Opinión

Oxalá fose tan sinxelo PODE(r)MOS

Non é sorpresa que os grandes media patrocinen intermitentemente fórmulas prodixiosas, mais de brillantez efémera e de escasos resultados. Vímolo co 15M, o único proceso de protesta que gozou de cobertura vía satélite, directos en prime time e milleiros de horas de radio e tv e innumerábeis páxinas de xornal. Un espazo e atención do que estaban, e seguen a estar, privados outras accións e movementos populares, máis próximos e cotiás, mesmo en casos de extrema dureza e heroicidade por parte de quen os protagoniza. De certo para a meirande parte da poboación, e fico convencido de que lamentabelmente tamén para unha boa parte de quen lea estas liñas, conflitos como a folga de Albada, con máis de cen días de paro, ou a longa loita das traballadoras de Alfageme apenas lle soen remotamente. Menos inda a historia dos dous traballadores que fican ameazados en Vigo co seu ingreso inminente en prisión, con tres anos de condena, polo mero feito de teren participado nun piquete informativo nunha folga no sector do transporte. Tres anos de prisión por un piquete. Porén, non haberá para ambos os dous nin titulares a 4 columnas, nin apertura de noticieiros. Tampouco unha etiqueta trending topic. Só invisibilidade e silencio.

Non é sorpresa que os grandes media patrocinen intermitentemente fórmulas prodixiosas, mais de brillantez efémera e de escasos resultados. Vímolo co 15M, o único proceso de protesta que gozou de cobertura vía satélite, directos en prime time e milleiros de horas de radio e tv e innumerábeis páxinas de xornal. Un espazo e atención do que estaban, e seguen a estar, privados outras accións e movementos populares, máis próximos e cotiás, mesmo en casos de extrema dureza e heroicidade por parte de quen os protagoniza. De certo para a meirande parte da poboación, e fico convencido de que lamentabelmente tamén para unha boa parte de quen lea estas liñas, conflitos como a folga en Albada, con máis de cen días de paro, ou a longa loita das traballadoras de Alfageme apenas lle soen remotamente. Menos inda a historia dos dous traballadores que fican ameazados en Vigo co seu ingreso inminente en prisión, con tres anos de condena, polo mero feito de teren participado nun piquete informativo nunha folga no sector do transporte. Tres anos de prisión por un piquete. Porén, non haberá para ambos os dous nin titulares a 4 columnas, nin apertura de noticieiros. Tampouco unha etiqueta trending topic. Só invisibilidade e silencio.

O discurso dominante, que o é en tanto expresión ideolóxica da clase dominante, non é alienante tan só polo que enuncia ou afirma. Tamén polos seus silencios.

O discurso dominante, que o é en tanto expresión ideolóxica da clase dominante, non é alienante tan só polo que enuncia ou afirma. Os seus silencios, as súas omisións, para alén de intencionadas teñen un impacto demoledor e determinante na configuración do uniformador e deshumanizador pensamento único que nos abafa.

Non por casual o anuncio dun coñecido politólogo madrileño e presentador de TV --avezado asesor dunha outra meteórica candidatura galega que veremos se non se acaba por sumar ao seu pontificado--, de se postular a candidato para as europeas ten sido presentado como un grande fito. Lamentabelmente tamén en Galiza, como mostra de carecermos de axenda informativa de noso. Fíxoo amplificado polos seus media amigos e polos minutos dos que o referido goza xa non en televisións alternativas, como no inicio, senón nese infame circuíto de opinantes todólogos, mercenarios da palabra, ao que el se presta gostoso a dar pátina de pluralidade. Acho desnecesario profundar na análise debullada das contradicións entre o que se sostén (democracia participativa) e o que se  práctica (aparatismo de camarilla) ou entre a radicalidade nos significantes, nos termos, que non ten correlato nos significados, nos conceptos, nas propostas. En boa medida iso xa se fixo nestoutro artigo, da autoría de Rubem Centeno, publicado neste mesmo medio, que no esencial partillo.

Oxalá a kriptonita do Capital fose o verbo acendido de cicerones con coleta, e non a loita organizada do pobo no seu conxunto baixo o liderado das súas clases traballadoras

Só quixera deitar apenas unha idea: oxalá todo fose tan sinxelo. Oxalá logrármonos unha mellor correlación de forzas face a dereita sistémica e os seus cómplices disfrazados de esquerda, fose tan doado como facer emerxer un merlo branco. Oxalá dependese diso e non do demorado e complexo proceso (colectivo) de acumulación de forzas, que exixe dun intenso traballo de axitación e de activismo --na base, non apenas na TV e nas grandes palestras-- para desblocar conciencias e as incorporar, organizándoas, na trincheira de quen aspiramos a unha mudanza radical. Oxalá a revolución imprescindíbel que arelamos estoupase apenas por ocupar durante unhas horas, uns días ou unhas semanas, algunhas prazas e rúas. Oxalá os procesos sociais que acaban por desencadenar a explosión revolucionaria non se alicerzasen na radicalizacións e articulación de moitas, moitas protestas. Oxalá puidésemos chegar ao outubro ruso sen pasarmos por febreiro. Oxalá todo fose tan sinxelo como brandir un slogan vistoso e reducir o amplo programa de cambios necesarios a un feixe de consignas cosidas con cabelos de unicornio. Oxalá puidese afirmar que aló ao lonxe hai un oasis, a pesar de saber que fica inda moito deserto por camiñar nesta guerra de clases. Oxalá tras os espellismos estivese  un atallo para a meta e non apenas unha perda de tempo, un entretemento que non nos podemos permitir. Oxalá a intelectualidade mediática española tivese algo de intelligentsia revolucionaria. Oxalá a revolución fose televisada e televisiva. Oxalá a kriptonita do Capital fose o verbo acendido de cicerones con coleta, e non a loita organizada do pobo no seu conxunto baixo o liderado das súas clases traballadoras. Oxalá o talón de Aquiles do sistema que nos explota e nos oprime fose a reforma. Mais non, infelizmente non o é.

Non é tan sinxelo. Porén, a dificultade da tarefa non lle resta nin urxencia nin necesidade

Non é tan sinxelo. Porén, a dificultade da tarefa non lle resta nin urxencia nin necesidade. Sei que algunha xente de ben, mesmo activistas conscientes e comprometidos, movidos pola mellor das vontades, estase a deixar seducir polos cantos de serea do posibilismo imposíbel. Non lles culpo de nada. Comprendo que o alcance do cometido transformador resulta moitas veces esgotador e frustrante. Mais que esa san e necesaria impaciencia non acabe por nos distraer, que sirva en todo caso para bulir con máis azos, con máis forza, os procesos sociais (reais) en marcha. Que nos anime aos facer converxer tamén con aquelas referencias políticas que non patrocina a televisión, que non contan co plácet de falsos punkies da progresía española, mais que se un ou unha ergue a mirada, comprobará que fican ao seu carón, na rúa, en todas e cada unha das barricadas, ombreiro con ombreiro. Sen solucións fáciles, mais co compromiso firme e honesto de facer posíbel o necesario.

Oxalá fose tan sinxelo podermos, gañarmos esta guerra. Entrementres dediquemos toda a nosa enerxía a persistir na tarefa até o lograr.

www.contradiscurso.net

Comentarios