural, estudantil, etc.) veñen de se artellar nunha iniciativa de base ampla, a “Vía Galega”, co obxecto de estreitar a colaboración en chave de sinerxía na tarefa de enraizar a nivel social a causa soberanista sob dúas premisas tan mínimas como fulcrais: o carácter nacional de Galiza e o dereito do noso pobo adecidir libremente o seu futuro.

Diante da ofensiva do españolismo, o noso futuro non pasa por nos acantonar no buraco da defensa dunha autonomía anémica, senón por adiantar con audacia e intelixencia a liña de trincheiras. Só así poderemos avanzar, con rumo propio, cara á soberanía. 
 

Comentarios