Opinión

Un congreso sobre Prisciliano

Este mércores 19 de setembro comezou en Compostela un Congreso sobre Prisciliano organizado por un grupo de historiadores da USC. No dia do comezo vexo nun xornal galego unha reportaxe feita coa entrevista a dous dos seus organizadores ("Prisciliano más allá de la leyenda”). As súas primeiras afirmacións parecen referidas ao que eu teño dito e escrito repetidamente sobre este “mártir da intolerancia ibera”, que dixo Castelao situando o primeiro na súa “Alba de Groria”, este precursor da cultura galega e mesmo “a meirande personalidade” da historia galega para Otero Pedrayo. Na reportaxe, os organizadores falan pexorativamente da “lenda” de Prisciliano, alimentada cunhas crenzas metidas na memoria colectiva: un nacionalista mártir da patria galega, un feminista que daba pé a que as mulleres tiveran a mesma autoridade que os homes nas súas comunidades, un ecoloxista e líder dun movemento social, un teólogo ortodoxo e á vez un teólogo da liberación defensor dos pobres... e, para o colmo, o verdadeiro inquilino da catedral de Santiago. 

Estou de acordo na afirmación que fan de que “Prisciliano é probablemente a personaxe da historia antiga de Hispania da que temos máis e mellor información”. pero, ademais, nos meus libros defendo e xustifico con abundante aparato crítico e base científica —até onde é posible facelo, cos textos antigos dos que podemos dispor hoxe e os estudios científicos realizados nos últimos cen anos— esta valoración de Prisciliano como mártir, líder dun movemento social renovador, feminista e ecoloxista avant la lettre, teólogo ortodoxo e comprometido… ademais dun asceta e un renovador da Igrexa, xa en decadencia no século IV, desde que “se deitou nos brazos de Constantino”, que di sabiamente Curros. Fíxeno até o de agora en dous libros meus (Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario, Galaxia, Vigo 2010, 2ª ed. 2012; Prisciliano, um cristâo livre. O seu eco na cultura galaico-portuguêsa, Novembro, Braga 1ª e 2 ed. 2017) e outro que editei cos traballos dun Curso de Verán que organicei coa Universidade Menéndez Pelayo (UIMP) en Ortigueira no ano 2010 (Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación, Biblos, A Coruña 2012).

Pero isto parece que non ten valor para os historiadores que organizaron este congreso; como ocorre con tantas outras cousas que se organizan nas universidades galegas, que manifestan un claro prexuízo antigalego. Na información previa que se deu do Congreso dise que non se celebrou ningún congreso no estado desde un en Zaragoza no 1980, o curso de Verán da UIMP en Pontevedra en 1981 e o da Asociación O Galo en Compostela no 2006 (do que din que as súas actas permanecen inéditas, cando en realidade si se fixo no “Dossier Prisciliano” publicado en Terra e tempo, 153, 2010); esquecendo o Curso de Verán de Ortigueira (2010) que acabo de citar. En cambio, fálase dun curso da Universidade de Porto en 2010; un curso que en realidade non chegou a realizarse, e seino a ciencia certa porque eu ía participar nel a invitación dos organizadores... Parece que a información dos organizadores era escasa. Agardamos que aprendan algo máis co Congreso.

Terán que ver estes prexuízos contra Prisciliano como mito e símbolo necesario de Galiza —como teño reivindicado—  con que este curso de Compostela non ten en galego máis que o título —quizais por aquilo da subvención da Xunta, e porque se realiza nos locais do Consello da Cultura Galega— cando as conferencias e comunicacións están e español, francés e italiano? Evidentemente a asociacións como “Amigos de Prisciliano” e outras asociacións culturais galegos, isto non lles gustou ren.

Comentarios