Opinión

Xosé Chao, Xosé Alvilares e Xosé Neira. Tres grandes galegos que se nos foron

Xusto ao ano do pasamento do gran mestre e amigo Francisco Carballo


Xusto ao ano do pasamento do gran mestre e amigo Francisco Carballo, en pouco dous días fóronse tres vellos amigos e mestres; amigos de vello e vellos en anos, máis que octoxenarios. Tres Pepes, tres bos galegos que non habemos esquecer non só os seus amigos, os que disfrutamos tanto da súa amizade e tanto aprendemos con eles, senón que tampouco ha esquecelos a historia galega, polo que lle teñen aportado a esta terra e a súa xente.

Chegoume a triste nova  do triplo pasamento nun watsapp da miña dona, e logo en distintos correos electrónicos de amigos. Estando lonxe da terra que un ama e que foi tantos anos –e segue a ser- o seu lar, un sinte cunha tristura más fonda esas partidas; e por iso manifestaba aos amigos aos que escribín de contado como sentía non poder estar aí para despedilos. Aínda que un saiba ben  que a morte é só un “pasamento”,  un paso ao alén, como lle chaman sabiamente os galegos; pois a vida só muda, non desaparece (“Vita mutatur non tollitur”, dicia a vella misa de defuntos). E sendo consciente de que cos cristiáns e as cristiás, e tantos millóns de homes e mulleres, creo na vida sen fin, e sei que reencontrarei a todos eses amigos novos e vellos que se foron, con toda a xente que quixen, nun mundo novo sen pena nin dor; ou, como di a vella sabedoría oriental, somos a auga da gota que vai ao océano da vida. Por iso, sei que volveremos vernos os catro e con tantos outros vellos amigos, pais, irmáns etc. á volta duns anos.

A morte é só un “pasamento”,  un paso ao alén, como lle chaman sabiamente os galegos; pois a vida só muda, non desaparece

Con todo, o cambio pola perda da cercanía quente dos que queremos é duro. E neste caso un non pode menos que dicir, como comentaba nunhas liñas rápidas aos amigos que me escribiron: Meu Deus, vaia andacio dunha volta!! Por riba, o ano que levo traballando en terras americanas, impedírame velos desde hai tempo; aínda que o vello Pepe Neira, que, a pesar dos seus anos, utilizaba computador, e felicitárame este ano no meu cumpreanos, como eu o fixen co seu. Pepe Chao e Pepe Alvilares non eran tan modernos para estas cousas, ou xa non podían facelo.

Xosé Neira Vilas era xustamente moi coñecido dos galegos, e xa levaba moitos anos figurando nos libros da literatura e da historia de Galiza, como un dos nosos meirandes escritores; como é sabido, o seu “Memorias dun neno labrego” é o libro máis exitoso da literatura moderna galega. Aínda que a morte de Anisia, a súa dona, o deixara moi tocado nos derradeiro anos, seguiu ben activo até a fin, agarimado especialmente pola xente da súa Fundación. Tiveramos moitos bos encontros nos últimos anos; eu recoñecéralle o moito que disfrutara cos seus libros, e el manifestarame o seu agradecemento particular polo que dixera -e logo escribira- do seu Balbino, nun memorable curso da UNED nos seus cincuenta anos; alí reflexionara verbo da gran sensibilidade relixiosa, a vez que crítica, que manifestaban “Memorias dun neno labrego”  e “Aqueles anos do Moncho”. El tamén me manifestara de palabra e por escrito (nun dos seus artigos da “Cancela aberta” en “El Correo Gallego”) o moito que lle gustara o meu libro “Prisciliano na cultura galega” (2010), e polo que lle estou moi agradecido. Chegara a escribir alí que este libro era “a culminación” do que lera e escoitara sobre este alicerce da igrexa e a cultura galega; que era “unha obra acabada, unha visión definitiva para todos e para sempre”; e contaba tamén que Alejo Carpentier lles escribía desde París a el e Anisia, dedicándolles os seus libros "a los priscilianistas herejes" (“aínda que o mártir de Tréveris non fora un herexe”, precisaba Neira).

