Opinión

21-D: E se os “equidistantes” desempatan? 

É difícil vaticinar que pasará na xornada electoral de hoxe en Catalunya. Case imposíbel. A demoscopia, que tanto ten errado nos últimos tempos, apunta a un resultado enormente apretado sob unha participación que se albisca record.  A estimación do politólogo Juan José Domínguez, que polo seu rigor merece sempre atención, vai nesa dirección colocando no aire  que o independentismo manteña a actual maioría parlamentar. 


No entanto, a posibilidade de que as urnas deste 21D non substancien un resultado claro ou definitivo (isto é unha maioría absoluta, quer soberanista quer unionista) é unha hipótese mais que plausíbel. Nese cenario, a chave podería acabar por recaer na bancada da equidistancia. Nese espazo amorfo, líquido ou case gasoso pola súa volatilidade e inconsistencia, que representan os nin-nin de Catalunya En Comú Podem. A UTE electoral entre o Podemos de Pablo Iglesias e os ‘Comúns’ de Ada Colau.

Cabe a posibilidade de que as urnas deste 21D non substancien un resultado claro ou definitivo


Nin independencia, nin 155. Referendo pactado, pero para que Catalunya non se independice. Esa proposta-unicornio é a principal bandeira electoral e mantra da candidatura que encabeza Xavi Domènech.
De se verificar que nin o soberanismo (ERC, JpC e CUP) nin o unionismo españolista (C’s, PSC e PP) atinxan unha maioría absoluta, de como mínimo 68 escanos, a bancada morada tornarase determinante para resolver a correlación. Un papel que ameaza con acabar por lle tirar as carautas de maneira definitiva, pois terán de escoller entre permitir, mesmo coa súa abstención, un Govern leal ao mandato popular do referendo do 1-O, ou colocar un virreinato do 155, pola chamada vía Iceta. 


A disrupción discursiva da franquía catalá da pretensa esquerda rupturista española, tencionando de maneira obscena fuxir da cuestión central destes comicios --a escolla entre avanzar cara a efectivización da independencia, ou reverter o procés soberanista-- fracasou. Os intentos de utilizaren a cuestión social, máis unha vez, como narcotizante e factor de distorsión para opacar a a cuestión nacional catalá non tiveron percorrido. Nin a proclama dun “New Deal” (sic) para Catalunya, co apoio da artillería da esquerda progre española e dos seus resortes ideolóxicos e comunicacionais, logrou desprazar nin un ápice as eleccións que se realizarán hoxe en Catalunya do seu eixo eminentemente plebiscitario: ou independencia, ou 155. 

Ese “pasar páxina” que practica Podemos é un tic que lembra, en moito, a amnesia forzosa coa que os poderes fácticos impuxeron o statu quo do réxime do 78.

Ese tacticismo electoral, esa profesión de posibilismo mal entendido, sería mesmo tolerábel de non se practicar nun contexto de evidente violencia, institucional, xudicial e policial en contra non xa do soberanismo, senón do propio autogoberno de  Catalunya e da súa poboación civil. Tentar converter a cuestión da independencia nunha caste de enorme elefante na habitación político-electoral é dun cinismo atroz. Un cinismo que invisibiliza e traizoa o heroismo cívico e democrático dun pobo que o 1 de outubro pasado enfrontou porras, hostias e patadas voadoras por non se arredar, por se manteren firmes na súa determinación de decidir libre e democraticamente o seu futuro. Ese “pasar páxina” que practica Podemos é un tic que lembra, en moito, a amnesia forzosa coa que os poderes fácticos impuxeron o statu quo do réxime do 78.


Principio de realidade


Durante esta campaña, aberrantemente anormal polo feito de ter candidatos en prisión ou no exilio, e por se desenvolver nun clima de aberta represión e censura --cunha Xunta Electoral a operar de Tribunal de Orde Pública prohibindo a cor amarela--, percibiuse con claridade a existencia dun fío discursivo que acaba por unificar e compactar o tridente do 155 (PP, C’s e PSC) coa marca electoral catalá de Podemos. “Principio de realidade”. Ese enunciado foi omnipresente e transversal no discurso das forzas non-soberanistas. Reivindicado por Iceta, Arrimadas, Albiol e tamén por Doménech. “Calquera anhelo de transformación e mudanza, todos eles lexítimos, pasan polo principio de realidade, non por quedarte atrapado na realidade”, afirmou nunha recente entrevista. A declaración, visa que de retirarmos os matices, algúns deles certamente relevantes, hai un semiarco político completo aliñado sob a mesma tese fundamental: a incuestionábel unidade de España como proxecto político e histórico. Do neofalanxismo laranxa até o lerrouxismo new age de Podemos, co bipartidismo monárquico como pedra basilar.

O pretendido “rupturismo” da esquerda estatal está chamado a axir como o máis eficaz cemento que asegure o proxecto unitario de España

Por iso non sorprende o (soberbio) arranque de sinceridade de Juan Carlos Monedero, pope filosófico da esquerda rupturista española, ao lexitimar sen complexos a aplicación do 155 e colocar, unha e outra vez, a proba de cargo en contra do soberanismo. Ao fío dese comentario, Katu Arkonada apuntaba en Twitter que se confirmaba que Podemos acabara por se converter nun alicerce do réxime político do 78. E certamente esa é a súa principal funcionalidade. A de proxectar a ilusión dunha ruptura que disfraza unha escuálida reforma, presentando como transformación a mera alternancia electoral, para que na realidade nada estrutural, nada relevante, nada substancial cambie. 


Non sabemos cal será o resultado das urnas deste 21D, nin a tradución política que terá. Mais o que si se pode, e debe, saberse xa é que o pretendido “rupturismo” da esquerda estatal está chamado a axir como o máis eficaz cemento que asegure o proxecto unitario de España, deseñado ao servizo dos intereses da oligarquía e o imperialismo.  Por iso, diante do desafío real, da ruptura concreta e material que suporía a independencia de Catalunya, acaban por se envolver da psicoloxía freudiana e o seu principio da realidade, para seguir a entreter con profundas e sisudas disquisicións que distraian o pobo da súa tarefa emancipatoria. Por iso prefiren o fascismo durmido que derrotado.

Comentarios