Opinión

Espiña e a CCHN

Hai dez anos que finou Manuel Espiña (1933-2010) na súa querida Coruña. O cabodano foi ao comezo da pandemia, e a coronavirus comeu o espazo que merecia nos medios de comunicación. Un común amigo, Siro, acaba de lembrárnolo nun artigo.

Espiña estivo moi presente nos medios durante anos; sobre todo coa súa colaboración de La Voz de Galicia “O Outeiro de San Xusto”. O Outeiro –que unha vez tivo que aparecer como “El Oterito de San Justino” (8-1-93)...– foi a columna máis lonxeva deste diario; puntual de maneira semanal ininterrompida desde o comezo do ano 1970, até que no 2002 lle censuraron un artigo (“As canonizacións”) que criticaba implicitamente a Escrivá de Balaguer; el dixo que ou llo publicaban ou non volvia escribir alí. E así o fixo, rematando a súa histórica colaboración. Espiña tíñame confesado nunha conversa para o meu libro Galegos e cristiáns: “O Outeiro obrigoume a un compromiso progresivo e cada vez máis radical con Galicia e co meu cristianismo”.

No Outeiro dixera Manuel xa no 1984: “O crego non pode limitarse a ser sacerdote, senón que tamén debe ser profeta” (17 de Outubro); unha idea que configurou asemade o labor do seu discípulo e amigo Moncho Valcarce.

Pero quería dicir dúas palabras dun aspecto menos coñecido, pero non menos importante de Manuel: a súa relación coa CCHN. Estas siglas non son dun ente secreto, senón da “Comunidade Cristiá do Home Novo”, que fundou no 1973. El foi o seu cura e ela foi a neniña dos seus ollos; o espazo que lle permitiu levar adiante un xeito de Igrexa máis comprometida, particularmente no aspecto galeguizador; contra o arcebispo Suquia e ad lateres. A comunidade foi o apoio incondicional máis íntimo en todo o que facía e o seu caxato máis forte na recta final da súa vida.

Son o seu sucesor nela por expreso desexo seu, e logo tamén a miña dona Christina Moreira; aínda que a comunidade é totalmente democrática. Contra vento e marea –ás veces con críticas inmisericordes– seguimos sendo una comunidade viva e activa até hoxe; fiel ao seu espírito e, sobre todo, ao espírito dese outro rebelde que foi Xesús de Nazaret.

Comentarios