Opinión

A relixión en tempos de crise (2)

A semana pasada tentaba responder á pregunta de onde vai a relixión nestes momentos de doenza e morte. Hai un “baleiro importante”? Así semella ser nos noticiarios rtv, os xornais e a Rede. “Parecería que nin a relixión ni a espiritualidade xogan xa ningún rol”, dicíame un lector agradecendo o meu artigo. Pero o certo é que a relixión está aquí e agora, acompañando a vida de cada día; máis aínda, é a vida de cada día para o crente, que sente a Deus nese latexar de cada instante.

Os espazos relixiosos si que están a manifestar esa presenza; como unha “ética samaritana” e como a axuda da relixión. Falan dos sanitarios crentes e das ducias de curas e monxas mortos polo coronavirus; sobre todo en Italia, moitos por axudar e dar esperanza a xente, algún mesmo dándolle o seu respirador. O bispo de Ferrol, Luis Ángel de las Heras, manifestaba: “Son moitos os curas e as monxas en situación de risco polo seu labor”. Particularmente na atención que segue a ter Caritas ás persoas sen fogar e os emigrantes, para os que “#QuedaNaCasa” é unha contradición que hai que desfacer; os seus centros de día seguen abertos co lema “a caridade non pecha”. Asemade, o traballo dos capeláns nos Hospitais –noutras ocasións demasiado invisible, ou por non saber como facer ou por lacazanería– e nos tanatorios como unha axuda para enfermos, finados e familia.

O papa Francisco dicíalle Jordi Évole: “[Fronte a quen perdeu a un ser querido] o último que faría é dicirlle algo. O que trato é facerlle sentir a miña proximidade; pois é máis importante a linguaxe dos xestos que a das palabras”.

Con todo, estes días abondaron as palabras e os ritos relixiosos. Multiplicouse a presencia de ritos e misas en tv e na Rede; misas en streaming, oracións e mesmo paseos polas rúas coa custodia co Santísimo. Algún bispo criticou sabiamente este exceso: “Tratamos aos crentes como se non souberan rezar. ¿Non vos parece que tanta Misa polas pantallas mantén ás persoas na pasividade?... Parecemos máis comerciais do relixioso que persoas de Deus” (Gómez Cantero, bispo de Teruel, aos curas).

O mesmo papa orou polas familias que comezan a sentir a necesidade por non poder traballar. Fixo una beizón urbi et orbi, nunha escena impresionante na inmensa praza de San Pedro baleira, e promulgou un decreto de “indulxencia plenaria” especial para os que morran nesta pandemia. Pero disto falarei na próxima: a indulxencia é Deus, non algo que da o papa.


 

Comentarios