Opinión

San Martiño ou Prisciliano?

A semana pasada fun de novo a gozar da basílica de San Martiño de Mondoñedo ou de Foz, o más antigo templo románico da Galiza e un dos máis fermosos pola súa sinxeleza. Facía moito tempo da miña última visita e atopei o entorno cambiado; sobre todo pola creación dun  deses “centros de interpretación” que queren axudar a ver mellor o noso patrimonio.

Boa e fermosa montaxe con paneis e vídeos; pero nun dos rótulos que quere situar o templo no seu contexto histórico, baixo a figura de San Martiño de Dumio (520-579), líase: “... evanxelizador da Gallaecia, apóstolo dos suevos”. Nada que obxectar da segunda afirmación, pero si, totalmente, da primeira.

Outra volta, e nun texto moi actual (o exposición ten tres anos), atopamos o ninguneo e a vontade de eliminación histórica de Prisciliano (340-385). Aínda que as primeiras comunidades cristiás galegas son de cen anos antes, o verdadeiro evanxelizador da Galiza foi este persoeiro, dous séculos antes de Martiño de Dumio; tivo tal pegada, que, tras da súa morte, case toda Galiza chegou a ser priscilianista. O bispo Dumiense tentou por tódolos medios erradicar esta pegada popular e episcopal priscilianista. Con respecto do clero por medio dos concilios de Braga, que el mesmo presidiu (o I no 561 e o II no 572), e verbo do pobo co seu catecismo De correctione rusticorum.

A persoa e a obra de Prisciliano, bispo de Avila, na provincia romana da Gallaecia, son fundamentais na evanxelización e nos alicerces da cultura galega. Pero, durante séculos, a historia eclesiástica tentou eliminar a súa pegada como a dun herexe pernicioso, aínda que inxustamente asasinado coa vergonzosa complicidade de parte da mesma Igrexa; e a historia civil  deixouse levar acriticamente por esa visión tendenciosa do affaire Prisciliano, repetindo as súas consignas. Pero xa teño probado desde hai dez anos nos meus libros que non foi tal; e teño reivindicado a Prisciliano como unha figura histórica fundamental e un mito necesario para a identidade galega.

Comentarios