Pepe era cristián e galeguista, empeñado na inculturación da fe cristiá nesta terra galega, para que a Igrexa galega fora un verdadeiro espazo e camiño de liberación

Xosé Chao Rego tamén disfrutou moito en vida de xusto recoñecemento dos galegos, como ensaísta e creador de valiosos proxectos, sobre todo no eido da  Igrexa galega. Pepe era cristián e galeguista, empeñado na inculturación da fe cristiá nesta terra galega, para que a Igrexa galega fora un verdadeiro espazo e camiño de liberación. A nosa amizade foi máis longa e intensa, polo moito que compartimos xuntos; sobre todo na revista “Irimia”. Esta foi a neniña dos seus ollos, que alentou con ilusión desde antes de nacer; algúns dos seus primeiros números case os argallamos el mais eu sos na súa casa de Vilalba, cando eu vivía tamén en terras lucenses, nas parroquias de “Tras da Corda”, a comezos dos anos oitenta. Pepe Chao era un home creativo e xeneroso, como sabemos todos os que o tratamos. Era un “animal relixioso” -como el mesmo se definira- e un “galego renacido”; de aí os seus compromisos con Galiza e coa Igrexa galega, feitos sobre todo a través dos seus moitos escritos, pois era señor das palabras e un escritor de pluma áxil. Así o teño escrito desde hai anos no meu libro “Galegos e cristiáns” (1995), en artigos para xornais e noutras diversas publicacións. Hai xa máis de vinte anos escribira en “El Progreso”: “Chao Rego, a fidelidade ás raíces” (1994). Pola súa banda, el ten escrito de min algunhas das mais fermosas verbas que se teñen dito, e polas que non podo menos de estar enormente agradecido; verbas que me emociona lembrar (Machusa, lichelas ti hai ben anos, lembras?). Falaba Pepe da miña “síntese entre o home da ruta e o estudioso da cadeira”, da “capacidade para a reflexión”, da “militancia oral e escrita”, do “sentido da amizade e o ánimo apaixonado”, da “Galicia asumida coma berce e sartego”.  Pode que sexa moito dicir que as nosas foron “vidas paralelas”, e certamente fomos diferentes, pero o certo é que  –ainda que el con máis de vinte anos máis ca min, e eu recoñeéndoo como mestre- as nosas vidas tiveron moito en común: ordenámonos de curas e logo casámonos xusto aos 25 anos de facelo (el xusto cando eu empezaba); como persoas que quixemos vivir intensamente a nosa fe relixiosa e cristián, estudamos e afondamos na teoloxía e no pensamento e fixemos unha aposta clara por unha teoloxia renovadora e unha Igrexa comprometidamente galega; ambos tivemos a “funesta manía de escribir” –que dixo alguén- e escribimos e publicamos moito (el máis de corenta libros, eu levo máis de vinte, e ambos centos de artigos), sobre todo en galego e desde o claro compromiso con Galiza (el foi o que máis paxinas en galego publicou en toda a historia da literatura galega); fixémolo bastante nos mesmos medios populares e máis cultos (coincidimos en xornais, revistas e editoriais galegas), el correxiu e prologou o meu primeiro libro (“A xeración Nós. Galeguismo e relixion”, 1988) e até chegamos a ter libros cun certo éxito sobre o mesmo tema (con el sempre por diante), como foron os nosos de ecoloxismo e cristianismo e, sobre todo, o de Prisiciliano.

Finalmente, Xosé Alvilares Moure, ainda que non resulta tan coñecido para o común dos galegos, foi outro home grande, clérigo crítico e galeguista como Chao, que tamén nos deu moitas e boas páxinas, e que me agasallou coa súa amizade xenerosa. Como Pepe Chao, a súa vida e obra enchen algunhas páxinas do meu “Galegos e cristiáns”. Alvilares era un home crítico, na Igrexa e na sociedad, rebelde, decidido defensor da renovación da Igrexa segundo os aires do Vaticano II; e tivo que pagar por iso un alto prezo que deixo reflectido no seu magnífico e longo ensaio “Memorial de agravios”, sobre o que tamén escribin ha ben anos en “El Progreso”: “¿Agravios de Alvilares?” (1993), un valioso documento para coñecer a Igrexa galega entre os anos 60-90, desde una perspectiva crítica que empezara case trinta anos antes con “¿Proceso a la Iglesia gallega?” e que seguiría nos últimos anos con “Penitencia pública” e “El contagio del tedio”. Chao e Alvilares eran intelixentes, ben formados e comprometidos coa realidade da Igrexa na que viviron; pero se o primeiro era inxenioso, o segundo era cáustico. Ambos foron homes libres e conflitivos, coma o Mestre de Nazaret. Teño que confesar que eu estou tocado polo mesmo.

Din as sabias palabras dun dito popular galego: “É de ben nacidos ser agradecidos”. Por iso, grazas Xosé Chao, Xosé Neira e Xosé Alvilares pola vosa amizade e polo moito que nos tedes dado a Galiza, aos galegos e a toda a humanidade. Sabede que nada do voso se ha perder.

Comentarios