Opinión

Catalunya: a bicefalia por saída?

O cenario catalán é complexo até a fartura. Nun contexto marcado pola suspensión –da autonomía, vía 155; da declaración de independencia e agora tamén do pleno de investidura após as eleccións do 21D–, cada movemento no taboleiro acaba por se atravesar con algunha continxencia inesperada. Cando o president Puigdemont semellaba ter logrado volver atinxir a primeira posición no xogo do gato e o rato ao que se reduciu a política catalá, como apuntou neste mesmo xornal Suso de  Toro, deixando en evidencia raiana no ridículo o Goberno español, temeroso do seu retorno no maleteiro dun coche, unha –seica que fortuíta– captura dun SMS revelaba as fraquezas coas que o soberanismo resiste o embate. Fraquezas humanas e comprensíbeis que, no entanto, pulverizan o relato épico e ofreceron abondosa munición discursiva ao inimigo.

Despois da [enésima] exhibición dos profundos déficits democráticos do Estado español, onde os poderes acabaron por sacrificar a súa presunta separación para se conxuraren –mediante unha resolución ad hoc do Tribunal Constitucional– na causa da continuidade histórica da ‘España UNA’, o bloque independentista amosou por accidente as fisuras que ameazan con o fracturar. Fronte a un  Estado tan poderoso e tan determinado a actuar sen límites até esmagar o proceso de ruptura democrática en curso na Catalunya, a unidade é esencial para ofrecer unha resistencia compacta, efectiva e duradeira.

JxC e  ERC estarían a negociar unha restitución simbólica de Puigdemont mais na perspectiva de investir outra persoa como presidente efectivo

 

Diante da nova canella sen saída da investidura adiada indefinidamente e a imposibilidade de regresar sobre os pasos andados, a solución parece que só pode pasar pola bicefalia. Por renunciar a unha restitución completa do president legitim –Carles Puigdemont– e explorar fórmulas creativas que permitan ao soberanismo efectivizar a maioría atinxida por decisión popular nos comicios do 21-D. Nese sentido, se inscribe a fórmula de cohabitaren dúas presidencias, reiterada recentemente polo vicepresident Oriol Junqueras, precisamente ao se cumprir 90 días da súa prisión provisional. Unha presidencia simbólica, para Puigdemont no exilio, cun carácter representativo e outra executiva, para alguén inda por determinar, que teña capacidade para exercer as atribucións políticas e administrativas e permita a formación dun novo Govern, de verdade, que poña fin ao 155. É unha posibilidade que se estaría a explorar a serio, entre Junts per Catalunya e Esquerra Republicana de Catalunya, que negocian nas últimas horas a opción dunha resolución parlamentar nun pleno extraordinario, diferente ao de investidura, no que restituír simbolicamente o president Puigdemont. A outra cabeza podería ser a de Jordi Sánchez, expresidente da Assemblea Nacional Catalana e deputado electo que, porén, fica tamén en prisión. 

Outra fórmula sería que Puigdemont exercese, de facto, a presidencia desde o exilio como conseller primer

 

Outra fórmula, tamén bicéfala, é a suxerida por Josep Lluís Carod-Rovira, nunha recente columna de opinión en Nació Digital. Carod aposta nunha saída rusa, como a adoptada por Putin para sortear hai varios anos a limitación constitucional ás reeleccións presidenciais. No concreto, suxire que frustrada a posibilidade de investir a Puigdemont como president, se opte por escoller a unha outra persoa para exercer unha presidencia formal, de carácter representativo, pero que transfira as principais atribucións e capacidades executivas a Puigdemont pero na condición de conseller en cap ou conseller primer, figura equivalente á dun primeiro ministro e que conta con plena cobertura legal en Catalunya. A este respeito, Carod, que desempeñou precisamente ese mesmo cargo, lembra que a lei de presidencia da Generalitat e do Govern, en vigor desde 2008, non exixe que o conseller primer teña de residir no territorio de Catalunya, nin que deba ter a condición de deputado ou deputada, nin pon condición algunha para que o president nomee a quen considere oportuno para ese cargo.  Aliás, esa mesma lei si recolle expresamente a posibilidade de utilizar medios telemáticos na acción de goberno. 


A bicefalia en fase de deseño non se ten de limitar aos cargos unipersoais. JxC e ERC recoñecen ter avanzado moito na configuración do novo gabinete.  Un Govern que se prevé paritario no peso de ambas as dúas forzas, separadas por apenas 12 mil votos [en favor de JxC] o pasado 21D. O futuro executivo catalán podería constituírse en número par, coa presidencia e seis consellerías en mans de JxC, e a vicepresidencia e outras seis consellarías para ERC. Un reparto que obriga a un liderado partillado para encarar unha lexislatura que por forza se terá que abrir paso para que Soraya Sáenz de Santamaría deixe de usurpar a presidencia de Generalitat.

Con todo, a superación do actual bloqueo, a fin deste impasse, é apenas unha primeira condición indispensábel para o soberanismo retomar a iniciativa. Por diante ábrese un período no que, como é obvio, terán de reformular táctica e estratexia, adoptando unha nova folla de ruta para un novo ciclo –post 1-O– coa que, sob o apoio popular acumulado polo procés, crear as condicións que permitan avanzar cara á materialización da República Catalá. Sabendo, iso si, que non se conquistará pola reiteración mecánica de maiorías electorais nin cunha “revolución de sorrisos”. Eis a tarefa, colosal pero irrenunciábel.

Comentarios