Opinión

George Floyd, os negros, os indios...

Aínda que as xeneralizacións son odiosas e moitas veces inxustas, USA é un país racista, violento e, por riba, armado até nas casas. É significativo disto, o feito de ter elixido como xefe un tipo tan noxento coma Donald Trump, un motherfucker president –en galego soa peor... –, como repiten xa moitos norteamericanos. Este elemento é xordo ás mobilizacións dos seus concidadáns contra a violencia policial pola morte de George Floyd, un estadounidense cuxo único delito era ser negro. O brutal asasinato é sintomático dunha sociedade impregnada de violencia –a de cada día nas rúas e a institucional–, de discriminación racial –non só contra os negros, senón tamén contra os indios que case aniquilaron, os hispanos etc.– e dunha desigualdade extrema, aínda que non estea arriba de todo no ranking mundial.

No canto de escoitar a xente pacífica nas rúas, Trump reforzou a resposta da policía coa garda nacional contra o seu pobo. Mesmo chegou a mofarse do seu opoñente político Joe Biden, que se axeonllou en homenaxe á vítima –nun xesto repetido por todo o país e noutras partes do mundo pedindo perdón–, dicindo: “os covardes axeónllanse”. Por riba, tras dispersar a forza unha protesta diante dunha igrexa, ergueu blasfemamente unha Biblia na man, berrando: “Orde!”.

Este aspecto relixioso é dos máis noxentos neste caso, pois Floyd era unha persoa pacífica e relixiosa. Cristiáns –co papa Francisco á cabeza–, xudeus, musulmáns, hindús, budistas, taoístas e outros moitos líderes relixiosos estadounidenses denunciaron a “enfermidade moral e espiritual do racismo”, e aliáronse para presentar un plan de 8 puntos contra o racismo, a través de “Relixións pola Paz”. Un bispo africano –Franklyn Nubuasah, prelado en Botswana– escribiu unha conmovedora carta ao seu amigo Floyd, que coñecera nun encontro casual nun partido de béisbol en Pittsburgh, do que nacera unha amizade duradeira con George e a súa familia. A carta foi publicada na web da Conferencia Episcopal de Sudáfrica: “¿Como podo esquecerte, George? –escribe lembrando o “corazón grande e acolledor” do amigo–. Acendiches un lume que arde a favor da paz e o cambio… Por iso, os teus ollos non se pecharon coa morte, ao contrario, sempre permanecerán abertos”.

Comentarios