Opinión

A relixión en tempos de crise (1)

Onde vai a relixión? Preguntábase o amigo Suso de Toro nesta páxina. “Onde vai a relixión?... nun momento no que estamos obrigados a encarar con ansiedade a doenza e a morte”; e falaba dun “baleiro importante”. Eu, que me considero persoa crente-relixiosa, e que quere pensar a relixión (teólogo), coido que teño algo que dicir; con sinxeleza e humildade, porque xa pasaron os tempos da prepotencia relixiosa.

A relixión está na vida de cada día, na das mulleres e homes que rin e que choran, nos que sofren e desesperan e nos que os atenden, nos que atopan e dan razóns para vivir en tempos de desalento. Unha relixión ben vizosa sobre todo cando está imbuida de espiritualidade, e –para os cristiáns- de Evanxeo, máis que de dogmatismos e normas, de ritos ríxidos e intolerantes, de autoritarismo e formas xerárquico-patriarcais.

A relixión está na atención aos enfermos e aos máis indefensos e desgraciados deste mundo, aos últimos e aos que ven a morte de preto. Pero tamén nos que queren vivir a vida con sentido, unificada; nos que están abertos ao Misterio, a Deus, nos que buscan unha plenitude á que se senten chamados. Nos que, aínda vendo a enfermidade e a morte como algo serio e de temer, non lle teñen pavor porque saben que é so un “pasamento” a máis vida, como di sabiamente a sabedoría galega; nos que senten que vimos do Amor e imos cara ao Amor.

Niso está a relixión e a espiritualidade que a debe impregnar, máis que nas procesións e solemnes cerimonias, que poden axudar a algúns, pero afastan a outros moitos da experiencia relixiosa. Con todo, son home de eucaristía, de celebración gozosa da presenza de Cristo. Non me gusta a contraposición doada entre relixión e espiritualidade persoal; aínda que coido que esta debe estar sempre por riba da outra, considero que credos e celebracións comunitarias poden axudar á experiencia espiritual.

Willigis Jäger, un místico do noso tempo, monxe bieito e mestre zen, que finou hai poucos dias, ten dito: “Non tes por que ter medo. ¡Estende as túas mans! Serás levado. Ao remate teremos que facer tan só unha única cousa: desapegarnos. Ditoso aquel que remata a tempo a súa busca fora, querendo volver á casa paterna”, coma o fillo do relato evanxélico do Pai bo.

Comentarios