Opinión

Pasarmos do luns á “segunda feira”

¿Por que en canto cruzamos a raia do Miño escoitamos chamarlle aos días da semana segunda-feira, terza-feira, cuarta/corta-feira, quinta-feira e sexta-feira, no canto de Luns, Martes, Mércores, Xoves e Venres (o sábado e o domingo chámanse igual)?¿Por que ao falar dos días laborais da semana semella que cambiamos de país máis que se imos a Madrid e mesmo a París ou Roma? 

Con algunhas honrosas excepcións, na meirande parte da Galiza, no canto de chamarlle aos días laborais coma os nosos irmáns portugueses cos que compartimos lingua, facémolo coma os españois (Lunes, Martes, Miércoles, Jueves, Viernes), os franceses (Lundi, Mardi, Mercredi, Jeudi, Vendredi) e os italianos (Lunedi, Martedi, Mercoledi, Giovedi,Venerdi). Nos tres países nomeáronse os días da semana cos nomes  que lle deron os romanos nos tempos do imperio; os nomes dos vellos deuses cos que nomearan os planetas, representación de algúns dos seus deuses: Lunae dies (Lúa), Martis dies (Marte, deus da guerra), Mercurii dies (Mercurio, deus dos negocios), Jovis dies (Júpiter, señor dos deuses), Veneris dies (Venus, deusa do amor e da fertilidade). Os ingleses fixeron outro tanto, aínda que cos deuses nórdicos, e nomearon os días de luns a domingo: Mon-day (o dia da Lúa),Tues-day (por Tiw, o deus da guerra), Wednes-day (Woden, o rey dos deuses), Thurs-day (Thor, deus do trono), Fri-day (Freya, deusa do amor), Satur-day (o día de Saturno) e Sun-day (o dia do Sol). De xeito semellante, fixeron os alemáns coas particularidades: Mon-tag (Mond, día da Lúa), Diens-tag (por Ziu, o deus da guerra), Mittwoch (o dia do medio da semana),  Donners-tag (Donar),  Frei-tag (a deusa Frija), Sams-tag (dia so sabbat), Sonn-tag (de Sonne, o sol). Curiosamente, os alemans utilizan o Sabbat (“dia de descanso” dos acadios e logo dos xudeos) como tódalas linguas romances.

A “culpa” de que os nosos irmáns portugueses nomeen os seus días doutro xeito tena un santo de hai máis de mil catrocentos anos: San Martiño de Dumio

 

A “culpa” de que os nosos irmáns portugueses nomeen os seus días doutro xeito tena un santo de hai máis de mil catrocentos anos: San Martiño de Dumio. Un bispo do s.VI (Panonia 510/520-Braga 580), considerado o “apóstolo dos suevos”, por ser o meirande responsable da súa conversión do arianismo ao catolicismo. Figura de importancia capital para a historia da cultura e a lingua galego-portuguesa, que contribuíu á vertebración do territorio coa estrutura parroquial do seu Parochiale suevorum. Os séculos V-VI foron na Gallaecia un século de creación e esplendor cultural; foron os séculos do priscilianismo, que veu combater este bispo que viña de lonxe (Panonia/Hungría), e a chegada dos suevos tras da caída do Imperio romano. Martiño chega á Gallaecia arredor do 550, á antiga cidade romana de Bracara Augusta, que pasara a converterse en capital do Reino Suevo. Funda un mosteiro en Dume, preto de Braga, que co tempo converterase no principal centro de difusión da cultura e espiritualidade cristiá no norte da península Ibérica.  Primeiro bispo de Dumio e logo arcebispo de Braga, participa activamente no I Concilio de Braga (561/ 563), convocado para poñer fin ao priscilianismo, e no 572 preside o II Concilio de Braga.

Na súa obra De correctione rusticorum, considera indigno que os bos cristiáns continúen a chamar aos días da semana segundo os nomes pagáns; cre que isto significa continuar coa práctica da idolatría: Lunae dies, Martis dies, Mercurii dies... Saturni dies e Solis dies (Sol). Por iso propuxo usar a terminoloxía eclesiástica cristiá feriae (día de): Feria secunda, Feria tertia, Feria quarta, Feria quinta, Feria sexta, Sabbatum Dies e Dominica Dies. Cousa que xa fixeran algún Santos Padres como Agostiño e Tertuliano. O bispo realiza unha defensa pechada do domingo como día de descanso, pois compre santificar este dies Dominus, dedicado ao Señor Xesús. A nova terminoloxía pasou a ser empregada oficialmente por parte da sociedade civil no ano 563, após o I Concilio de Braga. 

Na súa obra De correctione rusticorum, San Martiño Dumio considera indigno que os bos cristiáns continúen a chamar aos días da semana segundo os nomes pagáns

 

Así di Martiño en De correctione rusticorum: “¡Que tolemia que un home bautizado na fe de Cristo non celebre o dia do Señor, en que Cristo resucitou, e diga que garda o día de Xúpiter e de Mercurio e de Venus e de Saturno, que non son donos de ningún día, senón que foron adúlteros e magos e malvados e morreron de mala maneira no seu propio país! Pero, como xa dixemos, baixo a forma destes nomes os homes necios veneran e honran aos demos”.

Esa tradición continuaría a nivel popular en Portugal e nalgúns lugares de Galiza, e logo oficialmente no novo Reino independente de Portugal desde o século XII. ¿Por que non podemos agora tódolos galegos chamar os días da semana con estes nomes tamén tan nosos? Así o propón unha campaña de A Mesa pola Normalización Lingüística: “Nós feiramos de 2ª a 6ª”, que presentou en Padrón o pasado domingo 25 nas terras de Rosalía de Castro e nas celebracións do seu día.

Comentarios