Opinión

Dez anos facendo posíbel o necesario

Sermos Galiza, a editora deste xornal impreso e do seu dixital, e desde antes do semanario homónino, vén de cumprir dez anos de existencia material. O 26 de abril de 2012 abríase unha fiestra para o retorno da lingua galega aos quiosques de prensa, após a traumática desaparición do xornal Galicia Hoxe. Foi unha decisión audaz e comprometida, que decidiu pasar do laio e da autoculpa paralizante, que pairaba após o feche do que até daquela era a derradeira cabeceira impresa integramente no noso idioma, para o converter nunha vizosa forza creadora.

Cando en xullo de 2011 botaba a andar o xermolo de Sermos, en forma de manifesto e iniciativa social, poucas certezas había. Mais si un compromiso tan firme como profundo: o de impoñer á necesidade ás dificultades. Galiza, o pobo galego, precisaban e precisan, merecían e merecen, contar cun xornal que desde unha honesta perspectiva propia analice e informe de todo desde nós. Era unha decisión netamente revolucionaria: a de comprometerse con facer posíbel o necesario. 

Un proxecto de base popular, que hoxe é realidade grazas a máis de un millar de pequenos e pequenas accionistas e varios millares de asinantes, para alén das innumerábeis colaboracións que desde un compromiso xenerosamente militante enriqueceron a eito as páxinas de Sermos e hoxe do Nós. Moitas persoas, diversas, de orixes diferentes, de distintas percepcións e orientacións, a converxeren nun crisol xornalístico que sigue fiel a responder aos intereses galegos, aos da súa maioría social, dando voz a que non a ten, poñendo o foco onde o Poder só quere sombras, visibilizando loitas e experiencias.

En 2012 o nacemento de Sermos Galiza era unha necesidade. Hoxe a súa existencia tórnase en imprescindíbel. Vital, mesmamente, para confrontar co monopolio do discurso do cártel mediático das grandes corporacións, co que seguen teimando en facer avanzar o pensamento único desde a metrópole madrileña ou as súas sucursais. Toda traxectoria ten erros e acertos, éxitos e insuficiencias, mais o contributo de Sermos achegando unha perspectiva informativa e analítica propia e diferente, é esencial en termos estritamente democráticos.

Asistimos nas últimas semanas e meses a unha agudización da abafante propaganda que como néboa espesa confunde e desorienta. Dos bulos máis evidentes ás perigosísimas medias verdades, pasando por eses demoledores consensos no gris. Sen matices. Sen diferenzas.  Sen contexto. Os grandes titulares engolen, a golpe de clickbait, o relato informativo. As presas impóñense ao rigor. As servidumes fanan, cando non anulan, a independencia.

Por iso, a existencia de Sermos Galiza, os seus  502 números en formato semanario e os 617 do diario que tes entre as mans, é un grande triunfo. Un triunfo que merece seguir sendo alentado, para avanzarmos cara o alargamento dun espazo galego de comunicación, con información veraz, análises honestas, pluralidade e antes de máis un compromiso real co noso País.

Porque a indecente exclusión de Sermos Galiza das axudas públicas da Xunta de Galiza aos medios impresos galegos é o máis rotundo indicador da súa necesidade. Non há nada máis preciso que un xornal que incomode o poder.

Deixou dito, o sempre citado Kapuscinsky, que "cando se descubriu que a información era un negocio, a verdade deixou de ser importante". Por iso, para evitarmos que a liberdade de prensa sexa apenas a liberdade do dono da imprenta, é fulcral multiplicar o que Sermos Galiza leva representando dez anos.

Comentarios