Opinión

Golpe de estado contra a democracia e as liberdades en Catalunya

Hai tempo que non cumpro cun labor querido e coidado durante anos: o artigo de opinión; en Sermos Galiza desde hai case dous anos. Estar fóra do pais, o traballo cotián, un certo sentimento de cansazo polo exceso de palabra verbal ou escrita que nos enche cada día, a mentira e a manipulación dos medios, sobre todo os xornais, vendidos completamente a quen paga: o capital, lévame cada vez máis a ser parco coa pluma.

Pero o que estamos a vivir estes dias fíxome saltar da cadeira e dicir: xa abonda! Dá noxo! Con noxo vira, oíra e lera nos meses pasados as opinións vertidas cada día nos xornais e na meirande das cadeas de radio e tv españolas nos seus noticiarios contra os partidos políticos de esquerda e nazonalistas. O das últimas semanas contra o lexitimo dereito dos cataláns a opinar, decidir e votar o seu futuro, xa foi o colmo. Tiven que botar unha ollada a diarios franceses -coma noutrora, cando o ditador non nos deixaba escoitar Radio France, porque só alí se escoitaba a verdade do que acontecía no propio país- para atopar un xuízo sobre o que estaba a acontecer en Cataluña; xuízo que logo oín berrar aos estudantes desde o campus da Universidade Autónoma de Barcelona: Coup d’État du gouvernement espagnol en Catalogne, golpe de estado do goberno español en Cataluña. 

Tardei en aceptar o feito de que o que estaba a acontecer en Catalunya era un golpe de estado; a miña muller, Christina, tardou menos, como boa francesa de tradición republicana, nacida e educada nunha sociedade de liberdades. No fondo, a pesar do que ía vendo, eu dicíame: estamos nunha democracia, aínda que goberne un partido de dereitas con moito de autoritarismo fascista, con partidos de esquerdas no parlamento.... non se pode dar un golpe de estado; non pode haber un novo 23F.

Tardei en aceptar o feito de que o que estaba a acontecer en Catalunya era un golpe de estado; a miña muller, Christina, tardou menos

 

Pero velaí: o 19 de setembro o estado, aínda que non verbalmente, si de feito, o goberno dun país democrático europeo declara o estado de excepción en Cataluña; suspende, de feito –como dixo publicamente o presidente Puigdemont- o autogoberno catalán, dá un golpe de estado e requisa coas forzas policiais os seus medios económico, sociais e administrativos, detén os seus directivos... E a xente, sobranceiramente os dirixentes dos partidos españois chamados “constitucionalistas” e os medios de comunicación españois, non se inmuta, e aínda din que ¡xa era hora! 

Un diario tan pouco sospeitoso de ser radical de esquerdas como Le Monde dicíao xa o 19 e o dia anterior falaba xa de Le retour de l’autoritarisme en Espagne (a volta do autoritarismo en España), cando “o estado español non estaba no pelotón de cabeza das democracias”, pois segue marcado polo peso de corenta anos de franquismo e a súa política autoritaria. O dia 20 falaba logo claramente de “golpe de estado”: “Un coup d’État du gouvernement espagnol en Catalogne? C’est l’expression qui revient souvent depuis ce matin, après l’entrée en force de la police paramilitaire espagnole dans plusieurs sièges du gouvernement catalan pour procéder à des arrestations… Le gouvernement espagnol a fait un coup d’état contre la Generalitat de Catalunya. De manière illégale et en violation de leurs propres règles”. Un golpe de estado no que a “policía paramilitar española” arresta dirixentes políticos e obreiros, “de maneira ilegal e violando as súas propias regras”. Para concluír dicindo algo que xa parece obvio: “La gravité de ces faits est immense… Le gouvernement espagnol a décidé d’entrer dans une phase d’agression sans précédent et de bafouer toutes les limites démocratiques de base. Ce que nous vivons, c’est donc un coup d’État”.

Un diario tan pouco sospeitoso de ser radical de esquerdas como Le Monde dicíao xa o 19 e o dia anterior falaba xa de Le retour de l’autoritarisme en Espagne (a volta do autoritarismo en España)

 

Convén recordar que o estado de excepción, a suspensión provisional e extraordinaria dos dereitos xurídicos nunha sociedade, é o medio normal de actuación dos gobernos autoritarios; modernamente desde Hitler a Guantánamo. O PP semella ter convertido isto en algo normal, lexítimo e democrático por ser “constitucional”, vinculando dereito e violencia. Pero ambas cousas son antagónicas nunha verdadeira democracia, que defenda a xustiza, a paz e os dereitos da xente. E mesmo o art. 7 do Tratado da Unión Europea di: “Suspensión do Estado membro que fai uso militar contra a poboación”. Acaso a Garda Civil non é unha forza senón militar, si paramilitar? Un diario alemán (Deutsche Tageszeitung)  fala dela como a “policía da ditadura” que ataca o lexítimo goberno catalán: “Ditadura: A policía española entra nas oficinas do Govern catalán… O comportamento do Goberno central español contra o Govern rexional catalán non ten nada que ver coa democracia e a vontade das persoas, senón coas fronteiras internas da Unión Europea (UE), o despotismo e a ditadura”.

O de Catalunya é un verdadeiro golpe de estado contra a democracia. Pero para os medios de comunicación españois, semella que non: Non hai tal golpe de estado -non o oín en ningunha cadea de radio e tv-; a ditadura non é a do goberno do PP, senón é a dos partidos que defenden a independencia de Catalunya e queren facelo nun referendo ilegal. A pesar do talante pacifico que están a manifestar os dirixentes cataláns, nomeadamente Oriol Junqueras. Non cito literalmente medios de aquí, porque é un discurso abondo coñecido, desde La Voz de Galicia e El País até TVE e a mesma SER. Cando isto escribo, non sabemos aínda até onde chegará a violencia deste golpe de estado. Queremos crer que o clamor popular de mozos e vellos, mulleres e homes de Catalunya e outras parte da Iberia atope un eco nos bos e xenerosos de todos os pobos da Iberia, e caia por terra dunha vez a ditadura corrupta e autoritaria do goberno do PP. Unha vez máis, a moitos resúltanos evidente o berro que percorría hai anos as rúas po país: “A culpa de quen é? ¡Dos que votan ao PP!”.

Comentarios