Opinión

Corenta anos por Galiza

En poucos días cumpriranse 40 anos da asemblea fundacional do Bloque Nacionalista Galego, decorrida no 25 de setembro de 1982 no frontón de Riazor, na Coruña. Catro décadas de andaina, que supuxeron un paso chave na consolidación contemporánea do nacionalismo galego, cuxa acción política vén de moito atrás, como continuador dos esforzos do galeguismo das Irmandades da Fala e o inxente labor do Partido Galeguista de Bóveda e Castelao.

A traxectoria percorrida polo BNG até hoxe, como a de todo proxecto colectivo, está atravesada por acertos e erros, por heroicidades e por insuficiencias, por éxitos e tamén por dificultades e retrocesos. Mais se algo define o papel do Bloque desde a súa xénese é o do seu compromiso inquebrantábel na defensa dos dereitos nacionais e sociais do pobo galego, cunha vocación de coherencia digna de recoñecemento.

A súa concepción frontista, que fica plenamente vixente, foi a forma que permitiu encadrar a suma diversa a plural de forzas, correntes e sensibilidades, que malia diferenzas ideolóxicas e programáticas, tiveron a audacia e a xenerosidade de converxeren nun bloque común. Fixérono sobre un principio vertebral sen o que hoxe o BNG non existiría: a autoorganización. Que non é outra cousa que a confianza certa no pobo galego e no propio proxecto, acreditando que o futuro do País pasaba (e pasa) por articularmos unha resposta organizada de nós. Sen dependencias. Sen subordinacións. Poñendo Galiza e as súas clases populares e traballadoras por diante.

Nestes corenta anos, o BNG logrou alargar e enraizar a alternativa emancipadora que representa o nacionalismo en cada vez un maior número de galegas e galegos. Para alén da dinámica electoral, e dos seus avances e retrocesos puntuais, a existencia e actuación do BNG foi condición de posibilidade para facer avanzar a conciencia nacional e social no noso pobo. Certamente, mesmo os máis duros adversarios do nacionalismo galego recoñecen que a historia recente de Galiza tería sido ben diferente de non contarmos cun instrumento político, que non apenas electoral, tan potente e vertebrado territorial e sectorialmente como é o Bloque Nacionalista Galego.

Unha das chaves máis importantes nesta xeira de corenta anos ten sido a determinación por ligar a resposta concreta, o despregamento de alternativas programáticas, enfiándoa sempre como parte dunha folla de ruta de longa perspectiva. Empurrando desde o táctico ou conxuntural o horizonte estratéxico de conquistarmos unha Galiza plenamente soberana. Foi a consistencia política do BNG como un proxecto que non naceu para a xestión do estreito campo do posíbel, nun marco de dependencia colonial, senón para facermos necesario o que é posíbel, o que logrou gañar a confianza e o apoio dun cada vez maior número de compatriotas. O BNG non naceu con vocación de oposición, tampouco apenas de goberno autonómico. O BNG naceu e existe con vocación de transformación da realidade. Para despregar, con audacia e ambición, todas as mudanzas necesarias que permitan atinxirmos colectivamente a nosa liberación nacional e social, construíndo esa nova Galiza, xusta socialmente, igualitaria, radicalmente democrática, libre de toda forma de explotación, nunha república de noso.

As traxectorias son obxecto de valoracións diversas, con múltiplas perspectivas. Mais algunhas lecturas que abrollaron nos últimos días por boca dalgúns semellan estar tiradas desde o resentimento narcisista. Se podemos celebrar con vocación de futuro os 40 anos de existencia do BNG é, antes de máis, polo contributo colosal de millares de homes e mulleres que empurraron desde a base, a pé de rúa e de conflito, en cada causa xusta, o avance deste proxecto. Esa militancia incombustíbel que se resistiu aos cantos de serea da autoliquidación que algúns preconizaban por puro oportunismo electoral (e no que acabaron por afundir), e que logrou derrotar a quen pretendeu instalar o nacionalismo galego na (auto)impotencia, termando do leme cando outros parecían ter perdido o compás. Esa firmeza nos principios é o noso máis sólido alicerce cara ao futuro.

Comentarios