Opinión

Pensar o momento estratexicamente

  Nos resultados destas eleccións hai dous datos importantes: o aumento da abstención e o voto en branco en beneficio do PP, e un avance da esquerda en detrimento do social-liberalismo do PSOE. Nas eleccións sen dúbida incidiron os medios de información, especialmente no descrédito da política e no alento do fraccionamento do nacionalismo.

Nos resultados destas eleccións hai dous datos importantes: o aumento da abstención e o voto en branco en beneficio do PP, e un avance da esquerda en detrimento do social-liberalismo do PSOE. Nas eleccións sen dúbida incidiron os medios de información, especialmente no descrédito da política e no alento do fraccionamento do nacionalismo. Agora ben, con isto sempre se debe contar, porque son parte das regras de xogo do parlamentarismo burgués. Daquela, cómpre tirar como primeira conclusión, que as forzas antisistémicas e que loitan pola liberación nacional e social de Galiza non foron quen de facer fronte coa eficacia necesaria nesta ocasión a estes atrancos.

A unidade sempre é esencial, porén débese dar arredor dun proxecto común, e hai que construíla na praxe cotiá, e non na conxuntura electoral e no tacticismo permanente

No que ten que ver coa baixada de votos do BNG coido que, malia que as decisións de Amio foron as correctas, faltou tempo para socializalas; aínda que se fixo un gran esforzo nas eleccións polos candidatos e a militancia, o programa electoral debeu ser máis ambicioso e no discurso e nas formas debeuse ser máis radical. Nestes aspectos, para alén da valoración que cada un de nós faga, X. M. Beiras foi quen de dar a imaxe de representar para moita xente o histórico BNG rupturista, e daquela gañar en moi pouco tempo unha gran parte dos nacionalistas indecisos e a non poucos mozos e mozas que saíron da abstención, aínda que o seu programa e as forzas que compoñen a alianza podan ter unha práctica pouco diferenciada ou máis moderada que o BNG. Por outra banda, un dato importante: as opcións que se inclinaron para a dereita no nacionalismo tanto en programa como en discurso acadaron un resultado anecdótico.

Hai que precisar, que o nacionalismo non perdeu base social e electoral, senón que algunhas forzas deron un paso atrás en algo tan importante como a autoorganización, que ten un carácter estratéxico. É evidente que un amplo sector da sociedade esixe saídas que rachen cos moldes do sistema a todos os niveis: dende o xeito de facer oposición parlamentar até as propostas económicas, sociais e nacionais. Polo que cómpre mudar en profundidade o discurso e os métodos de traballo dos últimos anos. Por exemplo, o debate coas teses de Beiras no ámbito interno do BNG resolveuse dun xeito distinto a como aconteceu despois nas bases electorais do nacionalismo (dado que o aporte de EU foi limitado). Faltou capacidade para trasladar á sociedade as claves dos debates internos, algo que é fundamental nesta etapa na que a información xoga un papel central cando se procura a complicidade das clases populares. A diversidade e o debate fortalecen cando se asumen con naturalidade, mais son unha eiva cando se entenden como expresión de debilidade e non se trasladan ao pobo. Explicar os temas serodiamente ten os seus custes.

Coido que o máis importante neste intre é pensar o proxecto do BNG estratexicamente, a partir das resolucións da Asemblea de Amio, e iso significa que ademais do electoral é fundamental o traballo sindical, social e cultural. A unidade sempre é esencial, porén débese dar arredor dun proxecto común, e hai que construíla na praxe cotiá, e non na conxuntura electoral e no tacticismo permanente. O primeiro reto despois das eleccións será o vindeiro 14 de novembro coa folga xeral, así como na oposición na rúa ao neoliberalismo (o capitalismo) e á colonización de Galiza, e no papel que desenvolva o nacionalismo no futuro nas institucións nas que está presente.