Opinión

Guerra total no Partido Popular

A revelación xornalística, publicada polo mensual Novas da Galiza, de que os responsábeis da filtración das fotografías de Núñez Feijóo co narco Marcial Dorado están no propio Partido Popular de Galiza, confirma unha das principais teses a respecto das causas e motivacións da publicación desas imaxes. Trataríase dun episodio máis na cruenta guerra interna desatada desde hai anos no seo do Partido Popular --a nivel de Estado-- polo control do partido,  que tería no caso Gürtel, ou no Bárcenas --cuxas filtracións foran asociadas ao sector encabezado por Esperanza Aguirre--, os seus capítulos anteriores. 

Que sexa Xesús Palmou o sinalado sintomatiza até que punto a guerra intestina no PP é total

Que sexa Xesús Palmou o sinalado como actor central da filtración que podería ter frustrado as aspiracións de Feijóo como sucesor in pectore de Rajoy, sintomatiza até que punto a guerra intestina é total, desmontando as acusacións que o propio Feijóo lanzara contra o PSdeG e o BNG, responsabilizándoos da publicación das fotografías que viron a luz en El País.

Palmou, outrora home forte do PP galego do que chegou a ser secretario xeral e persoa de máxima confianza do propio Fraga  --quen contou con el para varias consellarías-- enceta a súa proxección nas filas populares da man do sector da “boina”, liderado polo triunvirato dos baróns provinciais (Cuíña, Baltar e Cacharro Pardo). Porén, ao acceder á secretaria xeral emprendería unha dura batalla para reducir o poder e influenza interna dos seus mentores da póla rural do partido. A traizón daquela tería dimensións colosais, ao atribuírselle --en privado-- a Palmou a filtración do dossier que destruíu politicamente a Cuíña. Tras a derrota de 2005 os da boina vínganse del reclamando a voces a  súa cabeza logo da perda da maioría absoluta que abriu as porta ao bipartito entre BNG e PSOE. Palmou viuse forzado a demitir como secretario xeral, principiando a súa caída en desgraza que se confirmaría coa súa exclusión das listas en 2009, nas que Feijóo decide apostar pola viguesa Corina Porro. 

A patada do birrete, liderado polo actual presidente da Xunta, devolverao ao campo dos da boina, sector que malia teren perdido peso interno sigue a ser determinante no partido, como demostran os sucesivos pulsos a Feijóo de Baltar pai e fillo.  De aí que as informacións apunten precisamente a que a filtración das instantáneas de Feijóo e Dorado sería una xogada planificada desde as filas populares en Ourense. 

 A argamasa destes movementos estaría composta fundamentalmente por ambicións frustradas

Con todo, a argamasa destes movementos e das articulacións internas que os fan posíbeis, estaría composta fundamentalmente por un xogo de ambicións frustradas. Neste senso, hai quen asegura que Palmou tería acordado con Rajoy a súa designación para un cargo importante no goberno español, dentro do organigrama do ministerio de Interior, que non se produciu polo veto de Romay Beccaria, mentor de Feijóo e Rajoy e destacado membro do Opus Dei. Aliás, a eventual colaboración do xuíz Vázquez Taín, á que fai referencia a reportaxe do Novas da Galiza, respondería tamén a unha causa semellante, dado que hai voces que apuntan desde hai tempo as súas aspiracións, tamén frustradas, de obter unha carteira ministerial. 

O facto de que se apunte a existencia de novas fotografías, neste caso do propio Mariano Rajoy cun contrabandista, convida a pensar que a escandaleira de Dorado é apenas o principio dun refacho de magnitude na lea interna do PP. Nesa liña hai que interpretar as incipientes informacións que comezan a ver a luz a respecto dunha presunta trama de empresas coa que o Partido Popular se tería financiado irregularmente desde os tempos de Alianza Popular.

Comentarios