Opinión

CUP e a incógnita Mas

No titular da páxina de internacional que esta semana asino no semanario Sermos Galiza afirmo que o futuro de Catalunya está nas mans da CUP. Non é unha exaxeración.

No titular da páxina de internacional que esta semana asino no semanario Sermos Galiza afirmo que o futuro de Catalunya está nas mans da CUP. Non é unha exaxeración. Este domingo a Asemblea Nacional Extraordinaria da Candidatura de Unitat Popular vai decidir moito máis que o futuro inmediato da gobernabilidade de Catalunya, optando por investir ou non a Artur Mas como President. A escolla está marcada polos novos cenarios abertos após os comicios catalanes do 27S, pero tamén polas eleccións xerais do 20D, e cun posíbel cambio de liderado do proceso independentista como pano de fondo. As bases da CUP despexarán a incógnita Mas.

Opcións

3.577 asembleístas decidirán nun conclave no que votarán militancia e simpatizantes da CUP, e tamén activistas dos movementos sociais organizados na Crida Constituent. Quen non votarán serán os cargos electos da formación independentista e anticapitalista, nin as súas liberadas.

As bases da CUP terán que escoller entre investir a Mas ou ir a novas eleccións

De entrada, cómpre salientar a enorme calidade democrática que ten demostrado a CUP en todo este proceso. Non apenas por someter a votación directa da súa militancia unha decisión que pola súa importancia non debera ser tomada por organismos de dirección, senón tamén por como a propia dirección conduciu o debate, evitando pautalo desde arriba. A asemblea do domingo vai ser sobre todo iso, unha asemblea. Un espazo de debate e contraste. Non apenas unha votación. Vai precedida dun rico intercambio de opinións e posicións, individuais e tamén colectivas (a CUP é un espazo en moitos sentidos frontista).

Opinións a prol ou en contra das catro opcións que se someten a referendo. Dúas inclúen apoiar a investidura de Artur Mas (unha apoiando un acordo programático proposto por JpS e outra sen el) e outras dúas rexeitan esa posibilidade, reclamando a Junts pel Si que presenten outro nome ou directamente suxeríndolles que procuren a abstención doutro grupo. Con todo, tal e como está o cenario político na Catalunya, esas catro opcións --malia todos os seus matices-- redúcense a unha escolla entre dous camiños: reelixir a Mas como President ou ir, con bastante probabilidade, a unhas novas eleccións.

A prol / en contra

A favor de investir a Mas e evitar unhas novas eleccións nas que o independentismo correría o risco de retroceder posicións, manifestáronse forzas como Poble Lliure e o Col·lectiu Drassanes. Acreditan que o “acordo para independencia” ofrecido por JpS supón un camiño sen retorno. Posición partillada por un manifesto asinado por cen cargos públicos e coincidente coas opinións expresadas por figuras como o exdeputado David Fernández.

Endavant cuestiona a fiabilidade de CDC e négase a escoller entre "social" ou "nacional".

Pola contra,  a corrente comunista Endavant, da que fai parte a deputada Anna Gabriel (nº2 da  CUP o 27S), defende manteren o “veto” a Mas afirmando non querer escoller entre a súa “alma social” e a súa “alma nacional”, poñendo en cuestión a fiabilidade de CDC como parceiros e defendendo que “as pancas de mando” do proceso deixen de estar baixo o seu control.

O non a Mas é tamén defendido por  Lluita internacionalista, Corrent Roig e Alternativa d’Esquerres d’El Prat, por temeren que apoiar a Mas supoña dinamitar o proxecto rupturista e anticapitalita que representa arestora a CUP converténdoa nunha ERC-Bis.  Porén, estes tres colectivos minoritarios –a diferenza de Endavant-- si se amosan partidarios de procurar algunha fórmula de confluencia co espazo En Comú Podem / Catalunya  Sí que Es Pot.

Consecuencias do 27S e do 20D

Os resultados dos comicios do 27S traducíronse nunha maioría independentista no Parlament, mais que para ser tal exixe da suma dos votos de JpS (CDC+ERC) e da CUP. A lectura que fixeron desde o mainstream mediático español dos resultados do 27S foi claramente nesgada. Así, quixeron ler unha pírrica (mais falsa) maioría “non independentista” en sufraxios, contabilizando p.ex. todos os votos de Catalunya Sí que es pot --a marca electoral de Podemos-- como unionistas, aínda sabendo que neles tamén había unha importante faixa independentista. Porén, o resultado das forzas soberanistas foi menor do agardado e antollábase insuficiente para poder levar a termo a folla de rota da chamada “desconexión” de España rumo a República Catalana.

