Opinión

O evanxeo laico de Curros

O amigo e colega nestas páxinas Paco Rodríguez falaba nun dos seus últimos artigos do carácter evanxélico da poesía de Curros, “como se consciente da carencia dunha Igrexa identificada co pobo galego, a poesía tivese a misión de espallar a boa nova da necesaria redención de Galiza”. E falaba do seu “papel de evanxeo laico”.

Paco recoñecía que, ao igual que Rosalía e Pondal, Curros “bebeu no cristianismo”. Como teño manifestado no meu libro Galegos e cristiáns (1995), non só bebeu el e os dous compañeiros desa trindade galega, senón que os tres foron sempre fondamente cristiáns, aínda que heterodoxos verbo da praxe da Igrexa; e foron profetas para un pobo  precisado de redención. A súa heterodoxia tiña máis que ver coa institución da Igrexa católica, que coa fe do Credo. O seu non era un problema cos dogmas, senón coas leis e actuacións da Igrexa, que, como recolle o noso articulista, éralles “fondamente hostil”.

Curros é o berro de denuncia contra a opresión dos poderes civís e relixiosos; “a estrofa contra a inxusticia, o ariete asestando golpes”, di Otero Pedrayo. Un poeta anticlerical, pero non antirrelixioso nin anticristián, que arelaba ser “o poeta que trai a boa nova”, agardando que “detrás de min... como detrás de Cristo, virán as xentes todas” (“Encomenda”, Aires da miña terra).

Curros é anticlerical porque pensa que a Igrexa católica traizoou a mensaxe de Xesús Cristo; pero é xenuinamente cristián, como ten dito hai anos Xosé Alvilares (Proceso a la Iglesia gallega, 1969; Aínda é de noite, 2008) falando dos “clamores proféticos” de Curros, e eu teño estudiado no libro citado. Crítico coa Igrexa, sobre todo despois da vergoñenta reacción da igrexa ourensá contra Aires da miña terra. O bispo excomulgouno, pero el abandoou a Igrexa católica que non a fe cristiá, e fíxose evanxélico. No seu compromiso, chegou a ser colportor, axente evanxélico ao serviz dunha Sociedade Bíblica asentada en España, encargado de facer circular a Biblia.

Remato cuns versos seus: “Dios, a quen prugo deixar / moitas cousas incompretas,/ impúxolles ós poetas/ o deber de as terminar” (“A espiña”).

Comentarios