Opinión

Que pensións defendemos?

Nas últimas semanas están a cobrar atención pública diferentes convocatorias de mobilizacións enmarcadas na loita social, e sindical, en defensa do sistema público de pensións. Non é unha loita nova, e en Galiza existe un traballo continuado de denuncia do recorte das pensións e, sobre todo, de axitación de alternativas que as garantan como un dereito inalienábel da clase traballadora. No entanto, o refluxo do vello debate político a respeito da pretensa insustentabilidade do sistema e a elaboración, larvada e opaca, dunha inminente nova (contra)reforma, ten incidido no estado de ánimo social. Certamente, o feito de que se cumpran cinco anos de continuado empobrecemento das contías da pensións, por volta dun aumento tan miserábel como insultante do 0,25%, alarga o descontento social e este comeza a expresarse  con maior intensidade a través da mobilización e da loita, máis ou menos, organizada. 

É necesario definir no concreto que é exactamente o que se defende

 

No entanto, há unha cuestión de enorme importancia que cómpre atender e resolver. Trátase de definir no concreto que é exactamente o que se reivindica. Que pensións defendemos? De entrada parece indiscutíbel un adxectivo: públicas. Pensións públicas para as seguir a concibir como un dereito social, face a tentación permanente de as converter nun negocio e fonte de lucro para a grande banca privada. O de como as garantir desde o público xa ofrece menos unanimidade. Há quen mesmo admitiría fórmulas de capitalización individual, como a chamada ‘mochila austriaca’, rachando o principio de solidariedade e redistribución. Há tamén quen propón que o seu financiamento corra, inda que for parcialmente, a cargo dos orzamentos xerais do Estado e, xa que logo, da recadación impositiva (directa e indirecta) deixando de depender, ou dependendo menos, das cotizacións sociais e empresariais. E por derradeiro, quen defendemos que o sostemento económico das pensións públicas pasa por deixar de as tratar como un aspecto separado, e mesmo isolado, do marco xeral das condicións laborais e salariais. As pensións son salario. Unha retribución en diferido xerada polo traballo. E na medida en que o seu desfrute, en termos de acceso e de contía, depende dos anos cotizados e das bases de cotización, non habería garantía efectiva dunhas pensións dignas sen incidirmos neses dous aspectos: o emprego e os salarios. 

O que ameaza as pensións públicas non é o que supoñen de gasto, son os ingresos.

 

O que ameaza as pensións públicas non é o que supoñen de gasto, son os ingresos. Mermados por un nivel de desemprego insoportábel, por unha brutal precarización das condicións laborais e polo continuado empobrecemento dos salarios. Tres parámetros directamente relacionados coas sucesivas reformas laborais e da negociación colectiva. Non é, pois, o das pensións un problema demográfico, de que infelizmente para o grande capital vivamos demasiado, senón económico, de clase. 
Destarte, concibindo as pensións como os salarios dos e das traballadoras que pasan á situación de inactividade após literalmente unha vida enteira dedicada ao traballo, é como poderemos comprender que este problema vai moi alén das condicións concretas e conxunturais que teña o sistema público de pensións neste momento.

É errado reducir a loita polas pensións á oposición a "suba" do 0,24%

 

O anterior non é nin moito menos evidente, nin está asumido con carácter xeral. Tampouco por moitas organizacións, sociais e sindicais, que estes días protagonizan (nos medios) a loita en defensa das pensións. Así o evidencia que a consigna do Comité Estatal en Defensa das Pensións Públicas, e a súa franquía galega, Modepen, sexa fundamentalmente, e case en exclusiva, a oposición ao chamado ‘pensionazo’, isto é a reforma das pensións imposta polo Partido Popular en 2013 e coa que se modificou o sistema de actualización (de aumento) das contías das pensións. 
É evidente, como xa se sinalou, que o aumento taxado nun 0,25% supón un xeito indirecto de recorte, na medida en que non só non compensa a perda de poder de compra polo aumento real dos prezos (que vai moi alén da estatística deturpada do IPC), senón que cronifica unhas retribucións de por si xa miserentas. En Galiza, cunhas das pensións máis baixas de todo o Estado español, sabémolo ben. Pero focalizar, cando non reducir, a loita en defensa das pensións a este aspecto acaba por invisibilizar outras cuestións non xa tan importantes senón mesmo de maior relevancia. 

Non é posíbel defender a serio unhas pensións públicas dignas sen un cuestionamento, rotundo e radical, da reforma aprobada en 2011 polo PSOE co apoio de CCOO e UGT

 

Emporiso, non parece posíbel defender a serio unhas pensións públicas dignas sen cuestionar de maneira rotunda e radical todas as reformas que se foron aplicando desde 1997 e, de maneira singular, a aprobada en 2011 polo PSOE co apoio de UGT e  CCOO. Unha reforma que provocou o atraso na idade de xubilación, o aumento do período de cómputo -para empobrecelas-, e restrinxiu as xubilacións anticipadas. É precisamente a súa complicidade, o que impide que o sindicalismo de concertación que representan as grandes centrais estatais poida despregar unha táboa reivindicativa que vaia alén da oposición ao 0,25%. E o que inviabiliza tamén, na práctica, a posibilidade de artellar unha ampla unidade de acción na loita en defensa das pensións, como xa quedou patente en 2011 cando, o 27 de xaneiro, a CIG tivo que convocar en solitario unha folga xeral galega en contra daquela reforma.

Con base no anterior, o interrogante de que pensións defendemos ten tamén un compoñente temporal. Non podemos limitarnos a defender o dereito a unhas pensións dignas para quen hoxe xa está xubilado ou xubilada. O fulcral, o estratéxico, o nó gordiano desta cuestión é garantir o acceso a unhas pensións públicas que garantan a subsistencia de quen hoxe inda está en activo e a moitos anos de distancia de se xubilar. Tamén daquelas persoas que por causa da precariedade e o desemprego foron (e son) privadas da capacidade de cotizar suficientemente. Non podemos dar por perdido o dereito das novas xeracións de traballadores e traballadoras ás pensións, e hoxe iso está abertamente ameazado. 
Defendermos unhas pensións dignas pasa non só por exixir a súa revalorización constante e reverter o seu empobrecemento, no sentido contrario ao ‘pensionazo’ do PP, senón por inscribir esta batalla na loita xeral en defensa do emprego estábel, con dereitos e salarios dignos. Pola derrogación das reformas laborais do PSOE e do PP. Pasa por apostarmos, sen timoratismos, nun redeseño do sistema público de pensións que garanta o seu financiamento a cargo das cotizacións  (acabando tanto co uso indebido dos fondos da Seguridade Social como coas escandalosas bonificacións e descontos dos que se beneficia o empresariado), que reverta o atraso na idade de xubilación na perspectiva de anticipalo mesmo antes dos 65 anos, e que equipare a pensión mínima ao salario mínimo interprofesional. O contrario pode ser, no mellor dos casos, xusto pero insuficiente, e no peor, un lavado de cara de quen hai apenas sete anos abriron camiño no saqueo das pensións públicas.

Comentarios