Opinión

Vólvome ó paradiso

A semana pasada despediamos no cemiterio de San Amaro a Luz Pozo. Os seus fillos Gonzalo e Luz, Olivia e mais eu, por desexo da familia. Como lle tería gustado a Luz, non puideron estar alí máis que in spiritu o resto dos familiares, centos de amigos e institucións como a Academia Galega, os concellos de Ribadeo e Viveiro e tantas outras, xunto con tantos lectores agradecidos.

Lin os seus versos e fixen unha oración ao pé do nicho, coa emoción nas nosas caras, aínda que cubertas polas máscaras que nos impuxo a Covid; un poema que eu gardaba celosamente nun dos seus libros; enviáramo no 1995 cunha “aperta amiga de Luz”. Era a “Carta de Beatriz Vía Láctea”, que parecía ter sido escrita expresamente para ese momento, aínda que faltara a solemnidade que merecía

... todo se tornaba en himnos e plegarias

nunha chama solemne de profundis e coros de te deum

que desgaxaba a alma e facía chorar de benaventuranza.

O poema repetía en moitos dos seus versos a verba luz

Mentres me arrebataba unha luz moi preclara...

E remataba dicindo tres veces

Vólvome ó Paradiso.

Luz sabía que volvería a ese colo amoroso de Deus, de onde viña.

Non é raro que moitos dos que falaron sobre Luz Pozo xogaran co seu nome. Luz era realmente luminosa. Non só pola súa cabeleira nívea e resplandecente, pola acolledora elegancia, a xenerosidade e o sorriso con que recibía a todos; era o fulgor que irradiaba o seu ser, a súa alma boa e transparente. Esa luz devala dos seus versos, elocuentes, sempre creativos e inspiradores, cheos de espiritualidade, alén das escuridades da existencia.

Por iso, están na miña antoloxía da poesía relixiosa en galego Os ríos pasan cheos de Deus. Como escribira anos antes, Luz era das poetas galegas actuais nas que a presenza do relixioso era máis palpable nos seus versos (Galegos e cristiáns). Acaíalle ben un verso místico de Díaz Castro: “A beleza feriume para sempre”. Ela mesma tenme dito: “En min hai unha compoñente que pode ser mística”.

Luz está xa no Parnaso da nosa poesía, con Rosalía, Pura Vázquez e Xohana Torres. Con razón, a Academia dixo eses días que Luz fora unha “voz esencial da poesía galega”.

Comentarios