Opinión

Nova traizón da esquerda sistémica española?

Derrogar a reforma laboral é un dos compromisos adquiridos polo Goberno español de PSOE e Unidas Podemos. Non só fai parte do seu pacto de goberno, senón que era un dos elementos recollidos nos acordos que fixeron posíbel o apoio doutras formacións para viabilizar a investidura de Pedro Sánchez. Destarte, no acordo de investidura subscrito entre o BNG e o PSOE figuraba de maneira expresa, no seu punto 13, o compromiso de “derrogar a reforma laboral e da negociación colectiva”. 

Foi tamén unha insistente promesa electoral tanto por parte do PSOE como, de maneira máis intensa, por UP. Mais o certo é que decorridos preto de dous anos do actual Goberno, autoproclamado como “o mais progresista da Historia”, as reformas laborais e da negociación colectiva fican intactas. Como en vigor seguen as regresivas reformas das pensións, de PSOE e PP, ou a reaccionaria Lei Mordaza. No concreto, o marco normativo no referido aos dereitos laborais e as liberdades democráticas fica como o deixou o goberno de Raxoi, a excepción de actuacións puntuais como a retirada do artigo 315.3 do Código Penal e medidas de alcance menor.

Mais para alén do valor que en termos democráticos deberan ter os compromisos inda non efectivizados, a derrogación da reforma laboral e da negociación colectiva é un imperativo para iniciar o proceso de recuperación de dereitos que lle foron roubados á clase traballadora sob o pretexto da crise do 2008. Estas reformas resultaron de maneira incontestábel nunha maior precariedade, na destrución de emprego (nomeadamente do de maior calidade) e tamén nun vertixinoso empobrecemento salarial. 

A derrogación destas reformas antiobreiras non é, como tencionan presentala desde UP, unha meta. Senón un imprescindíbel punto de partida, para reverter as políticas de saqueo cos que os sucesivos gobernos españois, ao ditado da Unión Europea, transferiron os custes da crise ás maiorías sociais, especialmente nos territorios periféricos —como Galiza— polo agravamento do marco de dependencia.
Sob estas premisas compre abordar a polémica, algo artificiosa, que se vén de escenificar no seo do Goberno español. Ambas as dúas forzas políticas que o sustentan defenderon, desde o inicio desta lexislatura, que onde dicían “derrogación” querían dicir “retirada dos puntos máis lesivos”, para agora falaren de “modernización”. A neolingua é a mellor aliada para os discursos ocos das forzas que, acentos a parte, acaban por soster e perpetuar o statu quo. 

A propia ministra de Traballo, que patrocina un diálogo social á medida do sindicalismo de concertación e do empresariado (excluíndo deliberadamente a o sindicalismo nacionalista e de clase, malia ser primeira forza sindical en Galiza e Euskal Herria), xa comprometeu perante a Comisión Europea que o alcance da nova reforma laboral vai ser moi limitado. “A reforma laboral é tan marxista como a que recomenda o Papa, Biden ou a Comisión Europea”, afirmaba Yolanda Díaz o pasado mes de xullo para tranquilizar á patronal e a metrópole comunitaria. 

Para alén das escenificacións, a estratexia win-win que preside toda a acción efectista do Goberno de Sánchez paira tamén sobre este debate. O PSOE reafirma o seu xiro centrista procurando superar a súa anemia demoscópica, e  UP pode marcar perfil para incorporar os sectores máis desencantados coas políticas “progresistas” do executivo de coligazón. Así, apóstase novamente un rotundo gris, no que diluír na consigna do “mal menor” as reivindicacións sociais e tentar xustificar o incumprimento deliberado dos compromisos adquiridos, ofrecendo apenas cambios cosméticos pero mantendo na práctica os elementos centrais das reformas que se prometeu derrogar. A crise da Covid e as “esixencias” da UE serán ademais dous potentes flotadores para tentar soster retoricamente o que se anticipa como unha nova traizón da esquerda sistémica española.

Evitalo só será posíbel a través dunha oposición firme e esixente, como xa está a facer o nacionalismo galego no Congreso, pero sobre todo da mobilización e o conflito. Se cadra en forma de Folga Xeral, como vén de advertir a CIG no seu último Congreso. Non queda outra.

Comentarios