Opinión

Desde o sentimento

  Son momentos de sisudas reflexións e fondas análises logo da recente situación electoral. Mais eu hoxe quero deixar o reconto de datos e razóns e quero falar desde outro sitio. Desde o persoal como base da construción política.

Son momentos de sisudas reflexións e fondas análises logo da recente situación electoral. Mais eu hoxe quero deixar o reconto de datos e razóns e quero falar desde outro sitio. Desde o persoal como base da construción política.

Sinto que é tempo de análise e construción porque o futuro non está escrito nunca e menos agora

Eu sinto que o domingo Galiza, como proxecto colectivo, non callou fronte a dereita. Todas e todos os que queremos a este país vimos unha dereita forte, con capacidade, con reflexos, cos fíos de poder sólidos para gañar nas urnas. Todos e todas perdemos o domingo un anaco de liberdade e dereitos nun plano máis profundo que o da retórica que as miñas palabras me permiten expresar. Porque nos guste ou non, Feijóo será presidente e estará lexitimado para o que queira por moitos votos que perdera desta volta.

Tamén sinto que algo se move. Unha pulsión critica está na rúa e tamén na xente moza. Na sociedade despolitizada moitos mozos e mozas decidiron ir votar, outros seguiron na abstención como forma de protesta ante unha situación que rexeitan. En calquera caso unha parte do descontento cunha dereita reaccionaria e antigalega decidiu non dar a confianza á forza política que eu defendo. Que dicir ao respecto? Despois de tres anos e medio de traballo intenso e que eu considero moi crítico e duro contra o goberno Feijóo e con propostas e alternativas políticas, a sociedade non o valorou o suficiente ou simplemente pasou. Se cadra a suma destes factores e outros moitos de difícil explicación representan o xusto medio dunha posíbel resposta coherente ante un castigo electoral que nos evidencia que non todo se fixo ben.

Toda análise é necesariamente unha crítica, e agora é tempo de crítica e análise. Mais eu sinto que non só. Sinto que é tempo de análise e construción porque o futuro non está escrito nunca e menos agora. Moita xente traballou desinteresadamente nesta campaña no BNG, para todos eles e elas o meu agradecemento. Moita xente nos votou, para todos eles e elas tamén o meu agradecemento e o meu compromiso de traballar con máis forza e ánimo contra o PP e por este país. Outra moita xente non nos votou, para todos eles e elas o meu respecto. Considero que agora temos que escoitar, pensar e actuar.

Cada día ao erguernos empeza todo. Eu quero traballar por un proxecto común de recoñecemento e transformación social nun mundo que muda sen parar. Quero traballar para facerlle fronte á barbarie que nos invade. E aínda máis importante, quero traballar para que outra realidade nacional sexa posíbel. O futuro é incerto mais non temos que terlle medo. Díxeno moitas veces nesta campaña, que os tempos son difíciles e esixen de nós valentía. A paixón pola liberdade é a nosa forza.

Comentarios