Opinión

Presidente Barjoy

Mariano Rajoy finalmente puxo pé en sede parlamentar. Compareceu obrigado. Non só premido pola oposición, senón empurrado por sectores importantes da clase dominante europea, preocupada na medida en que Rajoy hoxe, como Zapatero antes, é o instrumento de Troika no Estado para impor as políticas de recortes. 

Mariano Rajoy finalmente puxo pé en sede parlamentar. Compareceu obrigado. Non só premido pola oposición, senón empurrado por sectores importantes da clase dominante europea, preocupada na medida en que Rajoy hoxe, como Zapatero antes, é o instrumento de Troika no Estado para impor as políticas de recortes.

Compareceu, si. Mais non deu resposta a ningunha das cuestións chave. Á marxe da brincadeira do reiterado “fin de cita”, Rajoy limitouse a un percorrido circular. A única autocrítica do Presidente do Goberno foi lamentar terse “equivocado” por confiar en Bárcenas. O xerente que promoveu a Tesoureiro do Partido, imputado nunha causa xudicial en curso da que trasluce unha máis que presunta trama de financiamento irregular do PP a golpe de retrocomisións en forma de doazóns. Era un falso mea culpa co que Rajoy pretende presentarse como una vítima, obviando a súa responsabilidade en tanto que máximo dirixente do Partido Popular.

Compareceu, si. Mais non deu resposta a ningunha das cuestións chave

Mariano mesmo se atreveu a se presentar como un bo cristián, un pródigo samaritano que ofrece apoio e consolo a quen atravesa problemas, mesmo cando eses problemas non son outra cousa que a imputación por gravísimos delitos e existan indicios notábeis que non apuntan precisamente cara á inocencia. Esa foi toda a súa explicación ao ser inquirido insistentemente polos seus agarimosos SMS co seu ex-tesoureiro. “Luís sé fuerte”, dicía literalmente nun deles.

Insoportábel a escenificación da alternancia bipartidista que fixo Rubalcaba

O cénit do bochorno chegou cando, acurralado polas incisivas intervencións da maioría do arco parlamentar, acabou botando man  do “e ti máis”, invocando mesmo a Luís Roldán, o chamado caso “Faisán” ou os ERE de Andalucía. O ventilador converteuse en metralladora, conforme Rajoy ía gañando temperatura e o seu ton facíase a intres cada vez máis bravucón. 

Que fose previsíbel non fai menos esperpéntica e indignante a simulación –que diría De Cospedal- de comparecencia do primeiro ministro español . O xogo -no que participan tanto PP e PSOE en función de a quen afecta cadanseu escándalo- de confundir e entrelazar as responsabilidades penais que se poidan derivar do caso Bárcenas-Gürtel-PP coas necesarias responsabilidades políticas que cabe exixir, mesmo só por razóns estritamente democráticas, amosa que a corrupción, que como denunciou o voceiro de Amaiur vai camiño de fenómeno xeral, é un notorio síntoma da degradación do réxime político sob o que se alicerza o Estado español. 

Con todo o que xa se sabe resulta insoportábel que o Presidente resposte desafiante que non pensa demitir. Como insoportábel a escenificación da alternancia bipartidista que fixo Rubalcaba, limitándose a reclamar ao PP que releve a Rajoy mais negándose a pedir eleccións anticipadas, como si exixiron o BNG e outros grupos. O PSOE volveu demostrar que amais de non seren alternativa, non son na realidade nin oposición. 

Rajoy non demitiu e di que non pensa facelo. Porén, xa non é Presidente. Desde hoxe á cabeza do executivo español está o Presidente Barjoy. Marca España en estado puro.

Comentarios