Opinión

Unha vitoria agridoce

As eleccións galegas supuxeron un gran triunfo para o BNG coa suba exponencial de representación no Parlamento. Parabéns. Pero foi unha vitoria “agridoce”, como ben dixo Ana Pontón, pois non se acadou o cambio agardado. Certamente, non por culpa súa, senón porque o PSOE non fixo ben os deberes e non subiu o que debía, sacándolle votos ao PP. Os outros partidos galeguistas... nada. Non digo ren que non sexa sabido.

Pero, á parte do que fixeran ben ou menos ben estes partidos nas súas campañas, a min o que máis me preocupa é que outra volta o povo galego votara a quen o esmaga e despreza caciquilmente ano tras ano; aínda que Feijóo repita que votou libremente, “con sentidiño”. Semella que aos nosos vellos lles deu o mesmo o xeito como actuou a Xunta nos últimos meses coas vergoñentas residencias privadas para eles, apoiando cos cartos públicos e premiando con medallas aos que os atenderon mal, mesmo dunha maneira que se manifestou criminal nesta crise. Ou que ao noso povo lle sexa indiferente que ese presidente e o seu partido foran matando o galego, non facendo nada fronte ao desmantelamento industrial de Galiza, e... un longo etc.

Certo que controlou de xeito caciquil a tv autonómica e controla asemade con subvencións o xornal con máis tirada e difusión de Galiza, que semella ser o boletín do partido, e logo a vergoñenta “carretaxe” de vellos. Pero o que máis me preocupa é termos un povo maiormente dependente do poder, con pouca formación política e cultura democrática, como dixen na columna da semana pasada cun expresivo exemplo. Un comentario na web dicíame que non podiamos “ser pardillos” crendo que estamos nunha democracia na que existe realmente “un xogo entre iguales”, e esta é a razón pola que a “a clase traballadora vota e apoia opcións contrarias a eles”. Non lle faltaba algunha razón... pero é o pobo que temos.

Con todo, é realmente triste que así sexa. Non tiña necesariamente que ser así, como manifestaron os resultados nas eleccións en Euskadi, onde o povo expresou co seu voto máis amor polo seu país e máis cultura democrática. Pode votarse dereitas ou esquerdas, pero sempre partidos que defendan ao seu povo fronte a quen o esmaga.

Comentarios