Opinión

Por que a ‘reforma da UE’ é unha quimera que confunde ao pobo?

Resulta moi complexo comprender aquelas posturas que concilian unha razoábel e fundamentada denuncia da brutal ofensiva antisocial emprendida polo Capital --no marco da vixente crise-- e comandada pola Troika, e ao tempo manteñen a súa aposta pola refundación da UE, isto é pola súa reforma. Agrava esa contradición que tal inxenuidade se defenda mesmo por quen si ten asumido, en troca, que a vía autonómica no Estado español é un beco sen saída para as nacións que aspiramos a nos gobernar por nós propias, que o seu deseño centralizador e imperialista non admite reforma, e con acerto propugna a necesidade de conquistarmos a plena soberanía nacional, en chave de ruptura. Ou acaso existe unha mellor correlación de forzas na UE que no Estado para esa reforma imposíbel?

Resulta moi complexo comprender aquelas posturas que concilian unha razoábel e fundamentada denuncia da brutal ofensiva antisocial emprendida polo Capital --no marco da vixente crise-- e comandada pola Troika, e ao tempo manteñen a súa aposta pola refundación da UE, isto é pola súa reforma. Agrava esa contradición que tal inxenuidade se defenda mesmo por quen si ten asumido, en troca, que a vía autonómica no Estado español é un beco sen saída para as nacións que aspiramos a nos gobernar por nós propias, que o seu deseño centralizador e imperialista non admite reforma, e con acerto propugna a necesidade de conquistarmos a plena soberanía nacional, en chave de ruptura. Ou acaso existe unha mellor correlación de forzas na UE que no Estado para esa reforma imposíbel?

Abandonar Europa sería como romper os teares porque xeraban desemprego cando o que hai que facer é poñelos ao teu servizo; igual que non se trata de romper os ordenadores, senón de facerte hacker. Non se trata de romper o euro, senón de reinventar outra Europa e outra moeda común.” O anterior é un fragmento dunha entrevista concedida por Juan Carlos Monedero, un dos autores intelectuais dese proceso difuso chamado 'Podemos' --do que falei nestas mesmas liñas a semana pasada--. Verbas, que malia a ocorrente linguaxe empregada e o teimoso afán por pintar un discurso vello con novo verniz, visan na práctica o escaso alcance desa proposta política pretensamente rupturista. 

As preguntas que a un lle xorden logo de ler tais afirmacións, que teñen eco aquén do Padornelo, son ben sinxelas. Como poñer ao noso servizo (entendendo o noso, como referido ás clases populares, ao pobo traballador) unha estrutura política institucional deseñada desde os seus inicios e aquilatada con anos de práctica para servir única e exclusivamente os intereses do grande capital monopolista? Como se pode hackear unha UE que para alén do anterior, está edificada sobre un deseño deliberadamente antidemocrático que concentra o poder en instancias non elixidas por sufraxio universal, como a Comisión Europea ou o Consello? Mais o de Monedero non é só un desiderato inxenuo. É a reprodución dun discurso que a golpe de espellismos distrae ao suxeito social dos obxectivos reais que deben orientar a súa loita. 

Face quen propugna a reforma, o instrumento que se quere reformar insiste en obxectivar o quimérico de tal pretensión.

Entrementres europeístas confesos e declarados activistas antiTroika, que paradoxalmente non chaman a derrubar dúas das súas patas (Comisión Europea e BCE: o brazo executivo e o económico respectivamente da Unión), insisten nos seus chamados a domesticar o león e o facer vexetariano, os voceiros da Troika non disimulan a súa orientación de clase chamando ao Goberno español a profundar inda máis rápido e máis duro no recorte de dereitos de carácter social e laboral, tal e como se recolle na sección de traballo do número impreso desta semana de Sermos. Face quen propugna a reforma, o instrumento que se quere reformar insiste en obxectivar o quimérico de tal pretensión.

Explícao moi ben Ángeles Maestro nun recente artigo ao afirmar que “a referencia ao tema crucial, o da la pertenza ou non á UE, máxime nunha candidatura ao Parlamento europeo ten [no caso de “Podemos”] exactamente a mesma ambigüidade inaceptábel que IU: ‘queremos outra Europa, xusta’.. etc. A UE e, sobre todo, a Unión Económica e Monetaria, é dicir o euro, é a maquinaria que utiliza o gran capital para - a través da  Débeda – impor á clase obreira o seu programa de exterminio de dereitos sociais e laborais e non pode ser eludida. Calquera outro punto programático é radicalmente incompatíbel coa UE e por tanto unha quimera dentro dela. (...) Estes puntos definen hoxe a liña de demarcación entre o aceptábel e o inaceptábel polo poder”. 

