Opinión

Os dous papas

“Os dous papas” (The Two Popes) é un filme que estreou recentemente Netflix nalgúns cines e sobre todo na súa plataforma dixital; co papa emérito Benedicto XVI e o papa Francisco, interpretados respectivamente por Anthony Hopkins e Jonathan Pryce. O filme, coa magnifica interpretación destes dous grandes actores, está dirixido por Fernando Meirelles, coñecido director dos bos filmes “Cidade de Deus” e “A cegas”, e admirador confeso do papa arxentino.

A peli é unha historia baseada nestes dous persoeiros da Igrexa actual, coñecidos antagonistas. Está ben feita, cun bo ritmo; pero, aínda que se di inspirada en feitos reais, está construída desde a ficción dun suposto encontro entre Ratzinger-Bieito XVI e o cardeal Bergoglio pouco antes da inesperada renuncia do primeiro no ano 2013. O guión ten un xeito periodístico e resulta un pouco simple, con pouca fondura espiritual, pero acada unha forma fascinante nos diálogos, que manifestan un aprecio polos seus personaxes. Mesmo por Ratzinguer, a pesar das poucas simpatías populares que tiña como cardeal e logo como papa. Hopkins representa a un Josef Ratzinger implacable e irónico, pero afectuoso e vulnerable; e Pryce a un Jorge Bergoglio locuaz e teimudo, converso e profético que recoñece os seus errores pasados.

O novo filme busca humanizar o papado, como fixera hai décadas Michael Anderson con “As sandalias do pescador” (1968), cun inesquecible Anthony Quinn encarnando un papa achegado a xente. Pero presenta dúas maneiras ben diferentes de entender a Igrexa, e mesmo dúas concepción teolóxicas e eclesiais contrapostas. Fronte a unha Igrexa autoritaria, representada por Ratzinger-Bieito XVI, cérbero da ortodoxia intransixente e fiel servidor do reaccionario Xoan Paulo II, que moitos agardabamos que non chegara ao papado, presenta a Igrexa aberta de Francisco, que foi unha verdadeira primavera para unha Igrexa decadente, sumida nuns escándalos que semellaban poder acabar coa milenaria institución.

Con todo, esa primavera e esas esperanzas tamén se foron ralentizando e mesmo frustrando, para moitos cristiáns que agardaban uns cambios reais na Igrexa que non se foron realizando, ou só de xeito moi livián.

Comentarios