Os resultados do 27S abriron un novo ciclo político e puxeron en cuestión que Mas e CDC lideren o procés

Eses resultados abriron un novo ciclo político. No positivo, por se traducir nunha maioría absoluta independentista. No negativo, por poñer en evidencia as falencias e feblezas do proceso. Unha das conclusións que paradoxalmente menos se enunciou é que o retroceso de JpS --en comparanza cos resultados obtidos nas anteriores eleccións na suma CiU + ERC--, visaba a necesidade dunha nova correlación de forzas no seo do bloque soberanista, que debía traducirse máis cedo que tarde nun relevo no liderado do mesmo (até ese momento baixo a batuta de Mas, aínda que co sustento indispensábel da ERC de Junqueras).  É esa tarefa pendente, a dun novo liderado do proceso de ruptura, o verdadeiro pano de fondo que vai enmarcar a decisión que a CUP adopte este domingo.

Neste senso, os resultados das eleccións xerais do pasado 20D en Catalunya veñen a confirmar precisamente esa tese. A de que a nova etapa require dunha nova condución.  Dificilmente se pode interpretar doutra maneira que ERC teña multiplicado por 3 o número de escanos no Congreso (pasando de 3 a 9) e duplicando porcentaxe de voto. En troca, Democràcia i Llibertat --a marca coa que concorreu CDC-- recolleu a metade dos escanos da extinta CiU (8 fronte 16) e a metade tamén da porcentaxe de voto. Se ben a CUP decidiu non se apresentar aos comicios do 20D, o seu resultado non podería nin tan sequera se aproximar ao de Esquerra, que obxectivamente pasou a liderar en apoio popular o independentismo catalán.

Logo do 20D ERC é a forza soberanista con máis apoio e En Comú Podem encabeza o unionismo

Mais o cambio de liderado non atinxe só ao soberanismo. Tamén o unionismo mudou a súa correlación de forzas interna e os actores. Así, a principal forza unionista a pesar de recoñecer o dereito a decidir e de se declararen partidarios dun referendo de autodeterminación é En Comú Podem (a candidatura de Podemos). O unionismo muta pois de posicións. Do rancio chauvinismo españolista que representan PP e Cs (que se colocou en cabeza deste bloque logo das catalanas do 27S), matizado pola retórica terceira vía dun PSC en desintegración, a un discurso que desde o “catalanismo” e a “esquerda” aposta en integrar Catalunya nun proxecto de reforma de España.

Un 'non' afirmativo

Un novo 'non' da CUP pode ser o impulso definitivo para un cambio de liderado

Atendendo todos estes elementos non parece axustado, en rigor, concluír que unha eventual negativa das bases da CUP a investir a Mas (reiterando a posición adoptada no seu Debat Nacional de novembro) supoña frear, atrancar ou mesmo inviabilizar o proceso de ruptura independentista. Ao contrario. Cabe que esa negativa supoña o impulso definitivo para mudar o liderado do proceso, quer a través dunhas novas eleccións quer a través de escenarios hoxe desbotados mais non imposíbeis, como que ERC finalmente deixe de ser soporte de Mas e opte directamente a encabezar o proceso.

Non investir a Mas pode permitir que o proceso independentista se dote dun programa avanzado no eixo social (de clase)

Un novo liderado non só adicionará consistencia (as críticas ao “independentismo nominal” de CDC non son inxustificadas) senón que permitirá orientar o procés tamén no eixo social (de clase), fuxindo da actual formulación interclasista/desclasada que impón a presidencia de Mas e permitindo que a folla de rota cara a independencia incorpore tamén un programa avanzado, que permita que a República Catalana non teña necesariamente que nacer baixo a fórmula dunha democracia formal (burguesa) enclaustrada na UE da Troika. Claro que isto modificaría os tempos e o ritmo, sacrificando se cadra velocidade mais poidendo gañar en profundidade transformadora.

Cui bono?

A quen beneficia máis que Artur Mas continúe na ponte de mando?

Folga lembrar que como todo proceso histórico, o aberto en Catalunya é tremendamente dinámico e sometido a tensións e contradicións. De aí, que sexan poucas as certezas e moitos os interrogantes. Mais precisamente por iso resulta como pouco simplista a tese de que sen Mas non haberá independencia. Cando parece que Mas é precisamente (e non sen razóns a eito) a coartada do novo unionismo rupturista para tentaren paralizar o proceso.

Acae, pois, formularnos a vella expresión “cui bono”.  A quen beneficia máis que Artur Mas continúe na ponte de mando? A conclusión da asemblea da  CUP axudará, sen dúbida, a despexar esa incógnita.

Comentarios