Opinión

Ferrín debe responder, non demitir.

Certamente o nomeamento en 2010 de Xosé Luís Méndez Ferrín como Presidente da Real Academia Galega constituíu daquela un importante revulsivo que abría esperanzas de revitalización dunha institución acartonada.

Certamente o nomeamento en 2010 de Xosé Luís Méndez Ferrín como Presidente da Real Academia Galega constituíu daquela un importante revulsivo que abría esperanzas de revitalización dunha institución acartonada. Creáronse xa que logo importantes expectativas, ao marxe da súa teima isolacionista no campo normativo, de que a súa presidencia esporease a institución e a colocase como un actor vivo e dinámico tamén no eido da reivindicación da nosa lingua propia e por suposto da súa normalización. Ao cabo, que para alén de ocuparse dos aspectos puramente lingüísticos, atendese tamén a dimensión social do idioma e tomase partido no conflito lingüístico existente.

Botouse en falta un maior activismo institucional da RAG na promoción do uso social do galego

Houbo nestes anos algúns síntomas positivos. Porén, máis alá das paredes da rúa Tabernas e do críptico e reducido círculo cultural que envolve a Academia, as expectativas criadas non se colmaron suficientemente. Significa isto que o balanzo é negativo? Non. Polo menos non na medida en que se deron algúns pasos positivos como a presentación dun recurso contra o decreto de plurilingüismo co que o PP quixo elevar a norma a súa galegofobia, ou os recoñecementos a Lois Pereiro e Roberto Vidal Bolaño. Factos positivos que merecen ser valorados.

Con todo, mantívose vixente a sectaria condena ao ostracismo contra Carvalho Calero e botouse en falta un maior activismo institucional na promoción do uso social do galego, máxime cando a Xunta de Feijóo abdicara das súas responsabilidades nese ámbito mesmo colocándose do outro lado da trincheira. Aliás, engádese a escasa sensibilidade demostrada, de maneira inda máis torpe e desafortunada, a respecto da escasa presenza de mulleres na Academia. Tamén se albiscou unha práctica institucional marcada máis pola condescendencia e o chalaneo, tanto coa Xunta como co propio Ministerio de Cultura de Wert, que pola indispensábel independencia e firmezas que exixían o momento histórico. Testemuña esa dinámica a actitude domesticada que a nivel público mantivo a RAG perante a grave aminoración do seu orzamento. Daquela optouse desde a dirección da institución polo discreto xogo de despachos, para non xerar conflito. Polo pacto de salón en lugar do debate público.

Paradoxalmente a decisión de Ferrín de demitir por sorpresa da Presidencia e ao tempo anunciar a súa saída como académico, non teñen nada a ver cos aspectos que veño de reseñar. Tanto é así que malia as críticas que puidermos formular á súa xestión ninguén pedira a súa renuncia. Logo que motiva o seu golpe na mesa?

Probabelmente nunca transcenderá a verdade completa das tramas palacianas, mais o facto de as intuír xa anima a exixir a apertura de portas e fiestras para ventilarmos e hixienizar a grande casa do idioma

A tese do círculo próximo ao aínda Presidente da RAG céntrase nun relato conspiranoico que sinala ao ILG e ao Consello da Cultura Galega como arietes que terían golpeado até derrubar a Ferrín. Porén, as graves acusacións verquidas polo secretario da institución contra o ILG e o CCG, veñen de ser negadas de plano por ambas entidades. Probabelmente nunca transcenderá a verdade completa das tramas palacianas arredor da Academia, mais o facto de as intuír xa anima a exixir a apertura de portas e fiestras para ventilarmos e hixienizar a grande casa do idioma.

Poñendo a un lado a variábel conspirativa, por non termos elementos suficientes para manexala co rigor exixíbel, como pano de fondo da polémica sitúanse dous factores para nada irrelevantes. Dunha banda o escándalo criado a respecto de que a filla e máis o xenro de Ferrín ficasen baixo nómina da Academia, ao igual que un familiar do actual secretario. Doutra o nunca clarexado asunto do Audi, cedido pola Consellaría de Presidencia, que serve de vehículo oficial da RAG.

Cómpre discernir antes de nada que ambos asuntos non gardan a mesma importancia nin gravidade. O primeiro, de se confirmar as informacións que así o apuntan, suporía un posíbel caso de nepotismo, na medida en que se privilexiase a familiares para as contratacións. O segundo ten a ver coa dimensión simbólica, se se quer coa aparencia e imaxe pública da institución e singularmente do seu presidente (por incorrer en contradición co seu discurso ideolóxico), en tempos nos que socialmente custa comprender a historia esta dos coches oficiais.

É inadmisíbel que a cabeza da Academia responda con un “nada que comentar” cando se lle interroga a respecto da contratación de familiares

Pero o máis grave, o realmente grave arestora, non son eses feitos senón a actitude que Ferrín mantivo fronte estes ao se negar en redondo aos clarexar. O cumio do despropósito foi a actitude despregada polo máximo dirixente da RAG na aguda entrevista que Kiko Novoa lle fixo para a Radio Galega hai apenas uns días. Non só pola súa negativa absolutamente inxustificábel a dar algunha explicación cando era preguntado por estas cuestións, senón sobre todo pola actitude coa que se negaba.

A dación de contas, a transparencia na xestión, o saber que a actuación dun dirixente pode e debe ser fiscalizada tamén publicamente, son elementos innegociábeis que deben guiar unha actuación ética. Máxime se o dirixente chega a ser presentado como un “diamante moral”, como se puido ler estes días. Sen negar que poida merecer ese afectuoso epíteto, o indiscutíbel é que non exerceu como tal nestes relevantes casos concretos. É inadmisíbel que a cabeza da Academia responda con un “nada que comentar” cando se lle interroga a respecto da contratación de familiares a cargo do orzamento (público) da institución que preside. Nin a súa traxectoria, nin o seu brillante currículo, nin a súa aureola de pope cultural da nación, poden poñer en suspenso tan elementares criterios e principios éticos, que deben rexer sempre o desempeño público. De todas e todos, sen distincións nin bulas.

Comprendo e mesmo podo partillar en parte as peticións de importantes colectivos e figuras da cultura galega que chaman a Ferrín a reconsiderar a súa saída, sobre todo polo desgaste que está a producir a escandaleira. Mais non deixa de resultarme decepcionante, que non se empregase nin antes nin agora a mesma viveza e intensidade para lle exixir ao Presidente que dea as explicacións necesarias para poñer fin a esas polémicas que salfiren e danan gravemente a RAG e o seu crédito social.

Como galego preocupado e comprometido co noso idioma, como activista na súa defensa, non pido que Ferrín abandone. Exíxolle, iso si, que atenda as súas obrigas e dea en primeiro lugar as explicacións que se lle piden.

Comentarios