Opinión

Portazo á ILP: Botemos a porta abaixo!

Nin dación en pagamento, nin paralización dos desafiuzamentos, nin alugueiro social. O Partido Popular vén literalmente de tombar a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma de Afectadas/os polas Hipotecas (PAH), que lograra o apoio de máis de 1,5 millóns de sinaturas en todo o Estado. O proxecto de lei aprobado onte á tarde pola Comisión de Economía do Congreso, só cos votos do Partido Popular e sen considerar as emendas dos grupos parlamentares da oposición, non recolle ningunha das demandas cidadás que deron lugar a masivas protestas e mobilizacións. O texto apenas fai referencia unha difusa posibilidade de paralizar as execucións hipotecarias en caso de “especial vulnerabilidade”. 

 O Partido Popular vén literalmente de tombar a ILP impulsada pola PAH

Non sorprende que a PAH decidira retirar simbolicamente a ILP. O certo é que o Partido Popular, facendo uso da súa maioría absoluta xa a mandara ao lixo desde o primeiro momento. Cómpre lembrar que foi a presión social a que posibilitou a tramitación da iniciativa, xa que a posición do PP era a de evitar mesmo que entrase a debate no Congreso. 

Asistimos a máis un evidente desprezo ao sentir social dunha inmensa maioría, tal e como denunciou a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila ao asegurar que “Vostés (o PP) admitiron a trámite a ILP pero para ignorala, para eliminala e desbotala”. Para alén do que estes feitos sintomatizan desde un punto de vista democrático, pola teimosía de seguir a gobernar contra o pobo, o certo é que a maior gravidade radica precisamente na cuestión social que provocou este debate. 

 A dereita española colócase sempre do outro lado da trincheira, batendo sen rubor contra as clases populares e defendendo aos ricos

O Partido Popular volveu demostrar que entre o interese xeral e salvagardar os lucros privados da grande banca, aposta polo segundo. A dereita española colócase sempre do outro lado da trincheira, batendo sen rubor contra as clases populares e defendendo aos ricos. De ter prosperado a ILP teriamos dado un paso importante na mellor garantía dun dereito esencial como é o acceso á vivenda. Porén, iso colisionaba co grande negocio das hipotecas. Logo de lle entregar máis de 150.000 millóns de euros, o Goberno de Mariano Rajoy non ía poñer fin á zumenta bicoca que para a grande banca representa a actual lei hipotecaria. De nada valeu a censura do Tribunal de Xustiza da UE denunciando o seu carácter abusivo. Ao cabo, outra mostra palmaria de que o que chamamos crise é apenas a radicalización da loita de clases, do confronto entre a maioría explotada e a minoría, poderosa, que a explota. 

Xente sen casa e casas sen xente. A enxeñosa consigna que se puido ouvir en numerosos actos, axústase milimétricamente á realidade. En Galiza, mentres se continúan a perpetrar atentados hipotecarios en forma de desafiuzamentos, botando á rúa literalmente a familias traballadoras, hai case 300 mil vivendas desocupadas. O mesmo número, paradoxalmente, que as construídas nos últimos dez anos durante a tolemia do boom inmobiliario. Case o 20% do parque de vivendas construídas no noso país están baleiras, porcentaxe que é aínda maior nas provincias de Lugo e Ourense.

Co seu portazo ás demandas de xustiza social, están a forzar ao pobo a botarmos a porta abaixo (mesmo literalmente a través de ocupacións)

Con estes datos, e coa verdade incontestábel do drama social que constitúen os desafiuzamentos  como unha das mostras máis crueis dun sistema, o capitalismo, depredador e intrinsecamente inxusto, non é de estrañar que o 59% da poboación do Estado apoiemos os escrachos. Nin que sexa precisamente a PAH a organización social mellor valorada, cun 75% de apoio social.  Tampouco é de estrañar que xa sexa unha porcentaxe significativa, e crecente, as persoas que acreditan na desobediencia civil, na insubmisión, como medio necesario perante a inxustiza e a violencia estrutural que padecemos.

Co seu bloqueo da ILP o PP vén de engadir máis razóns para a indignación social fronte este saqueo. Co seu portazo ás demandas de xustiza social, están a forzar ao pobo a botarmos a porta abaixo (mesmo literalmente a través de ocupacións), como primeiro paso para derrubar este réxime de explotación e desigualdade. 

Comentarios