Opinión

Chapa e pintura para a Coroa

O Goberno español, de PSOE e Unidas Podemos, vén de promover un proceso cosmético para tentar frear o evidente desgaste social da monarquía e o crecente cuestionamento desta forma, anacrónica, de Estado. As medidas anunciadas en favor dunha maior transparencia e aparente fiscalización da Coroa son chapa e pintura para darlle un verniz renovador a unha institución arcaica e epistemoloxicamente antidemocrática.

Coñecermos o patrimonio declarado do actual Xefe do Estado, sen unha explicación detallada da súa orixe, non evita que o seu predecesor, fuxido na petromonarquía de Emiratos Árabes Unidos, continúe instalado na impunidade sobre o pretexto non xa da súa formal inviolabilidade en termos xurídicos, residuo da Transición, senón da deliberada e continuada acción de bloqueo parlamentar aplicada teimudamente por PSOE e PP para vetaren calquera intento de investigación por parte do Congreso.

Os  sucesivos escándalos que envolven o rei emérito deixaron en evidencia tanto a existencia de claros indicios de corrupción institucional e de negocios legais por parte de quen ostentou durante moitos anos a xefatura do Estado español. Mais tamén visaron o alcance do "todo atado y bien atado" que impuxo o réxime do 78, expresado na acción impotente da Xustiza á hora de depurar eses comportamentos, que para alén do reproche xurídico son obxectivamente merecentes dun contundente e firme reproche ético e moral.

Non é de estrañar que desde unha institución arcaica, obsoleta, antidemocrática e erixida sobre o privilexio de nacemento se consideren a si propios impunes. O que é inaceptábel en termos democráticos é que, por acción ou por omisión as institucións pretensiosamente democráticas colaboren nesa impunidade. Sobre todo, tendo en conta que hai unha incontestábel maioría social, singularmente en Galiza, que non comprende que se consinta que un monarca defraude o propio sistema tributario do Estado que presidiu, que fique envolvido en numerosos casos de corrupción e teña comportamentos que se fosen practicados por calquera persoa do común terían recibido un forte castigo. O que é indecente é que un goberno español que se autodenomina progresista, e conformado por dúas forzas políticas que se reivindican formalmente republicanas, acabe por axir como principal valedor da monarquía.

Asistimos, ademais, a un afán evidente de crear as condicións que faciliten o retorno de Xoan Carlos I, cuxa fuxida ao estranxeiro foi un intento de arrefriar a indignación social que provocaban as informacións sobre as súas actuacións e comportamento e para reducir que impactasen contra do actual monarca.

O tempo das impunidades, dos privilexios medievais, do dereito de pernada ten que acabar porque é incompatíbel cun funcionamento democrático e cunha sociedade moderna. Non podemos seguir tolerando, e moito menos premiando, este tipo de comportamentos. Explicábao á perfección o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha recente intervención a respecto da vixencia das causas republicanas ao denunciar a incompatibilidade coa democracia dunha xefatura do Estado que foi estabelecida por graza de Deus e de Franco.

De aí que a decisión da Casa Real de excluír o BNG, xunto a outras forzas soberanistas e de esquerda, da súa comunicación institucional a respecto da comunicación formal do patrimonio de Felipe VI, máis que un agravio se constitúa nun recoñecemento que agradecer con entusiasmo na medida en que define que forzas políticas apuntalan o actual réxime monárquico e cales, como o nacionalismo galego, apostan decididamente por avanzarmos cara a unha democracia real e plena que só pode articularse sobre repúblicas soberanas. Entre elas, a galega.

Comentarios