Opinión

Causa contra o pobo galego que resiste

Onte encetaba na Audiencia Nacional o “xuízo” a Eduardo Vigo, Teto Fialhega , Antóm Santos e María Osório. Os presos e máis a presa independentistas que, encausados baixo a lei antiterrorista, enfrontan peticións de cadea que suman 64 anos. O presunto delito é faceren parte dun suposto grupo armado denominado “Resistencia Galega”. Detidos en 2011, fican presos (agás María Osório en liberdade provisoria) dispersos fóra do país, baixo un réxime penitenciario de excepción, que colida con dereitos fundamentais e pon en cuestión as mínimas garantías procesuais e que volveu ser rexeitado hai apenas uns días polo BNG e a CIG, entre outros. O desenvolvemento da propia vista (vídeos aquí) serviu para acrecentar as razóns dese rexeitamento.

Onte encetaba na Audiencia Nacional o “xuízo” a Eduardo Vigo, Teto Fialhega , Antóm Santos e María Osório. Os presos e máis a presa independentistas que, encausados baixo a lei antiterrorista, enfrontan peticións de cadea que suman 64 anos. O presunto delito é faceren parte dun suposto grupo armado denominado “Resistencia Galega”. Detidos en 2011, fican presos (agás María Osório en liberdade provisoria) dispersos fóra do país, baixo un réxime penitenciario de excepción, que colida con dereitos fundamentais e pon en cuestión as mínimas garantías procesuais e que volveu ser rexeitado hai apenas uns días polo BNG e a CIG, entre outros. O desenvolvemento da propia vista (vídeos aquí) serviu para acrecentar as razóns dese rexeitamento.

Segundo o CIS o 99,8% das e dos galegos decoñecemos a existencia de "Resistencia Galega"

Seica foi unha referencia a carón da lenda do escudo que Castelao deseñara para Galiza a que levou á sempre criativa policía española a bautizar como “Resistencia Galega” a artificiosa e ilusoria banda armada, que o 99,8% das e dos galegos descoñecemos que exista (segundo datos do propio CIS). Non é brincadeira. Así o recoñecía un policía que exercía, insólitamente, de perito no xuízo aos catro presos independentistas galegos.

A pedra de toque da causa é precisamente se existe ou non banda armada

Ningún portavoz parlamentar das forzas con representación no Parlamento de Galiza foi quen de facer unha soa referencia que sinalase --de maneira inequívoca-- que Resistencia Galega sexa algo máis que un constructo interesado para a criminalización da esquerda soberanista galega. Nin o voceiro do PSOE, Abel Losada, nin tan sequera o do PP, Pedro Pui concluíron que se poida afirmar que RG sexa unha realidade para alén da literatura policial (con alusións mesmo á Galicola!!!) sobre a que se alicerza esta causa xudicial. Máis taxativos foron os voceiros do BNG e de AGE. Jorquera e Beiras cadraron en afirmar de maneira contundente que o nacionalismo e o soberanismo en Galiza operan en coordenadas estritamente políticas, democráticas e pacíficas, libre de todo exercicio da violencia. De maneira semellante se expresaron os propios acusados. Esta unanimidade ten a súa relevancia, pois a pedra de toque da causa, instruída polo maxistrado Eloy Velasco e agora baixo dirección do xuiz Alfonso Guevara, é precisamente se existe ou non banda armada, xa que por pura derivación lóxica de non ser así carecerían de todo fundamento os cargos penais por facer parte desta.

“Calquera pode pertencer a Resistencia Galega se busca a independencia galega” testemuñou un policía

Mais o tema vai moi alén do plano xudicial e penal. Hai tallada política. Existe o risco de que se traspoña a Galiza a “teoría do entorno”, sob a base da cal todo sería potencialmente ligábel a actividade dun grupo armado, abrindo a porta a unha maior e máis radicalizada criminalización das organizacións do nacionalismo popular e mesmo a ilegalización dos seus referentes políticos ou sindicais. Este extremo ilústrao ben a afirmación, recollida dunha das testemuñas policiais, na que se aseveraba que “calquera pode pertencer a Resistencia Galega se busca a independencia galega”. Máis unha vez agroma o transfondo ideolóxico e estritamente político, malia o teimoso intento de o disfrazar de antiterrorismo. Reparen ben en quen podería inscribirse na “contorna” proto-terrorista  de se aplicar esa tautoloxía policial, que tan ben retrata aos corpos represivos do Estado. De facto con ela categorízase a todo o nacionalismo galego de coordenadas autodeterministas (incluído servidor) como potencialmente terrorista. E todo a pesar de non existir nin vítimas desa presunta violencia política, nin probas que acrediten a existencia dun entramado organizado tras as sabotaxes contra algunhas sedes do PSOE e do PP, e outras accións equivalentes, que son no papel a única base material de todo o relato policial.

O xuízo non é só a catro presos independentistas. Fica encausado todo o pobo galego que resiste.

Onte un tribunal de excepción, herdeiro do franquista Tribunal de Orde Pública, non só xulgaba a catro compatriotas. O xuízo non é só a catro presos independentistas. Fica encausado todo o pobo galego que resiste, e de maneira singular a quen o fai desde posicións soberanistas. De aí que non poidamos ficar alleos ao que a eles (e a ela) lles suceda, e que sexa obrigada a nosa fraterna solidariedade --desde un esencial respecto á inviolábel presunción de inocencia-- sobre todo coas súas familias polo seu desnecesario e inxusto padecemento. Mais como rezaba a camisola de Teto “nunca choveu que non escampara”. Non há treboada, por dura e ameazante que se presente, que nos faga encoller ou engurrarnos na causa democrática e pacífica da plena emancipación social e nacional de Galiza. 

Comentarios