Opinión

Combater a Troika, derrubar o capitalismo

Este sábado estamos chamadas e chamados a participar nunha convocatoria internacional impulsada por diversos movementos do Estado español, Portugal, Francia, Italia, Grecia, Chipre, Irlanda, Inglaterra, Escocia, Alemaña e Eslovenia, baixo o lema “Pobos unidos contra a Troika”. Cómpre en primeiro lugar salientar e valorizar que a mesma visibilice de maneira tan expresa a diversidade de pobos e nacións que facemos parte de Europa e do mundo.

Este sábado estamos chamadas e chamados a participar nunha convocatoria internacional impulsada por diversos movementos do Estado español, Portugal, Francia, Italia, Grecia, Chipre, Irlanda, Inglaterra, Escocia, Alemaña e Eslovenia, baixo o lema “Pobos unidos contra a Troika”. Cómpre en primeiro lugar salientar e valorizar que a mesma visibilice de maneira tan expresa a diversidade de pobos e nacións que facemos parte de Europa e do mundo.

Estamos chamadas e chamados a protestar contra a Troika en tanto que instrumento da ofensiva antisocial (saqueo) que padecemos, no marco dunha radicalización da loita de clases na que o capital --a oligarquía financeira e empresarial transnacional-- está a bater con saña contra o pobo tentando alargar o seu lucro a costa de estender e xeneralizar a pobreza a través da sobreexplotación da clase traballadora, inviabilizando mesmo a súa propia subsistencia material. 

A precarización das condicións de traballo, o empobrecemento de salarios e pensións, o aumento dos impostos sobre as clases populares, os recortes en servizos públicos e tamén en dereitos e liberdades, a estafa das preferentes ou os desafiuzamentos hipotecarios, por enumerar algunhas das principais políticas aplicadas polos gobernos español e galego ao ditado da Troika, debemos ollalas tamén en chave de conxunto, como o programa articulado dunha ofensiva de clase que agrava o enfrontamento entre a minoría rica e explotadora contra a maioría empobrecida e explotada.

 Por simplificación hoxe a Troika converteuse nunha referencia algo abstracta, vana e como pouco inconcreta. Mais, que(n) é a Troika?

Faise preciso tamén caracterizar axeitadamente o suxeito que se confronta. Por simplificación hoxe a Troika converteuse nunha referencia algo abstracta, vana e como pouco inconcreta. Mais, que(n) é a Troika? Baixo esa formulación defínese a unidade de tres patas: o Fondo Monetario Internacional (referente institucional e principal axente internacional do neoliberalismo), o Banco Central Europeo (o aparallo bancario-financeiro do euro) e máis a Comisión Europea (o que vén sendo o goberno da UE). As tres son instancias esencialmente antidemocráticas na medida en que as súas direccións e orientacións non se someten ao sufraxio popular. As tres son instrumentos dominados e orientados ao servizo dunha clase: a burguesía, o capital. Aliás, dúas delas (BCE e CE) son arestora pedras basilares da actual Unión Europea. Neste senso, non se pode disociar a Troika da propia Unión Europea, en tanto que expresión (desde a súa raíz histórica) dos intereses da clase dominante do centro do continente, e de maneira singular a grande banca franco-alemana. Xa que logo confrontar coa Troika debera implicar, por derivación lóxica, confrontarmos abertamente contra a Unión Europea e a súa moeda única, o euro. De aí a vixencia plena da caracterización que historicamente o nacionalismo galego fixo do denominado proceso de construción europea, e que se substanciou na frontal oposición do BNG ao ingreso na CEE  (1985), á sinatura do Tratado de Maastricht (1993) e ao tratado constitucional europeo (2005).

A Troika axe de maneira conxunta como instancia internacional para garantir os lucros do capital privado intervendo Estados, furtando a súa soberanía para impor duros paquetes de medidas antisociais e singularmente antiobreiras, a cambio de financiar rescates á grande banca. Custosos rescates, que de feito supoñen a socialización das perdas privadas, e que os pobos habemos pagar a costa da perda de dereitos, o recorte en servizos públicos e mesmo o empobrecemento de amplas capas. Non é ficción. Non é ningunha exaxeración. É apenas a descrición sintética do que sucede en Grecia, Portugal, Irlanda ou Chipre, e dunha maneira máis matizada (polo momento) en Italia e o Estado español. Así aparece recollido negro sobre branco no “Pacto polo Euro”, no “Tratado Orzamentario da UE” ou no “Memorando de Entendemento UE-Estado español” subscrito co gallo do rescate ás entidades financeiras españolas.

Non é que a Troika actúe en defensa da banca contra as empresas e a industria, senón que opera en beneficio do capital no seu conxunto

É necesario tamén clarificar que a pesar de que a Troika actúe basicamente en beneficio do capital bancario, non o fai por unha (inexistente) contradición entre a esfera financeira e a esfera produtivo-empresarial, senón por ser o mecanismo que mellor garante a reprodución do propio capital (no seu conxunto) a través do aumento exponencial dos seus lucros. Non é que a Troika actúe en defensa da banca contra as empresas e a industria, senón que opera en beneficio do capital (clase que na fase imperialista non se pode dividir en fraccións, e na que as empresas produtivas e as entidades financeiras están intimamente interrelacionadas). Basta para comprender o anterior botarmos un ollo á composición do accionariado das principais empresas e das principais entidades financeiras, para comprobarmos que nunha relación e na outra figuran en moitos casos as mesmas referencias. Grandes empresas participan bancos, e os bancos participan grandes empresas. Debemos pois abandonar o discurso que teima en disgregar o que constitúe obxectivamente un mesmo conxunto --a clase dominante--, xa que para alén de xerar confusión divulga o espellismo dun capitalismo corrixíbel, controlábel ou de rostro humano; ou como expresou o secretario xeral adxunto da Federación Sindical Mundial –Valentín Pacho-- na clausura do VI Congreso da CIG [ver vídeo], en seguir a reivindicar inutilmente que o león se faga vexetariano.

Non hai maneira de “que se lixe á Troika”, como proclaman os portugueses, sen derrubarmos o capitalismo

Mobilicémonos pois contra a Troika, mais desde a necesaria consciencia de que ao facelo estamos a confrontar contra unha expresión do propio capitalismo, comprendendo de vez que a súa derrota  só pode pasar por unha mudanza radical orientada cara a un cambio de sistema en chave de xustiza e igualdade social: cara ao socialismo. Mudanza que no caso galego só será posíbel acadando a plena soberanía nacional, como instrumento que devolva o poder (que hoxe deteñen a oligarquía española e europea) ao pobo para rachar cos ditados da Troika e as políticas que ao seu servizo executa o PP tanto na Xunta como no Goberno español.

Porque non hai maneira de “que se lixe á Troika”, como proclaman os portugueses, sen derrubarmos o capitalismo, o que na Europa pasa en primeiro termo pola saída do euro, da propia Unión Europea e do seu brazo armado (OTAN). 

Comentarios