Opinión

Non é a Ucraína, é a OTAN

A escalada belicista no Leste de Europa, coa Ucraína por epicentro, responde á converxencia de diferentes factores, mais é, sobre todo, expresión dunha nova enxurrada imperialista. Nun contexto de crise e enormes incertezas económicas a disputa xeoestratéxica vese agudizada. Incide nisto tamén a reacción, a xeito de estertor, dos EUA ao devalar da súa propia hexemonía como potencia dominante, nomeadamente no ámbito produtivo e comercial, mais tamén de influencia internacional. O único que lle queda firme ao Tío Sam, como consecuencia dun inxente orzamento militar, é a súa pesada bota.

En relación ao conflito que envolve a Ucraína, cómpre lembrar que foi o afán expansionista da OTAN e da propia Unión Europea o que alimentou a tensión coa veciña federación rusa. As grandes potencias occidentais patrocinaron, se non mesmamente adestraron e promoveron, o golpe do chamado EuroMaidan, botando man de forzas de carácter neofascista para desprazar en 2014 o goberno ucraíno de Yanukovich, após marcar distancia coa posíbel incorporación do seu país no seo da UE. Todo lles valeu. Mesmo masacres como a queima da casa sindical de Odessa, con 42 mortos, ou alentar ataques contra a poboación civil sob unha galopante rusofobia. Daquel conflito, inda sen resolver, naceron no Baixo Don as repúblicas populares de Donestk e Lungansk, de maioría rusófona e de profunda raigame antifascista. A reincorporación da península de Crimea á Federación Rusa supuxo deixar o conflito nun impass. Un punto morto roto agora pola intensificación das accións belixerantes avanzando de maneira evidente pola perigosa pendente dun conflito proxy pero que abeira, literalmente, a fronteira rusa. 

As medidas e contramedidas de carácter disuasorio a nivel militar, como a mobilización de unidades (dentro do territorio soberano da Rusia) ou o despregamento belicoso de grandes manobras militares da OTAN nas proximidades fronteirizas, non son unha novidade, mais a súa intensidade motiva unha máis que razoábel preocupación.

A acusación de que Moscova proxecta unha invasión militar da Ucraína é apenas parte dun relato sen base material para alimentar a narrativa dos EUA e os seus parceiros. Pero Ucraína preséntase, cada vez con maior clareza, como apenas un escenario. Unha coartada. O conflito é eminentemente xeoestratéxico e está empurrado pola frustración do eixo EUA-UE que non se resigna a ceder a súa preeminencia internacional disputada, e moito, por unha cada vez máis sólida realidade multipolar, que ten a Rusia e a China, xunto a outras potencias rexionais, como contraparte. 

De aí a escandalosa manipulación, tamén mediática, que sen rubor recupera a retórica antisoviética para presentar a Rusia de Putin como potencia inimiga. Non é esaxeración. Abonda con comprobar como nalgunha infografía, como a publicada por El Mundo en redes sociais como Tik Tok, o mapa da Rusia fica coloreado de vermello e a bandeira que se utiliza para identificala é a da URSS, disolta hai 30 anos. 

Esta situación, que parece saída dalgunha mala distopía literaria, axudou a volver tirar a carauta da OTAN e da UE. Ambas as dúas organizacións non son espazos de cooperación (militar ou económico-comercial), senón sobre todo instrumentos ao servizo da pugna imperialista do grande capital monopolista. Neste sentido, para alén da evidente submisión europea aos ditados de Washington, non podemos desculpar a responsabilidade da UE e dos seus estados membro polo seu papel activo nesta perigosa escalada. 

De aí a necesidade de non tragarmos coa propaganda que circula con grandes amplificadores. Non para nos aliñar coa Rusia de Putin, se non para evitar sermos engulidos e engulidas pola maquinaria de guerra da OTAN. Lembrando que a convivencia pacífica esixe o respeito ás soberanías, resolvendo as controversias a través da diplomacia e a cooperación, e apostando na desescalada armamentística. E iso esixe, si ou si, a desaparición da propia OTAN, que debe principiar pola non participación do Goberno español de PSOE  e Unidas Podemos nas súas aventuras bélicas.

Comentarios