Opinión

Malo para a xente, bo para o planeta?

O coronavirus, xa declarado pandemia mundial, parece que vai facer colapsar as nosas sociedades de oriente a occidente, aínda que non supoña os máis de 5 millóns de mortos da gripe española de 1918.

Pode soar duro o título da miña columna, coma un menosprezo da vida humana; pero semella que esta nova enfermidade pode supor unha axuda a volta do equilibrio no noso mundo, tan desequilibrado polos nosos atentados diarios contra a natureza. Pero, recuperar ese equilibrio supón tamén recuperar a nosa harmonía rota.

Cando o cambio climático causado por unha economía depredadora e o xeito de vivir dos países desenvolvidos está chegando a niveis mais que preocupantes polos desastres naturais que está ocasionando e os que van vir, o bloqueo da actividade e o colapso da produción e o consumo na China e na industrializada Italia –e os que virán en España, Francia, Alemaña...USA- xa está producindo nunha baixa considerable da contaminación do planeta. 

“Creo que o universo ten a súa maneira de devolverlle o equilibro ás cousas segundo as súas propias leis, cando estas se ven alteradas”, escribía estes días un agudo comentarista italiano (F. Morelli). Acaso esta diminución obrigatoria da produción e do noso ritmo frenético de vida, que nos obriga/rá a quedar quitiños na casa día tras día, axudará a volverlle o equilibrio perdido ao planeta?

Nun mundo de políticas e ideoloxías discriminatorias, este virus pode facernos experimentar que os privilexiados europeos podemos converternos en discriminados. As escolas pechadas pode que nos obrigue tamén a atender máis aos noso fillos e buscar alternativas para o seu tempo; pode que nos obrigue a valorar máis o contacto humano alén da pura relación virtual/electrónica; e mesmo pode que nos faga acougar a nós mesmos, aprendendo a valorar o tempo non só con magnitudes económicas e volvéndonos ao noso propio interior.

En calquera caso, fronte ao individualismo occidental, este virus vai obrigarnos a facer piña cos outros, a valorar máis o noso próximo e a pertenza a un colectivo. Pode levarnos a recoñecer que sen eles non podemos subsistir.  

Comentarios