Opinión

O fascismo fixo mártir a Galiza

Lía esta noite nunha coñecida rede social un debate arredor da presunta necesidade de mudar a denominación do 17 de agosto como “Día da Galiza Mártir”. O principal argumento para tal emenda era que o martirio --loxicamente-- producía arrepíos e que podía interpretarse en chave de reivindicación do mesmo. Houbo quen engadiu a falsa xustificación da permanente necesidade de o renovar todo, insistindo na equivocación de mudar significados cambiando os significantes, para os facer máis asumíbeis. Máis dixeríbeis. A vella renuncia de sempre, apenas vernizada de modernidade transgresora. 

Lía esta noite nunha coñecida rede social un debate arredor da presunta necesidade de mudar a denominación do 17 de agosto como “Día da Galiza Mártir”. O principal argumento para tal emenda era que o martirio --loxicamente-- producía arrepíos e que podía interpretarse en chave de reivindicación do mesmo. Houbo quen engadiu a falsa xustificación da permanente necesidade de o renovar todo, insistindo na equivocación de mudar significados cambiando os significantes, para os facer máis asumíbeis. Máis dixeríbeis. A vella renuncia de sempre, apenas vernizada de modernidade transgresora. 

 O Día da Galiza Mártir institúese para evitar o esquecemento, como vacina contra a amnesia 

O certo é que cando a Irmandade Galega en 1942 proclama desde Bos Aires, a proposta de Castelao, o Día da Galiza Mártir, non o fai para reivindicar en chave propositiva o martirio padecido por Alexandre Bóveda 8 anos antes ao ser fusilado polo franquismo na Caeira (Poio). Non. O pretenso era ben outro. O Día da Galiza Mártir institúese para evitar o esquecemento, como vacina contra a amnesia que mantivese fresca na memoria aos mártires que fixo o fascismo na nosa terra. Para lembrar e honrar sempre a quen deu a vida, sen pretendelo, polo noso pobo. Para facer dos cadáveres sementes de vitoria. 

Entendo os arrepíos. Mais existiu unha Galiza forzosamente mártir. A que sufriu os embates cruentos do españolismo nacional-católico que inzou as marxes dos nosos camiños e estradas de cadáveres, que torturou e perseguiu, que amedrentou e reprimiu. Arrepía, si. Porén, é preciso mantermos vivo ese arrepío conmovedor para que serva de alento que desde o exercicio activo da memoria, por dolorosa ou incómoda que sexa, nos dea azos para teimar en que aquilo nunca volva suceder. 

O 17 de agosto non afirmarmos vontade algunha de martirio. Reivindicamos, iso si, as causas polas que mataron aos nosos mártires

“A historia manda, sexan quen sexan os seus malfeitores, e a paixón e morte de Bóveda están nela para sempre, erguida, viva, luminosa, porque as súas ideas limpas, claras, nobres non puideron matalas, florecerán mañá (...)” así rezaba a petición dun grupo de galegos emigrados dirixida a Xerardo Álvarez Gallego para que escribise un libro sobre Bóveda.

O 17 de agosto non afirmarmos vontade algunha de martirio. Reivindicamos, iso si, as causas polas que mataron aos nosos mártires. Clamamos contra a inxustiza que condenou a moitas e moitos compatriotas a o ser. Rendemos tributo ao xeneroso e entregado compromiso dos Bóveda, dos Casal, dos Quintanilla, dos Casas, dos Reboiras... 

Non por casual este ano o Premio “Galiza Mártir” da Fundación Alexandre Bóveda recoñecerá o proxecto “Nomes e voces”, que procura revelar o que aínda non sabemos da represión franquista  no noso país e poñer nome e recoller testemuños de quen a padeceron. Tarefa aínda necesaria cando os herdeiros do franquismo se negan a o condenar, como recentemente volveu certificar o Alcalde de Baralla.

O verdadeiramente arrepiante é termos medo a chamarlle ás cousas polo seu nome

Nestes tempos de obsolescencia programada (seica tamén no ideolóxico), de totalitarismo da heterodoxia obrigatoria, algúns teiman en fuxir da realidade material, evitando enfrontar a dificultade e a necesidade de a transformar. Mais o verdadeiramente arrepiante é termos medo a chamarlle ás cousas polo seu nome. Por pouco moderno ou zen que sexa. Pois a verdade é sempre revolucionaria.

www.contradiscurso.net

Comentarios