Opinión

Derrubar o tabú da nacionalización de empresas

O esmorecemento industrial en Galiza pon acima da mesa a necesidade dunha mudanza radical na política económica. Mudanza cunha dobre intención, trenzada entre si. Dunha banda avantarmos cara a unha economía autocentrada, isto é focada ao desenvolvemento das nosas propias capacidades en base ás  necesidades do noso país. Doutra pular por unha economía de noso en termos sociais, unha economía ao servizo do pobo traballador -e no posíbel baixo a súa dirección- para resolver precisamente as necesidades da maioría social, das clases populares. 

O esmorecemento industrial en Galiza pon acima da mesa a necesidade dunha mudanza radical na política económica. Mudanza cunha dobre intención, trenzada entre si. Dunha banda avantarmos cara a unha economía autocentrada, isto é focada ao desenvolvemento das nosas propias capacidades en base ás  necesidades do noso país. Doutra pular por unha economía de noso en termos sociais, unha economía ao servizo do pobo traballador -e no posíbel baixo a súa dirección- para resolver precisamente as necesidades da maioría social, das clases populares. 

É fulcral alargar a presenza pública na economía galega, tal e como o propio BNG formulou con acerto nas teses das súas dúas últimas asembleas nacionais

Para facer realidade ese xiro é arestora indispensábel alargar a presenza pública na economía galega, tal e como o propio BNG formulou con acerto nas teses das súas dúas últimas asembleas nacionais, nas que se apostaba mesmo pola “creación de empresas públicas creación de empresas públicas en sectores estratéxicos da nosa economía: financeiro, telecomunicacións, enerxético, transporte ou alimentación” (XIII AN, 2012) e por “romper a dependencia colonial da economía galega e devolverlle ao pobo o poder de decisión sobre os recursos e a capacidade económica” (XIV AN, 2013).

Tal afirmación non ten base nun pretenso ideolóxico, que sería lícito e que por outra parte moitas e moitos podemos subscribir -e subscribimos- no seo do nacionalismo desde unha perspectiva marxista. Mais non é (só) por iso. É a propia realidade obxectiva a que turra desa necesidade, cada vez con máis forza. O colapso do naval, coa expatriación de Barreras como síntoma e corolario, o risco de esgazamento de Pescanova para ser absorbida por capital foráneo,  a delicada situación de sectores chave como a automoción, o téxtil, o eólico ou o outrora puxante contact center sintomatizan a falencia do capital privado para a dinamización da nosa economía.

A nosa base produtiva corre un serio risco de esmorecer

A nosa base produtiva corre un serio risco de esmorecer. Non é brincadeira. Hoxe xa se estima nun 60% a destrución de tecido industrial nas bisbarras de Vigo e Ferrolterra no último lustro. Basta ollar de maneira sistemática as estatísticas do desemprego para constatar dunha banda a destrución de emprego -no caso da comarca viguesa por volta de 5.000 postos menos ao ano desde que encetou a crise- e por outra a cada vez maior transferencia de traballadoras e traballadores da industria ou a construción cara ao sector servizos. Co agravante engadido de que o sector terciario enfronta tamén serias dificultades, por depender dunha demanda interna en caída libre a consecuencia da perda de poder adquisitivo da maioría social, por mor do empobrecemento continuado de salarios e pensións que se suma á insoportábel taxa de desemprego.

Fica pois acreditada a incapacidade, en parte deliberada atendendo á dinámica do propio capital e a súa tendencia á concentración e centralización, da iniciativa privada para vertebrar sectores de indubidábel rendibilidade e de carácter estratéxico para unha economía de noso. Máis un síntoma de que o propio capital axe en Galiza como un elemento inviabilizador do propio desenvolvemento económico cando este non responde, ou non suficientemente, ao afán de continuado e exponencial aumento dos gaños privados que é consubstancial ao vixente sistema capitalista.

Ou avanzamos cara a un sector público industrial galego ou o escenario máis probábel será a desertización industrial

En consecuencia apostarmos por unha maior presenza pública, tanto no accionariado como na dirección, das empresas centrais deses sectores estratéxicos, nomeadamente no caso daquelas que corren o risco de deslocarse ou mesmo desaparecer, como as enunciadas anteriormente, non é en absoluto algo disparatado. Ao contrario, é o único vieiro que evitaría a destrución completa da base material, en termos económico-produtivos, sobre a que se asenta (en presente e futuro) o noso país. Os datos amosan que ou avanzamos, por exemplo, cara a un sector público industrial galego ou o escenario máis probábel será a desertización industrial, facto que axudaría a cronificar a nosa condición forzosamente dependente como periferia da periferia europea. 

Xa que logo, falarmos ás claras, sen medos, de nacionalizar ou mesmo de expropiar, parcial ou totalmente, de maneira indemnizada ou permutando os inxentes investimentos públicos que moitas destas empresas recibiron durante décadas, a través de empresas cen por cen públicas ou despregando consorcios público-privados (baixo dirección pública), é o tipo de iniciativas audaces, comprometidas e coherentes coas que o nacionalismo galego debe afrontar en chave netamente transformadora o escenario de emerxencia social e nacional que vivimos neste momento histórico. Nesta conxuntura non caben titubeos, nin a reiteración mecánica de propostas que acaían a outros momentos e situacións, facéndose preciso derrubar vellos tabús edificados sobre os complexos da esquerda acovardada.

Nacionalizar/expropiar empresas estratéxicas  para viabilizar o noso tecido produtivo, enraizalo no país e poñelo ao servizo do pobo

Para iso, e non para seguir a fornecer de zumento financiamento público (a costa de todas e todos nós) aos accionistas privados para socializar as súas perdas e/ou engordar os seus lucros, é para o que nos debemos dotar con urxencia dunha banca pública galega ou, en ausencia desta, dun instituto de crédito público. Se é preciso inxectar recursos públicos para asegurar a continuidade dalgunhas empresas estratéxicas que se faga, mais aumentando de vez a presenza pública tanto no accionariado como na dirección destas. Eis a mellor maneira de viabilizar o noso tecido produtivo, de enraizalo con forza ao país, e ao tempo poñelo ao servizo do pobo e o desenvolvemento social.

Aliás, dada a manifesta e dolosa mala xestión dalgunhas direccións empresariais, mesmo baixo sospeita de delito nalgún caso, cómpre tamén que neste proceso de alargamento do público se lle dea cada vez un maior protagonismo ás e aos empregados que coa súa forza de traballo son os únicos e verdadeiros creadores de valor e riqueza, permitindo a súa participación directa na organización da actividade económica.

Como pouco debemos deseñar un outro modelo económico e social de transición, que sente as bases para a ineludíbel mudanza de sistema

Por derradeiro, hai que situar estas cuestións no marco da necesaria definición de alternativas máis amplas, de conxunto, que enfronten a raiceira dos problemas estruturais. Mesmo partindo da diagnose de que o actual modelo de capitalismo neoliberal está fallido (a pesar de que algúns acreditamos que a crise ten unha dimensión sistémica e non só de modelo, con base no capitalismo en si propio), faise necesario formular unha alternativa a ese modelo que ademais responda ás coordenadas ideolóxicas do nacionalismo galego de base popular.

É un debate urxente que debemos resolver de maneira áxil para evitar que o noso programa transformador adoeza de raquitismo, ou padeza inanición de iniciativa política, desde a certeza de que non cabe outra conclusión -para resolver a vixente crise dunha maneira favorábel ao pobo- que como pouco deseñarmos un outro modelo económico e social, que será necesariamente de saída, de transición, no sentido de sentar as bases para a ineludíbel mudanza de sistema.

Comentarios