Opinión

Fagamos Igrexa galega

A semana pasada falaba da desilusión polo feito de que o papa Francisco, no último documento, non tomara decisións que cambiaran a estrutura clerical, normalizando que os curas puideran ser casados nin mulleres.

Hai unhas semanas, Mª Pilar García Negro falaba non só de desilusión, senón de desgusto por ter participado por enésima vez na despedida relixiosa dun curmán en castelán. "Galego era a lingua dos que edificaron esta igrexa e galego foi o idioma natal do finado"; pero nin con esas. Titulaba o artigo "A Igrexa, impermeábel ao galego". Dicía que pensara titulalo "Cregos galegos, non tedes perdón de Deus!"; pero que cambiou o título porque "talvez non faga xustiza aos que si o son non só de nacencia e/ou de morada, senón aos que se senten, se pensan e practican como galegos". De contado lle dixen que podería ter mantido o título, porque os curas galegos que exercen como tais non se ían molestar, pois saben que son excepción.

A Igrexa na Galiza contemporánea –non Igrexa galega– foi sempiternamente reacia ao uso do galego; antes do Vaticano II –coa excepción dos curas de Logos– e despois, cando o Concilio recomendou o uso das linguas vernáculas na liturxia. Teño escrito do tema, pero haberá que seguir facendoo, por palabras como as de Mª Pilar.

Afortunadamente, hai leigos/as, monxas e curas que seguen teimando na galeguización desta Igrexa. O último proxecto foi a plataforma "Fagamos Igrexa galega"; convocada desde grupos de Vigo, particularmente a editorial SEPT, que publicou en 1989 a Biblia galega, que leva xa tres edicións e están preparando a cuarta. Un grupo de persoas, parroquias e movementos de toda Galiza que se reuniron en Vigo e Compostala para "devolver a ilusión e a esperanza a todos os que traballaron no eido do galego na Igrexa, unir forzas e elaborar proxectos para toda a comunidade eclesial galega", particularmente no uso do galego nas celebracións. Estabamos algúns/as dos de sempre, pero habia xente nova. Por iso, "temos futuro, temos mañá", que cantaba "Fuxan os ventos". Bendita ilusión!

Comentarios