Opinión

Iniciativa pola soberanía: o pobo rumo á emancipación

A composición das máis de 130 persoas que apoiaron o xurdimento desta plataforma --na que salienta unha presenza obreira descoñecida noutro tipo de colectivos-- amosa que o reclamo soberanista ten unha base diversa, que ultratraspasa estruturas partidarias e organizativas.

Vén de nacer, aínda incipiente mais en ningún caso prematura, unha plataforma de ampla base plural a prol da soberanía nacional para Galiza. A denominada Iniciativa pola Soberanía (IpS), que se constituíu este sábado en Compostela, expresa de entrada que a arela emancipadora, en termos nacionais e sociais para o noso país, pasa en primeiro chanzo pola autoorganización como sostivo desde sempre o nacionalismo popular e anticolonial. 

O reclamo soberanista ten unha base diversa, que ultratraspasa estruturas partidarias e organizativas.

A composición das máis de 130 persoas que apoiaron o xurdimento desta plataforma --na que salienta unha presenza obreira descoñecida noutro tipo de colectivos-- amosa que o reclamo soberanista ten unha base diversa, que ultratraspasa estruturas partidarias e organizativas e vén de amosar que existe unha disposición real, e honesta, para a xenerosa converxencia nesta loita das diferentes referencias do soberanismo e o independentismo. Un escenario, se cadra impensábel hai apenas uns anos, mais que hoxe cristaliza con forza premido pola emerxencia social e nacional que padecemos por mor do saqueo co que a oligarquía española e europea están a resolver a vixente crise ao seu favor.  

Esta iniciativa está chamada a ser un instrumento aglutinante e vertebrador da vontade social que clama por unha ruptura democrática, como vía para facer viábel a mudanza radical que desde hai anos se reivindica nas rúas, e que para ser efectiva só pode pasar por un proceso constituínte: pola constitución dun Estado galego, de noso, por nós e para nós propias e propios. 

O soberanismo é o (único) vieiro polo que o pobo traballador galego poderá avanzar cara á súa emancipación.

Aliás, o trazo máis salientábel é que se ligue --con acerto e respondendo tanto ás necesidades das camadas populares como ao propio momento histórico-- a cuestión nacional coas problemáticas de carácter social. Non é baladí que o primeiro comunicado da IpS exprese que a reivindicación de plena soberanía, para alén de instrumento para a liberación nacional, se afirma a prol dunha “sociedade nova”, en chave de xustiza e igualdade social para superar as diferentes problemáticas e contradicións --que de clase, quer de xénero, quer ambiental-- e mesmo para asegurar o mantemento de dereitos sociais básicos como o son o acceso á sanidade, ensino, cultura ou vivenda. 

Desmóntase así o argumentario da esquerda españolista, e das súas sucursais na Galiza, que teima en desligar a indisolúbel relación de interdependencia que nunha nación colonizada como a nosa ten a cuestión nacional e a de clase. Visando máis unha vez, que o soberanismo é o (único) vieiro polo que o pobo traballador galego poderá avanzar cara á súa emancipación, e que as propostas que refugan del --por radicais que poidan resultar en aparencia-- son apenas novos espellismos do vello reformismo oco de sempre.

Comentarios