Opinión

Recuperemos a memoria do poeta López Abente

Este mes cúmprense 50 anos da morte do escritor, do poeta fundamentalmente, Gonzalo López Abente, que naceu en Muxía en 1878 e morreu tamén ao pé do bravo atlántico muxián o 23 de xullo de 1963. En Muxía hai pouco máis de dous anos creamos unha Fundación que leva o seu nome, e que se pode coñecer indo a súa paxina web: lopezabente.org. Creamos esta Fundación porque nós coñeciamos ben a vida e a obra de López Abente xa que fóra un veciño noso, ou máis ben dos nosos pais e avós, e nós crecemos escoitando falar moito del e lendo a súa obra, que está en moitas casas de Muxía. Gonzalo López Abente despois da súa morte perviveu na memoria colectiva de Muxía, chegando a converterse nun dos símbolos máis potentes desta vila.

Este mes cúmprense 50 anos da morte do escritor, do poeta fundamentalmente, Gonzalo López Abente, que naceu en Muxía en 1878 e morreu tamén ao pé do bravo atlántico muxián o 23 de xullo de 1963. En Muxía hai pouco máis de dous anos creamos unha Fundación que leva o seu nome, e que se pode coñecer indo a súa paxina web: lopezabente.org. Creamos esta Fundación porque nós coñeciamos ben a vida e a obra de López Abente xa que fóra un veciño noso, ou máis ben dos nosos pais e avós, e nós crecemos escoitando falar moito del e lendo a súa obra, que está en moitas casas de Muxía. Gonzalo López Abente despois da súa morte perviveu na memoria colectiva de Muxía, chegando a converterse nun dos símbolos máis potentes desta vila. Pero nós pensábamos que todo o que nós sabiamos deste home, deste poeta do mar bravo, tiña que ser coñecido por todos os galegos e galegas, porque a súa obra fora forxada cunha intención clara, servir á causa da patria de Galiza, a súa cultura, a súa lingua e á redención das clases populares, e se ben López Abente é coñecido entre as xentes da cultura, non o é tanto a nivel popular, por mor de algo ben explicable, a súa obra non fóra reeditada dende había moitos anos, e por tanto non era de fácil acceso, sendo este o obxectivo principal da Fundación: poñer a súa obra de novo a disposición de todo aquel que queira acceder a ela. Neste sentido xa editamos o libro “Bretemada” (Alvarellos Editora – Fundación Gonzalo López Abente, 2011), que permanecía inédito dende 1922 cando fora escrito, e estaba gardado no arquivo da Real Academia Galega, tamén reeditamos un conxunto de novelas breves de temática mariñeira, baixo o título xenérico “A narrativa mariña” (Edicións Xerais – F.G.L.A., 2012), e agora, dentro dos actos de conmemoración do 50 aniversario da morta do poeta imos presentar o volume da súa “Poesía Completa” (Espiral Maior – F.G.L.A., 2013).

"Ler a súa obra, agora posible, será suficiente para entender a magnitude e transcendencia deste escritor, que en vida gozou de grande prestixio persoal e literario"

Ler a súa obra, agora posible, será suficiente para entender a magnitude e transcendencia deste escritor, que en vida gozou de grande prestixio persoal e literario. Sirva como proba o que del dixo Vicente Risco: “López Abente é un clásico (...) un pouco rudo e como batido polo mar, porque é o seu un clasicismo atlántico...” Outros escritores que teñen loado a súa escrita foron, entre outros, Otero Pedrayo, Marinhas del Valle ou Sebastian Risco, e na actualidade un recoñecido abentiano é Méndez Ferrín. Pero queremos deixar constancia de varios feitos na súa vida que fan del un escritor, que eu me atrevo a definir como imprescindible na loita de resistencia da cultura galega, como unha peza de transmisión esencial. Foi un escritor monolingüe en toda a súa obra, agás uns poucos poemas de xuventude, en concreto catorce, datados nos primeiros anos do século XX. Tivo un compromiso nacionalista moi claro dende moi novo, que se traduciu nunha participación activa, por exemplo adheriuse ás Irmandades da Fala dende a súa fundación en 1916, sendo o delegado en Muxía desta entidade. Editado en 1918, o seu libro “Alento da Raza” foi un dos referentes da poesía patriótica, xunto co libro de Cabanillas “Da Terra asoballada”. En 1922 formará, con Vicente Risco e Castelao a Irmandade Nacionalista Galega. En 1926 entra a formar parte do Seminario de Estudos Galegos, no mesmo momento que Cabanillas, Noriega Varela e Vitoriano Taibo. En 1931 apoia a constitución do Partido Galeguista, e no ano 36 participou en mitins a favor do Estatuto de Autonomía. E tamén hai que lembrar que foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores de Galicia, que se constituíu en Compostela o 30 de marzo de 1936. E toda esta fecunda actividade a prol de Galiza tivo o amargo froito de valerlle un Expediente de Depuración, que tivo como consecuencia que en 1937 fóra cesado no seu emprego no Banco Pastor de Muxía. Pero só pasarían catro anos, cando en 1941 entra a formar parte da Real Academia Galega, e eran os anos máis duros da represión fascista, pero o noso escritor, -e ao dicir noso non me refiro ao noso escritor de Muxía, senón ao noso escritor de Galiza-, no acto de ingreso que ten lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, ten a valentía de ler o seu discurso en lingua galega, co título “A Terra e a poesía de Eduardo Pondal”.

"Debemos, a el e a moitos como el, que nos tempos máis escuros non se asustaron e traballaron á luz dun pequeno candil, o candil da esperanza e o candil do soño da liberdade para Galiza"

É necesario recuperar a memoria dun home, dun poeta, como Gonzalo López Abente, porque hoxe os galegos e as galegas algo lle debemos, a el e a moitos como el, que nos tempos máis escuros non se asustaron e traballaron á luz dun pequeno candil, o candil da esperanza e o candil do soño da liberdade para Galiza, e nós hoxe soñamos porque eles soñaron antes.

 

Comentarios