Opinión

Otero e o evanxelismo ruso

Un aspecto pouco coñecido de Otero Pedrayo é a súa admiración polo “evanxelismo ruso”, xunto con Risco e Cuevillas. Este último ten falado da “lonxana Rusia que nós admirabamos tanto, pola súa literatura, o seu orientalismo e o seu cristianismo evanxélico” (“Dos nosos tempos”). O “evanxelio utópico ruso” é o xeito de vivir o cristianismo proposto por Tolstoi cara ao final da súa existencia; sobre todo no Evanxelio de Tolstoi, En que consiste a miña fe, Resurrección e El Reino de Dios está en vosotros. Hai poucos anos publicouse a última en castelán (Kairós, 2016), o libro preferido de Gandhi en Sudáfrica, que o converteu ao pacifismo. Tolstoi definíase como “anarquista cristián”, chamando a vivir ao xeito de Xesús Cristo con sobriedade de vida.

Otero ten falado de Tolstoi en máis dun artigo. Sobre todo en “Verbas evanxélicas” (El Pueblo Gallego 9/2/1930): “Diante da enorme conxuración das forzas inferiores, deberíase espallar polo mundo a exemplaridade dos que puideramos chamar Evanxeos menores”. Entre estes sitúa a Tolstoi, a carón de Francesco de Asissi, o Mestre Mateo e Johann Sebastián Bach.

Exaltando a obra de Berdiáiev, socialista cristián desterrado polo goberno soviético, escribe Otero noutro lugar: “Berdiaeff ten cega fe no seu pobo ruso... que aspira a unha vida nova na verdade. Gogol, Dostoievski, Tolstoi, Solovieff... tódolos grandes queren unha transfiguranza relixiosa, un ceo novo i unha terra nova. A ialma rusa... procura doorosamente unha iluminación miragrosa da vida humán e do mundo enteiro” (“Dúas opiniós de Nicolás Berdiaeff”, ANT, 1/11/1926).

Don Ramón cita estas palabras de Berdiaeff: “A cultura non é a realización dunha nova vida, é a realización de novos valores. Tódalas súas conquistas… crean no vivir presente valores espirituales”. Por iso, Otero escribe que “a transfiguranza da vida non se fai só na cultura, pois hai nela unha limitanza da voluntade de vivir un trunfo espiritual sobre a materialidade”; engadindo que moitas veces isto leva non cara ao espírito senón cara ao “materialismo económico”, que ven ser “a morte da cultura”.

Comentarios