Opinión

Retorno a 2008?

O grave contexto socioeconómico que estamos a atravesar non é, en rigor, unha nova crise, se non un agravamento do cadro de emerxencia social, laboral e produtiva que seguía vixente en Galiza e que os efectos derivados da pandemia e da guerra en Ucraína, entre outros, viñeron a agudizar. No entanto, a falla de resposta por parte dos gobernos galego e español, engadido á reiteración de receitas fracasadas por parte da Unión Europea, albiscan un retorno -como pouco- á fase máis intensa da crise nunca superada de 2008.

O xeneralizado empobrecemento de salarios e pensións, agora recruado por unha inflación disparada, engule o xa escaso poder de compra das clases populares e traballadoras. A crecente precarización do emprego, que a pesar do ornato estatístico que celebra a Ministra Yolanda Díaz se traduce en que hai hoxe un maior número de traballadoras e traballadores pobres, así como a consolidación da realidade insoportábel de que ter un emprego (mesmo indefinido) non garante a subsistencia material. A insuficiencia manifesta das medidas de protección social e do combate da pobreza e o empobrecemento. Ou a imparábel desertización da base produtiva, cunha crecente terciarización da economía en favor dun sector servizos con escasa capacidade de xeración de valor engadido e fortemente dependente das dinámicas de consumo. Todos estes elementos, aos que poderiamos engadir outros derivados dun contexto xeopolítico moi preocupante e con efectos directos en cuestións como a enerxía e a falla de garantía dos insumos máis básicos, describen un escenario que se asemella ao que se derivara daquela crise financeira e que, por acción das políticas de axuste neoliberal, se traduciu nun colosal saqueo contra o pobo a golpe de recortes.

No plano macroeconómico hai xa evidentes síntomas para nos preocupar. A decisión do Banco Central Europeo de cesar na súa compra de débeda pública, que foi o único mecanismo de reequilibrio que non se facía a costa directa de apertar o cinto da maioría social, abre a porta ao retorno dos homes de negro e dos seus leoninos memorandos de axuste. Certamente, para evitar estalidos sociais, Bruxelas aplicará o seu programa ao ditado unicamente dos intereses do grande capital oligárquico con maior sutileza formal e gradualidade que daquela. Disfrazaranse novamente de medidas conxunturais e optarase por unha aplicación paulatina nunha cocción antisocial a lume lento.

É claro que, como xa sucedeu co acceso aos fondos de recuperación europeos, como os Next Generation, as medidas de auxilio para evitar unha crise da débeda que poña en xaque o propio euro (que é a única motivación real), virán acompañadas por condicións duras que fanarán aínda máis as posibilidades de despregar políticas contracíclicas que aposten por unha saída socialmente xusta, e no noso caso, galega, á crise.

Cando á inmensa maioría social do noso País lle sobra mes para tan poucos salarios. Cando grandes medidas propagandísticas, como o Ingreso Mínimo Vital, se tornaron nun fracaso inda menos eficaz que a Risga. Cando facer a compra, repostar combustíbel ou facer uso da electricidade se fan máis e máis inaccesíbeis para un cada vez maior número de fogares, urxe despregar con contundencia políticas públicas que sirvan de dique de contención contra esta vaga empobrecedora, mobilizando todos os recursos e capacidades do conxunto de administracións para articular un parapeto social que abrigue o pobo fronte a unha crise que empurra con forza cara a exclusión social, á privación do máis básico, á maioría, mentres o capital monopolista segue a celebrar contas de resultados millonarias, como as de Iberdrola do amigo de Feixoo.

Comentarios