Opinión

Privatizar beneficios, socializar perdas

O sector da automoción está a sufrir unha transformación continua en todos os eidos, pero non só no terreo industrial, se non sobre todo no ámbito das relacións laborais, nas condicións das persoas traballadoras.

O Toyotismo que fomenta o "just in time", o sistema a xusto tempo que elimina stocks e almacéns intermedios para producir segundo pedido, esa flexibilidade que tanto rendemento económico lles reverte ás empresas do sector, sáldase a costa da flexibilidade horaria, laboral e das xornadas de traballo para as persoas traballadoras, tendo unha incidencia directa na súa vida persoal e laboral.

Moitas empresas do sector, para producir en cada momento o que é preciso, utilizan os recursos públicos como mecanismos de flexibilidade, claro exemplo son os ERTE con cargo aos fondos públicos e ás prestacións das persoas traballadoras, na vez de redistribuír as producións como é a responsabilidade e obriga das empresas.

A deslocalización tamén foi outra ferramenta moi utilizada por moitos construtores de automóbiles como elemento para o aumento da súa marxe de beneficios, enmascarado no discurso da competitividade que dende a sociedade e, incluso dende a clase traballadora, asúmese como dentro da lóxica do mercado; esta realidade implica que, mentres as empresas seguen a encher os petos, nós, a clase traballadora, aceptamos baixar as nosas condicións laborais e de vida a cambio de manter as tan nomeadas "cargas de traballo", ou a cambio de manter un emprego cada vez máis precario.

Categorías de entrada, contratos a tempo parcial con dispoñibilidade para a empresa a tempo completo, son outras das ferramentas que se utilizan nun sector dominante dentro do PIB galego, e do estado español, sen que por parte das administracións se lle poña couto. A tan laureada reforma laboral progresista non atallou a precariedade do sector que se estende como unha mancha de aceite.

Agora a crise dos famosos microchips, que eles mesmos crearon ca deslocalización e intento de abaratamento de custos para aumento da marxe de beneficios, sáldase con paradas continuas de actividade, que reverten negativamente nas vidas das persoas traballadoras tanto a nivel social coma económico, onde a maioría das empresas principais e auxiliares utilizaron ERTE a libre discreción para que unha vez máis sexan as persoas traballadoras as que asuman a mala xestión dos construtores, privatizando os seus beneficios, e socializando as perdas, igual que durante a pandemia da Covid.

Os construtores agora láianse da situación que padecen, por falla de microchips e compoñentes pedindo que sexan os gobernos quen invistan para crear fabricas que eviten o dominio asiático. Os mesmos que durante anos alimentaron mediante deslocalizacións este dominio para o aumento da súa marxe de beneficios, agora pretenden, unha vez mais, que co erario de toda a sociedade resolvamos o problema que eles mesmos crearon.

O troco de normativa pola eliminación dos vehículos a combustión, en detrimento do vehículo eléctrico como elemento medioambiental, cabería outra análise mais profunda, lonxe do debate sobre as consecuencias que vai ter no emprego a fabricación deste tipo de vehículos.

Os residuos que poden xerar coas baterías ou elementos que compoñen o vehículo, a enerxía que sería precisa crear para alimentar todo o parque móbil a nivel mundial, obrigaría a incrementar o potencial enerxético, que non sería posible só con enerxías renovables.

Pero aínda así, os nosos campos encheríanse non de agricultura, senón de placas solares; os nosos montes, de muíños que rompen a paz da natureza de dos animais que nel viven, e veriamos un incremento de encoros que trocarían a fisionomía dos nosos rios.

Seguramente aumentaría a produción a través de enerxía nuclear ou outro tipo de enerxías, pero non temos nada que temer, porque os países que din somos "desenvolvidos podemos subscribir acordos con países "menos desenvolvidos" para que os xestionen os residuos xerados a cambio dunha cantidade económica.

Á clase traballadora e á sociedade en xeral, só nos queda tomar as rúas, e dicirlle ao capital, que este mundo non lles pertence, e tampouco as nosas vidas.

Comentarios