Opinión

Non! Eu digo non! Digamos non!!

“Hem vist la por

ser llei per a tots.

Hem vist la sang

-que sols fa sang-

ser llei del món.

No,
jo dic no,
diguem no.
Nosaltres no som d’eixe món.

Hem vist qu’han fet

callar a molts

homes plens de raó”.

Os versos de Raimon, que cantabamos nos derradeiros anos do franquismo, resultan tremendamente actuais case cincuenta anos despois. “Vimos o medo ser lei por todas partes. Vimos o sangue ser a lei do mundo… Vimos calar a moitos homes cheos de razón… Non, eu digo non, digamos non. Nós non somos deste mundo”. É raro non telo visto aínda en ningures, en tantas verbas ditas e escritas entre onte e hoxe. Certamente, coas verbas evanxélicas (“O meu Reino non é deste mundo”), moitos non somos dese mundo violento, que quere impor os privilexios do poder e do capital mesmo coa forza das armas, disfrazados dos tópicos de “a lei” e “a democracia”, fronte aos que queren outra cousa. Porque paréceme que isto é o que máis peso ten aquí: o medo á votación de independencia e a posible separación de Catalunya  do resto do estado español é, sobre todo, porque o capital español, e unha parte importante dos españois, ten medo de perder os cartos dos cataláns; aínda que non o digan en ningún momento, e falen da “realidad histórica de la España una” e da “Santa” Constitución.

Alén das cuestións políticas de estar ou non de acordo coa independencia de Catalunya –eu persoalmente sentiría perder irmáns tan egrexios, maduros e creativos-, os sucesos deste 1-O superaron todos os límites democráticos e da convivencia nun estado moderno desenvolvido. E non, como dixeron os fachas, por culpa do presunto “goberno secesionista” e antidemocrático da actual Generalitat, culpable de todos os males, senón pola violencia que o goberno autoritario español exerceu sobre o pobo catalán. Violencia física fronte a xente indefensa; mesmo a xente máis indefensa: vellas, vellos e nenos; o sangue dos primeiros vímolo nas estarrecedoras imaxes da tele. 

“Non é a unidade de España a que está sendo atacada a porradas, é a democracia”, berraba o xornal francés Liberation no seu editorial esta mañá –volvo citar prensa francesa, aínda que alguén me criticara o anterior artigo por ter feito tal cousa-. O texto titulábase expresivamente “Violences en Catalogne: la défaite de Mariano Rajoy” (Violencia en Cataluña: a derrota de Rajoy), e dicía sensatamente: “Que puido pasar pola cabeza do presidente español para pensar que unha neutralización violenta das operación do voto podería arranxar os problemas?”. 

“Non é a unidade de España a que está sendo atacada a porradas, é a democracia”, berraba o xornal francés Liberation no seu editorial esta mañá

 

Eles non eran os únicos en tomar unha postura crítica fronte á actuación violenta do goberno do PP contra os pacíficos cidadáns de Catalunya que, contra o que lles dixeron até o ultimo día (que non podían votar; ameazáronos con multas e cárcere), saíron ás rúas coreando algo tan democrático como “Queremos votar”... e votaron –mesmo curas e bispos-. A prensa internacional fíxose amplo eco nas mesmas portadas, desa violencia policial que todos vimos en vivo e en directo. Desde xornais franceses (Le Monde, Le Figaro...), até ingleses (The Guardian, The Telegraph, Financial Times... e sobre todo The National de Escocia), alemáns (Süddeutsche Zeitung), italianos (La Stampa, Corriere dela sera), norteamericanos (The New York Times), rusos, suramericanos, brasileiros... Até a mesma cadea estadounidende CNN titulou a súa reportaxe: “The shame of Europe” (A vergoña de Europa).

Rajoy contrapuxo a violencia policial desde o goberno do estado á desobediencia civil pacífica dos cataláns. Porque, contrariamente ao que se dixo de “manipulación” da cidadanía catalá por parte dos líderes dos partidos independentistas, e mesmo da estupidez de servirse de “escudos humanos” para defender o centro de votación –que até iso oímos na tele-, foron homes e mulleres, adultos e sobre todo a xente moza, os e as que saíron á rúa (“As rúas serán sempre nosas!”) cunha envexable madurez política e social, como acreditou sempre o pobo catalán, desde os primeiros foros e os tempos da II República até a moderna democracia. 

Os feitos do domingo descualifican totalmente e lexitimidade dun goberno que pretende ser democrático e moderno. Este clamor contra un goberno autoritario e antidemocrático, por moito que se escuden na Constitución e a Lei, non é só o dos cataláns; é de tantos homes e mulleres de todo o estado, particularmente os galegos que non puxemos a bandeira española nas fiestras das casas e preferimos manifestarnos contra un estado policial represor, como fixemos a serán/noite do domingo en A Coruña.

Rajoy contrapuxo a violencia policial desde o goberno do estado á desobediencia civil pacífica dos cataláns

 

Con razón, Liberation dicía que España non pode retomar o camiño que fixemos nos corenta anos do franquismo, “un camiño sanguento que coñece demasiado ben”. A paz e os dereitos da xente son máis importantes que “la unidad inviolable de la patria”, que repetiu dias atrás o españolismo, desde a dereita más reaccionaria até a máis moderada, e mesmo parte da esquerda. 

Fascismo nunca máis! A violencia autoritaria ás cloacas da historia.

Comentarios