Para alén do máis, a vía da reforma pode ser coherente con quen (caso do social-liberalismo) acredite en que a UE é rectificábel implementando apenas correccións que atenúen o grao de virulencia, e violencia, das súas políticas antisociais. Porén, o nacionalismo popular ten caracterizado historicamente con acerto o deseño que orientou o denominado proceso de construción europea desde o seu inicio atè hoxe. No concreto o BNG profundou e precisou esa caracterización nas súas dúas últimas Asembleas Nacionais. Eis varias citas que sintetizan a análise do Bloque (tiradas dos relatorios da súa XIII AN):

“A ‘Europa política e social’ constitúe unha auténtica ficción para consumo interno dun europeísmo idílico, defensor na práctica desta UE realmente existente.”

  • “A Unión Europea xogou e xoga un considerábel papel como impulsora da globalización capitalista e non exerce como bloque alternativo ao imperialismo dos EUA senón todo o contrario, sempre foi o seu aliado máis fiel”.
  • “A UE actúa como mascarón de proa globalizador afianzando regras de xogo idóneas tanto na OMC coma no resto de institucións e órganos multilaterais, así como nas súas relacións cos países do Mediterráneo, de África, ou cos outros bloques rexionais existentes a nivel mundial.”
  • “Os Estados integrados na zona euro perderon a soberanía nas políticas monetaria e de cambio. Padecen a fixación dun prezo único do diñeiro (tipo de xuro) en economías tan diversas. Pasan a depender dunha institución sen control democrático ningún, o BCE, como se as súas funcións fosen estritamente técnicas, que ten como obxectivo exclusivo o control do nivel de prezos.”
  • “A ‘Europa política e social’ constitúe unha auténtica ficción para consumo interno dun europeísmo idílico, defensor na práctica desta UE realmente existente.”
  • “O seu deseño [o da UE] nega as nacións sen Estado e é  contrario a unha ‘Europa dos Pobos’. Responde á política do capital transnacional, que actúa como  un poder supraestatal ditando unha política económica antisocial e contraria ao desenvolvemento  autocentrado das nacións sen Estado. Ten moi graves consecuencias para a base material e produtiva  da nosa economía. Maniféstase contraria ao recoñecemento do dereito colectivo-democrático á  autodeterminación facendo imposíbel calquera perspectiva de ‘alongamento interno’ dentro da propia UE. Mesmo é contraria a recoñecer a plena utilización das linguas nacionais cooficiais no Estado Español como oficiais no ámbito das diferentes institucións comunitarias”

Dos argumentos anteriores dedúcese con clareza que o problema non é apenas de orientación concreta, senón que ten un alcance xenético, en relación a función que a construción europea xoga na etapa imperialista do capitalismo, para favorecer a maior concentración e centralización de riqueza nos monopolios. Precisamente esta definición, a da UE como problema para Galiza e as súas clases traballadoras, foi obxecto dunha xornada de debate realizada pola Fundación Galiza Sempre, e na que se achegaron datos que acreditan no concreto os graves e moi prexudiciais que para o noso pobo teñen tanto a UE como o euro, en tanto o seu instrumento monetario. Recomendo encarecidamente ollar e escoitar os relatorios presentados e que fican disponibilizados en vídeo na Rede.

Cuestionamento do euro e superación da UE. Dúas ideas sob as que artellar unha alternativa netamente rupturista

Pois ben, diagnosticado o alcance da doenza, cómpre prescribirmos o tratamento acaido. As teses da derradeira Asemblea Nacional recollían negro sobre branco a fórmula que promove o nacionalismo galego: “Fronte á Unión Europea, en tanto que construción imperialista ao servizo do capital transnacional, nós consideramos plenamente lexítimo, oportuno e necesario o rescate da soberanía por parte dos pobos e das nacións que hoxe acaban sendo vítimas dun marco que degrada o progreso material e a democracia. (...) Cómpre hoxe abrirmos un amplo debate social e adoptarmos unha posición sobre o futuro do euro, así como sobre as repercusións na nosa economía do tratado de libre comercio que está a negociar de xeito semiclandestino UE e EE.UU. (...) É necesario sumar o maior apoio social posíbel no noso país a prol da superación da UE[teses da XIV AN]. 

Cuestionamento do euro e superación da UE. Dúas ideas sob as que artellar unha alternativa netamente rupturista coa actual arquitectura político-económica que se nos impón a Galiza, por ficarmos encadrados forzosamente no Estado español.  Unha alternativa política clara rumo ás eleccións europeas que face tanta confusión se articule sob a base de defendermos non o falsamente posíbel, senón o realmente necesario.

Comentarios