Opinión

Reflexión e voto

  Esta terceira semana de outubro ven marcada, na Galiza, por dous acontecementos: un, que se prolongará durante meses, o inicio do xuízo do Prestige; o outro, o fin da campaña e a correspondente xornada electoral, con vinte e catro horas de reflexión polo medio. A balanza da xustiza e a balanza das urnas coincidindo nun tempo cronolóxico que Otero Pedrayo situou entre a vendima e a castañeira.

Esta terceira semana de outubro ven marcada, na Galiza, por dous acontecementos: un, que se prolongará durante meses, o inicio do xuízo do Prestige; o outro, o fin da campaña e a correspondente xornada electoral, con vinte e catro horas de reflexión polo medio. A balanza da xustiza e a balanza das urnas coincidindo nun tempo cronolóxico que Otero Pedrayo situou entre a vendima e a castañeira.

O día vinte e un de outubro Galiza porá na balanza as propostas políticas, sociais ou económicas das diferentes formacións que se presentan a estas eleccións. Mais nesa data non só teremos a posibilidade de definir que modelo de goberno queremos os próximos catro anos mais tamén a de condicionar a política estatal durante os próximos dous. As eleccións deste domingo na Galiza e en Euskadi e as de Cataluyna do vinte e cinco de novembro, son as derradeiras por un período de dous anos, até que se celebren as europeas en xuño de 2014 e por iso, para o Partido Popular estas eleccións galegas son moito máis que unhas simples eleccións autonómicas xa que supoñen, nun territorio cun alto índice de fidelidade ao voto popular, un marcador bastante fiábel da aceptación da mensaxe do PP e das medidas que se están a tomar en Madrid por parte do goberno de Rajoy, medidas que segundo os populares son inevitábeis para non caermos en precipicios máis fondos dos que non lograríamos saír. En todo o caso, o PP xógase neste proceso electoral non só a presidencia da xunta de Galiza, mais, e sobre todo, a credibilidade perante as institucións monetarias internacionais dada a posibilidade, parece que máis próxima cada día, de ter que solicitar o tantas veces adiado rescate, que levará consigo novos recortes salariais e en dereitos e liberdades.

A este respecto cabe lembrar que Galiza foi, durante os últimos tres anos, o banco de probas en que o Partido Popular experimentou e aplicou as súas políticas de recentralización do estado, de recortes en servizos sociais, en educación, en sanidade.
Sobre todo iso teremos que reflexionar para o poder pór no prato da balanza. E cómpre facer esa reflexión non só desde un tempo concreto senón tamén desde un lugar concreto e como cidadáns suxeitos ás resolucións que nos chegan desde varios ámbitos de decisión, quer da política galega, quer da española, da europea ou daquela que se decide non se sabe moi ben onde. Teremos que acudir á memoria para que tal reflexión se sustente, pois á fin de contas, este sistema político-electoral o que procura é premiar ou non as opcións políticas en base á credibilidade da súa memoria de xestión.

Despois de dúas semanas de campaña electoral as galegas e os galegos teremos que valorar continuarmos polo camiño iniciado hai pouco máis de tres anos polo presidente Feijóo ou explorarmos outro camiño posíbel. Cavilemos sobre quen propugna sermos unha nación con institucións democráticas propias que poidan dirixir e decidir sobre o que nos afecta en todos os eidos, desde o económico e o social ao das liberdades; desde os dereitos públicos e da cidadanía ao modelo de articulación territorial e institucional, e sobre quen propugna transvases de soberanía e cesión de competencias que só poden prexudicar os nosos intereses. Poderíamos seguir poñendo na balanza as propostas daquelas forzas políticas que, cal bonecos que monologan diante dun espello, se presentan a estas eleccións como meras xestoras da periferia dun sistema en crise, no que só cabe administrar a miseria, a desigualdade, o desemprego e, doutra parte, aqueloutras que propugnan alternativas que nos defenden a nós e ao territorio no que nos inserimos e no que se insire a nosa cultura, a nosa lingua, a nosa base produtiva. E se a nosa reflexión for correcta, se aplicarmos a razón á realidade, obteremos unha única conclusión desa análise: na Galiza, nestas eleccións, só cabe un voto que en si reúne o voto útil e o voto transformador da realidade.

Exerzámolo.

Comentarios