Opinión

A cuestión de xénero e a loita de clases

"O grao de emancipación da muller é a medida natural da emancipación xeral" F. Engels e K.

"O grao de emancipación da muller é a medida natural da emancipación xeral"

F. Engels e K. Marx ("A Sagrada familia", 1845)

Desde que en 1910 a II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas proclamara, a proposta da comunista Clara Zetkin, o 8 de marzo como “Día Internacional da Muller Traballadora”, fixando como obxectivo a procura da igualdade e o dereito ao sufraxio e conceptualizándoo como o “Primeiro de Maio feminino”, a loita feminista non descansou no seu afán emancipador de liberar a metade da humanidade do xugo brutal do patriarcado. A pesar dos avanzos, ficamos aínda (moi) lonxe da igualdade real de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes. Apenas conquistamos o seu recoñecemento no plano formal, non sen tirapuxas.

A pesar dos avanzos, ficamos aínda (moi) lonxe da igualdade real de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes

Así o testemuñan o facto de que as mulleres sigan a percibir menor salario (até un 20%) que os homes por desenvolver un mesmo traballo, unha menor taxa de ocupación e un maior desemprego, a precariedade xeneralizada no emprego feminino con taxas de temporalidade superiores ao 75% e con predominancia dos contratos a tempo parcial (que impiden que o salario sexa sustento suficiente para a independencia económica das mulleres), as dificultades para a promoción profesional, os micromachismos que abafan a realidade cotiá ou a persistencia de fenómenos tan graves como o acoso laboral e sexual, para alén do terrorismo machista.

Gerda Lerner definiu ao patriarcado como a “manifestación e institucionalización do dominio masculino sobre as mulleres e nenas/os da familia e a ampliación dese dominio sobre as mulleres na sociedade en xeral". Aliás, poderiamos caracterizalo como unha manifestación de violencia estrutural dun sistema, o capitalismo, cuxa epistemoloxía está baseada na desigualdade e na explotación dun grupo ou clase social por outro.

Podemos caracterizar o 'patriarcado' como manifestación de violencia estrutural dun sistema, o capitalismo, cuxa epistemoloxía está baseada na desigualdade e na explotación dun grupo ou clase social por outro

A súa raiceira histórica precede ao vixente sistema, tal e como debullou Engels ao afirmar que “o primeiro enfrontamento de clase que se produce na historia coincide co desenvolvemento do antagonismo entre home e a muller no matrimonio monógamo, e a primeira opresión de clase coincide coa do sexo feminino polo masculino”. Porén, sen negar o anterior, na actualidade o patriarcado insírese e encaixa na mecánica sistémica precisamente por ser funcional ao modo de produción capitalista e as súas relacións sociais.

Faise preciso, xa que logo, comprendermos a estreita ligazón entre o réxime xeral de explotación que se materializa baixo o capitalismo, mesmo nas súas formas máis edulcoradas e matizadas nos países desenvolvidos do centro do sistema, coa singular e agravada opresión que padecen as mulleres por razón de xénero. Alexandra Kollontai describiu esta relación de maneira clarividente á altura de 1918, ao afirmar na súa obra “O comunismo e a familia”, que “o capitalismo cargou sobre os ombros da muller traballadora un peso que a esmaga; converteuna en obreira, sen a aliviar dos seus coidados de ama de casa e nai”. A dobre ou tripla ocupación, que Clara Zetkin cualificara como “dobre xugo” (o “do home e o do capital”), permanece case que invariábel a pesar de estarmos pretos do centenario desa aseveración.

Avala esta caracterización o facto de que a agudización da contradicións do capitalismo na presente crise sistémica, está tamén a se materializar no alargamento das desigualdades e no retroceso de dereitos, non só económicos, que o movemento feminista, apoiado no alento da esquerda e nomeadamente do movemento obreiro, conquerira nas últimas décadas. O pretenso de forzar o regreso das mulleres á esfera doméstica para maior sobrecarga de responsabilidades non socializadas no fogar e a familia , o afán de reinstaurar un modelo de familia e de sexualidade heterocéntricas con base no modelo tradicional (patriarcal), a inda maior feminización tanto da pobrez ou a redución do traballo feminino a fonte de ingresos complementarios (por mor dos exiguos salarios e a maior precarización das súas condicións de traballo), exemplifican esta tendencia que se irá agravando conforme se profunde na crise.

A emancipación efectiva da muller non é posíbel nin compatíbel co réxime de explotación capitalista

Cómpre termos presente os aspectos sinalados, e sobre todo a conclusión que se tira destes: que a emancipación efectiva da muller non é posíbel nin compatíbel co réxime de explotación capitalista. Aceptando que o factor decisivo nesta loita é o empoderamento feminino, principiando polo plano da conciencia tronzando a alienación social que promove o sistema, non parece viábel a súa consecución real -para alén do plano formal ou de avances moi tímidos- se non é integrando (sen postergamento de ningunha clase) un proceso emancipatorio de base máis ampla cara a un novo sistema económico e social, cara un novo modelo civilizatorio, cara a sociedade nova da muller e do home novos. Se ben nas experiencias históricas que coñecemos os procesos de construción socialista non resolveron completamente a cuestión de xénero, malia os seus significativos avances, resulta arestora incontestábel que non cabe solución para esta no marco do capitalismo.

"Não há perspectivas para as mulheres nos marcos do capitalismo para a questão de classe e de gênero, porque o modo de produção não se limita á atividade econômica imediata, atingindo a vida social, o modo de existência do cotidiano das mulheres" rezaba a declaración do Coletivo de Mulheres Ana Montenegro (Brasil) co gallo do 8 de marzo do ano pasado. Esta focalización clasista da cuestión de xénero, permitirá aliá a asunción da súa resolución -a través do derrube do patriarcado- como tarefa histórica do conxunto do pobo e non só das mozas e mulleres e ao tempo a feminización, a maior incorporación da perspectiva de xénero, na loita de clases.

Desta maneira estarase a facilitar que o feminismo sexa asumido como parte integrante do ideario de toda persoa, para alén do seu xénero, que acredite na transformación social baixo coordenadas de xustiza e igualdade. Axudando a que sexan máis os mozos e homes que, como xa fixemos moitos, adhiran ao feminismo como formulación ideolóxica netamente liberadora, para se colocar do lado correcto da trincheira. Pois como vén de lembrar a italiana Mónica Perugini "só cun movemento obreiro e popular forte se poden facer avanzar dun modo igualmente forte e duradeiro as conquistas da muller".

Comentarios