domingo 17/01/21

O veleno ultra na Igrexa

Nestas últimos días semella que a reacción dos ultras na Igrexa católica está a armarse máis, mostrando ferozmente as súas poutas.

Primeiro foron as declaracións de Jorge Fernández Díaz, ex ministro do Interior do goberno de Rajoy. Manifestou que o papa emérito Bieito XVI lle dixera nunha entrevista no Vaticano: “O demo quere destruír España. Ataca máis os mellores e, por iso, ataca España”. Así o revelou durante a presentación do libro La pérdida de España de Alberto Bárcena, nun vídeo que anda nas redes. O ex ministro pediulle a Bieito XVI que rezase por Catalunya. O papa seica lle engadiu: “Non o conseguirá, pero aplíquelle as ferramentas necesarias para derrotar o demo nesta batalla”. O PP parece que tomou boa nota da recomendación, e iso é o que está a facer xunto con Vox, lanzando toda a súa artillaría contra o goberno.

Pero máis indecentes me pareceron aínda as palabras dun bispo que foi con Bieito XVI nada menos que embaixador do Vaticano en Washington, e converteuse logo nun dos clérigos máis críticos co papa Francisco: Carlo Maria Viganò. Nunha carta dirixida a Donald Trump –ese fantoche perigoso–, sitúao entre os “fillos da luz” como loitador contra os exércitos de Satanás. Na carta, na que tamén interpreta a pandemia como “colosal operación de enxeñeira social” e di que os disturbios antirracistas foron provocados polos “fillos da escuridade”, o bispo engade que Trump encarna a resistencia contra os que atacan os valores da patria, a familia e o pobo; os seus críticos non serían máis que... serventes do poder escuro! Noxento.

O presidente aplaudiu inmediatamente as súas palabras e relanzounas agradecido nun dos seus explosivos tweet. E no día seguinte a ter enarborado a Biblia fronte á unha igrexa Episcopaliana, coa desaprobación da súa bispa, e tras ter desaloxado violentamente as protestas antirracistas, Trump foi facer unha visita ao santuario dedicado a Xoán Paulo II na capital USA –que recolle tamén a carta de Viganò–, visita pola que recibiu as críticas do arcebispo católico afroamericano de Washington.

Pero a Igrexa de Viganò non é a do Evanxeo, senón a dos escuros intereses dos grupos ultraconservadores norteamericanos que representa Trump.

comentarios