Opinión

A relixión en tempos de crise (3)

Como apuntaba a semana pasada, nesta situación da pandemia a relixión non só está aquí e agora, acompañando a vida de cada día, senón que é a vida de cada día para quen sente a Deus nese latexar de cada instante.

A escravitude do espazo coutou a semana pasada parte dunha frase desta columna: A relixión non só está aquí e agora, acompañando a vida de cada día, senón que é a vida de cada día para quen sente a Deus nese latexar de cada instante.

Remataba daquela dicindo que o papa Francisco promulgara había poucos días un decreto de “indulxencia plenaria” especial para os que morran nesta pandemia.

Eu aplaudín algunhas palabras de Francisco nestes días. Como as que lle dixo a Jordi Évole na súa segunda entrevista: “Deus perdoa sempre. Nós perdoamos de vez en cando. A natureza non perdoa nunca”.

Ou o que dixo noutro lugar verbo da posibilidade de dar a absolución colectiva a varios fieis xuntos “sen previa confesión individual”; porque “Deus perdoa sempre”... e o seu perdón non depende dun rito. Unha práctica que desde hai moitos anos faciamos bastantes curas nas nosas comunidades, co agradecemento da xente, as veces con bagoas nos ollos: “Hoxe si me sentín perdoada”. E como precisamos sentirnos perdoados! Pero esta práctica causou daquela condenas do bispo a algúns curas. Nesa liña, alegroume que o papa falara tamén do valor da “confesión directa”, dos fieis ante Deus, sen ter que facelo diante do cura.

Pero non comparto a súa renovación da “indulxencia plenaria”, que proclamou nun documento publicado pola Penitenciaría Apostólica (¡!) vaticana, ofrecendo esta “indulxencia”, ou perdón total dos pecados, aos enfermos de coronavirus e aos seus coidadores. Porque a indulxencia é o mesmo Deus; non é cousa do papa nin do bispo. A indulxencia plenaria non pode ser outra cosa que o amor pleno de Deus, regalado a tódolos seus fillos; é a mesma identidade plena do Deus-indulxente-amoroso. En boa teoloxía cristiá, non podemos menos que dicir que a “indulxencia” é a actitud constante e permanente de Deus; que é clemente e misericordioso, que só sabe amar e que nunca “retrasa” por nada a manifestación dese amor incondicional aos seus fillos e fillas, suxetándoo a normas teolóxicas, e menos a decretos canónicos como este.

Comentarios